Nos últimos anos, foron varios os xacementos arqueolóxicos danados por traballos forestais no norte da provincia de Lugo. Castro da Croa (Alfoz), Castro de Lourido (Viveiro), Castro da Vela (Xove), Castro Vello (Foz), Castro dos Calixos (Barreiros), Os Castros da Coubeira (Mondoñedo), Castros de Sendín (Lourenzá), Castros de Vilamor (Mondoñedo), Castro Aurela (Friol)... Son só algúns dos arredor de 40 afectados pola corta e o transporte da madeira de eucalipto. A asociación ecoloxista Adega e o colectivo Mariña Patrimonio levan máis de ano e medio documentando e denunciando estas actuacións ante a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta ou ante o Seprona. A última, ante o servizo da Garda Civil, de hai tan só uns días, pola desfeita provocada no xacemento protexido dos Castros, na parroquia de Celeiro de Mariñaos, en Barreiros.
Adega e Mariña Patrimonio levan tempo denunciado e documentando os danos da industria do eucalipto no patrimonio
Segundo denuncian as dúas entidades, na parcela afectada realizáronse "distintas intervencións, con importantes remocións de terras para a repoboación con novas plantas de eucalipto". Todo indica, tal e como advirten, que as intervencións levadas a cabo neste ben patrimonial "non contaron coa preceptiva autorización de Patrimonio" polo que, nese caso, serían "ilegais" xa que "puideron danar gravemente un ben patrimonial protexido pola lei".
Adega e Mariña Patrimonio lémbranlle á industria do eucalipto que, "grazas á Internet e ás múltiples imaxes que están á disposición de todo o mundo, as cortas, plantacións e remocións de terras son moi fáciles de detectar". Ademais, advírtenlles que é posible acoutar as datas nas que se realizan as intervencións e "mesmo se nun xacemento protexido foi utilizada unha pa mecánica ilegalmente".
Desta vez o afectado e a parcela dos Castros, en Celeiro de Mariñaos (Barreiros)
As infraccións en materia de patrimonio poden ser sancionadas con multtas de 300 a 6.000 euros, as infraccións leves; de 6.001 a 150.000 euros, as consideradas graves; e de 150.001 a 1 millón de euros as moi graves. "É recomendable que calquera intervención sobre un xacemento arqueolóxico protexido, conte coa autorización previa do Servizo de Patrimonio".
Tanto Adega como Mariña Patrimonio levan tempo denunciando que "as responsabilidades destas desfeitas distribúense a partes iguais entre a industria do eucalipto e a Xunta". "A primeira, por actuar irresponsablemente e sen un mínimo respecto por un patrimonio que é de todos, só centrada na produción a toda costa para satisfacer a cobiza de ENCE". E subliñan "como a industria do eucalipto actúa con total impunidade e con absoluto desprezo polo noso patrimonio ao danar un xacemento arqueolóxico catalogado e protexido".
No tocante ao Goberno galego, "a súa responsabilidade é quizais maior, por abandonar o seu labor de coidado, vixilancia e control dun valiosísimo patrimonio público", destacan, facendo fincapé "no desleixo por parte da Xunta de Galicia".