O Ministerio de Facenda vende por 8.000 euros un xacemento paleolítico en Vilalba

O terreo no que se atopa o acubillo de Pena Grande, destacado en azul na cartografía do Catastro CC-BY-SA Praza Pública

O doutor José Ramil Soneira, médico e tamén pioneiro da arqueoloxía en Galicia, realizou a finais dos anos 60 do século pasado en Vilalba un descubrimento excepcional. Achou o acubillo de Pena Grande: na contorna dunha formación de rochas na parroquia de Santaballa. Daquel xacemento saíron case mil pezas conservadas no Museo da Prehistoria da capital da Terra Chá, que o propio doutor fundou e dirixiu: pezas de seixo, sílex ou cristal de rocha; burís, raspadeiras, puntas de lanza... O achado do doutor Ramil Soneira tornou Pena Grande no xacemento do Paleolítico superior máis importante de Galicia, unha contorna digna de conservación e estudo que, se ningunha autoridade o remedia, dende mediados de decembro pode ser mercado por calquera que dispoña duns 8.000 euros.

O xacemento da Pena Grande está incluído agora nun predio de algo máis de 35.000 metros cadrados, resultado da unificación de varios terreos sen propiedade coñecida procedentes da concentración parcelaria na contorna. O 26 de agosto de 2016 a Dirección Xeral de Patrimonio do Estado declarouna "alienable", isto é, susceptible de ser vendida ao considerar que "non resulta necesaria para o uso xeral nin para o servizo público" e tampouco "resulta conveniente a súa explotación". Foi por iso que a incluíu no paquete de 30 leiras que se dispón a poxar o día 15 de decembro ás 11 da mañá no salón de actos da Delegación de Economía e Facenda de Lugo, na antiga sede do Banco de España na rúa do Teatro da capital lucense.

A leira que sae a poxa o día 15 é o resultado da unificación de varios terreos da parcelaria sen propiedade coñecida

O  Ministerio ten aberto ata o vindeiro día 11 á unha da tarde o prazo de presentación de ofertas en sobre pechado para o procedemento de "poxa á alza", segundo figura na resolución publicada no BOE o pasado día 20. A parcela do acubillo de Pena Grande é o lote número 25, do que facenda achega os detalles ordinarios como a referencia catastral, a inscrición no Rexistro da Propiedade "de Villalba" e o seu emprazamento xeográfico. Xunto a estes aspectos, agrega que "nesta leira existen dous xacementos arqueolóxicos", xa que ademais do devandito acubillo existe tamén un petróglifo.

Referencia a Pena Grande na convocatoria da poxa

Protestas do Concello, de En Marea e BNG

Esa mínima advertencia sobre a presenza do xacemento na leira foi o pouco que puido conseguir o Concello de Vilalba, segundo afirmou ao xornal El Progreso o actual director do Museo da vila, Eduardo Ramil, quen asegura que o consistorio tentou sen éxito manter a propiedade en mans municipais para poder protexela e, ademais continuar as excavacións arqueolóxicas. Ás protestas e advertencias sumáronse tamén nos últimos días En Marea e BNG, que anuncian iniciativas ao respecto tanto no Parlamento galego como no Congreso dos Deputados.

Dende o consistorio asegúrase que tentaron, sen éxito, manter o predio en mans públicas

Nesta liña, o deputado lucense de En Marea Miguel Anxo Fernán Vello dirixiuse xa por escrito ao Goberno de España para lle reprochar que "poña á venda o terreo sen ter en conta que no lugar se atopa un conxunto arqueolóxico de enorme valor", o cal "indica a falta de información, transparencia e coñecemento" por parte da Administración do Estado. "Como é posible que se decida levar a poxa un conxunto de gran valor artístico e patrimonial?", pregunta o parlamentario, que reclama ao Ministerio a "cesión gratuita" do predio á Xunta "para "poñelo en valor dende un punto de vista patrimonial e histórico".

Fernán Vello e Rodil reclaman a paralización da poxa e que o terreo pase a ser competencia da Xunta

Tamén o BNG anunciou xa unha iniciativa para reclamar a paralización da venda e que a Xunta asuma as competencias sobre Pena Grande en virtude da lei de patrimonio. Este xacemento, resalta a deputada Olalla Rodil, é "parte fundamental" do Museo da Prehistoria de Vilalba, toda vez que del proceden pezas  como un colgante "datado hai máis de 17.000 anos, considerada a peza máis antiga do noso país". Ao seu xuízo, un xacemento deste valor "non pode pasar a mans privadas" que "moi posibelmente" poden promover a "destrución do lugar tal e como o coñecemos, poñendo en risco a súa supervivencia, por exemplo, coa plantación de eucaliptos", tal e como "xa acontece actualmente nas inmediacións do lugar".

O acubillo de Pena Grande, nunha imaxe difundida polo IES Basanta Silva de Vilalba Dominio Público IES Basanta Silva

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.