O Consello de Contas critica que entes paralelos da Xunta fraccionan contratos para adxudicalos discrecionalmente

Rueda coa anterior e o actual responsables da Axencia Turismo de Galicia e relación de incumprimentos en materia contractual dos entes paralelos da Xunta CC-BY-SA Praza Pública - Xunta de Galicia

O ente fiscalizador revela todo tipo de irregularidades, froito dunha mala planificación, nos procedementos de contratación de entidades como Turismo de Galicia, CRTVG, Sogama, Igape ou Augas e Portos de Galicia

O Consello de Contas, órgano independente de fiscalización das administracións públicas galegas, fixo público este mércores un informe sobre a contratación pública nas entidades instrumentais da Xunta, entre as que se atopan entes tan relevantes como a CRTVG, Turismo de Galicia, Sogama, Igape, Augas de Galicia, Portos de Galicia, IGVS ou a Fundación Cidade da Cultura. A auditoría revela como en diversas entidades, "particularmente na Axencia de Turismo de Galicia", recórrese ao fraccionamento de contratos para adxudicalos discrecionalmente en lugar de convocar concursos públicos aos que se poida presentar calquera empresa. En xeral, o informe atribúe esa e outras irregularidades a unha mala planificación das necesidades de contratación desas entidades. 

'Bandeiras vermellas' sinaladas polo Consello de Contas nos contratos menores dos entes paralelos da Xunta © Consello de Contas

O informe agora feito público por Contas analizou a contratación no exercicio 2018 dos entes paralelos da Xunta -excluídos os do ámbito sanitario- estudando mostras representativas de cada tipo de contratos. Nese ano as entidades instrumentais da Xunta adxudicaron 24.428 contratos por un importe global de 328 millóns de euros. 51 deses millóns (o 16% do volume total e o 95% dos contratos) foron entregados en contratos menores, os que pola súa contía individual poden ser adxudicados discrecionalmente ou a dedo á empresa que se considere, en lugar de ter que convocar un concurso público ao que se presente calquera interesado. 

Contas lamenta que as entidades analizadas esgrimiron de forma "xeneralizada" como argumento para recorrer aos contratos menores o feito de que pola súa limitada contía podían ser adxudicados dese xeito. "Non se está dando preferencia a outros procedementos máis respectuosos cos principios da contratación", di Contas, que engade que "desta forma, convértese en ordinaria unha forma de tramitación que a lei prevé como excepcional".

Contas censura que os entes paralelos usan os contratos a dedo non para cuestións excepcionais senón mesmo para necesidades permanentes

Pero ademais do abuso dos contratos menores, Contas tamén detecta irregularidades no seu emprego. Así, en 14 casos dos analizados as adxudicacións superaron os límites económicos para ese tipo de contratacións. E no 65% das entidades analizadas detectouse "a superación do límite temporal dun ano mediante a prestación continuada de servizos que responden a unha necesidade permanente co mesmo obxecto e co mesmo contratista". Isto é, se o que se estaba a contratar era un servizo por máis dun ano, iso xa non podía ser considerado como un contrato menor e debía ser contratado a través dun concurso aberto.

De entre esas irregularidades no uso dos contratos menores, unha das máis graves é a do fraccionamento indebido do obxecto do contrato para repartir a súa contía en varios contratos menores que poidan ser entregados discrecionalmente en lugar de convocar un concurso público. Contas detectou ese proceder especialmente na Axencia de Turismo de Galicia, pero tamén no Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Augas de Galicia e o Instituto de Estudos do Territorio.

Algunhas das irregularidades detectadas polo Consello de Contas nas contratacións dos entes paralelos da Xunta © Consello de Contas

Segundo o informe de Contas, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) é unha das entidades que máis recorre aos contratos menores en relación co global das súas contratacións, máis do 90%. Por detrás, o Igape, o Xacobeo ou a Academia Galega de Seguridade Pública adxudican a través de contratos menores entre o 70% e o 90% da súa contratación total, mentres que a CRTVG ou o Instituto de Estudos do Territorio sitúan esa modalidade entre o 50% e o 70% das súas adxudicacións.

Pero o informe de Contas tamén analiza os concursos públicos convocados polos entes paralelos da Xunta, e tamén nese eido detecta irregularidades. Así, no caso de concursos con criterios dependentes de xuízos de valor, as puntuacións finalmente outorgadas con arranxo a eles "non se motivaron suficientemente no 34% dos contratos que incluíron ese tipo de criterios". Un incumprimento da lei de contratos que "conculca os principios de obxectividade e transparencia que deben garantirse na selección da mellor oferta". 

Ademais, Contas tamén censura que a configuración da web da Xunta na que se fan públicas as contratacións non permite unha adecuada fiscalización e tratamento dos datos alí colgados. 

Pazo de San Marcos, sede da Deputación de Lugo © Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo "debe mellorar" a súa ciberseguridade

Noutro informe, Contas considera que a Deputación de Lugo "debe mellorar" a súa ciberseguridade, empezando por "identificar e actualizar todos os sistemas que se atopan fora do período de soporte" 

Xunto con este informe sobre a contratación nos entes paralelos da Xunta, o Consello de Contas tamén fixo público este mércores outro informe sobre os controis de ciberseguridade na Deputación de Lugo. O documento considera que a institución provincial "debe mellorar para acadar os niveis esixidos no Esquema Nacional de Seguridade". O informe de Contas non detalla todos os incumprimentos, que foron transmitidos de xeito confidencial á Deputación para evitar que a súa divulgación poida supoñer un maior risco. Pero si identifica como prioridade, dado o elevado risco que supón e o baixo custe que implica, "identificar e actualizar todos os sistemas que se atopan fora do período de soporte". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.