En 1925 Olimpia Valencia converteuse na primeira muller galega licenciada en Medicina. Fíxoo na Universidade de Santiago, onde uns poucos anos antes obtiveran o seu título as irmás Jimena e Elisa Fernández de la Vega, nacidas en Vegadeo (Asturias). A Facultade de Medicina da USC renderá homenaxe á súa primeira licenciada galega, dándolle o nome de Olimpia Valencia á biblioteca do centro e ademais organizará un acto de recoñecemento.
A Facultade de Medicina da USC renderá homenaxe á súa primeira licenciada galega, dándolle o nome de Olimpia Valencia á biblioteca do centro e ademais organizará un acto de recoñecemento
Valencia naceu en Baltar (Ourense) en 1898. Filla única dunha familia acomodada, con 12 anos trasladouse a Vigo, onde se preparou na Academia Minerva para presentarse por libre ao Bacharelato. Decidiu estudar Medicina, aínda que era unha carreira e unha profesión practicamente vedadas ás mulleres, e na que a súa presenza provocaba, cando menos, sorpresa, como ela mesma recoñeceu nunha entrevista publicada en 1971: "o choque, a sorpresa, produciuse, en efecto. Máis entre a xente allea á Universidade que entre alumnos e catedráticos. Estes tiñan para min constantes deferencias".
Semella que o tivo algo máis doado que as irmás Jimena e Elisa Fernández de la Vega, que si sufriron máis presións no seu paso polas aulas. Como relata Ánxela Bugallo no Album da Ciencia do CCG, "un compañeiro de clase as escoltaba ata as aulas porque as increpaban. Ante os comentarios despectivos levantaban a cabeza e seguían adiante".
Ingresou na facultade en 1919, licenciándose seis anos despois, con 19 matrículas de honra e premio extraordinario de licenciatura
Ingresou na facultade en 1919, licenciándose seis anos despois, con 19 matrículas de honra e premio extraordinario de licenciatura. Quixo ser neumóloga e traballar na clínica do doutor Gil Casares, onde se trataban enfermidades do pneumotórax. Porén, acabou decidíndose pola especialidade de xinecoloxía. Fíxoo, como explica Carmen Pérez Pais no Álbum de Mulleres do CCG, "por presións familiares (naquel tempo non se xulgaba oportuno que as mulleres tratasen medicamente os homes) e tamén por influencia dos catedráticos, que pensaban que tiña que dedicarse a cuestións relativas á maternidade".
Despois de realizar a súa tese de doutoramento en Madrid, instalouse en Vigo, onde abriu unha clínica, que mesmo anunciou en prensa: "Olimpia Valencia. Especialista en enfermedades de la mujer".
Foi detida e pasou catro días no cuartel da Garda Civil acusada de pertencer ao Partido Galeguista (acusación que ela negará) e de ter trato con xente de esquerdas
Olimpia Valencia aceptou encabezar en xuño de 1931 un chamamento de apoio aos candidatos galeguistas da provincia de Pontevedra e outro en xuño de 1936 en prol do si no Plebiscito do Estatuto Galego, ambos os dous documentos estaban asinados só por mulleres. Como relata Pérez Pais, en febreiro de 1937 "foi detida e pasou catro días no cuartel da Garda Civil acusada de pertencer ao Partido Galeguista (acusación que ela negará) e de ter trato con xente de esquerdas".
Iso tróuxolle aínda máis problemas e moitas persoas deixaron de ir á súa clínica, buscando traballo tamén na Seguridade Social. Con todo, seguiu traballando na súa clínica particular ata os anos 70, con ao redor de 80 anos. Morreu en 1987.
No ano 2017 foron colocadas dúas placas conmemorativas, unha por parte do Concello de Vigo e outra pola Irmandade da Sanidade Galega, no edificio onde tivo a súa consulta. Ademais, en outubro de 2019 a Xunta anunciou que o seguinte uso para o edificio das Seccións da Audiencia dos Xulgados de Vigo, cando se trasladen á nova Cidade da Xustiza, será un centro de saúde co nome de "Olimpia Valencia".
"Demostrou posuír unha vocación ben definida e unha gran personalidade, para vencer as fortes resistencias e presións sociais ante o acceso dunha muller a unha profesión considerada daquela propia de homes"
"A doutora Olimpia Valencia demostrou posuír unha vocación ben definida e unha gran personalidade, para vencer as fortes resistencias e presións sociais ante o acceso dunha muller a unha profesión considerada daquela propia de homes", destacou Pablo Vaamonde neste artigo, que engadía: "Olimpia Valencia é unha pioneira, unha muller íntegra, exemplar no seu compromiso, que levou unha vida austera dedicada ao exercicio da profesión a ao servizo aos seus conveciños". "Este país necesita referentes, precisa revisar e súa historia recente e honrar ás persoas xenerosas que traballaron toda a vida para axudar aos demais e procurar un futuro mellor", remataba.
O acceso da muller á universidade, a partir de 1910
1910 foi un ano clave para o acceso da muller á educación superior en España. O 8 de marzo dese ano promulgouse unha orde que recoñecía o dereito das mulleres a cursar estudos libremente nos centros oficiais de ensino, como destaca Xoana Pintos Barral na súa tese de doutoramento, As mulleres nos estudos experimentais na Universidade de Santiago: 1910-1960, na que debulla as historias de 85 mulleres científicas que estudaron na Universidade de Santiago de Compostela entre 1910 e 1960.
Antes de 1910 xa o fixera Manuela Barreiro, en Farmacia. E despois chegaron en Medicina as irmás Fernández de la Vega (1913), en 1919 a propia Olimpia Valencia. A continuación, tituláronse Mª Luisa Fernández Cascallar (1920), María Piñeiro Estrella (1921) e María Freire Garabal (1921), tamén en Medicina. En Farmacia, despois de Manuela Barreiro, as cinco primeiras licenciadas foron as irmás Marina e Manuela Caldeiro Calvo, Sara Fernández Casas e María López Cotarelo (as catro no ano 1914) e María García Berdiales (1917).