O ente fiscalizador recomenda á Consellería de Facenda que mellore os procedementos para facilitar o "acceso universal" á información contractual
En Galicia hai un total de 89 entidades que conforman o denominado sector público autonómico, fundamentalmente entes paralelos da Xunta, pero tamén das universidades. Teñen a obriga de remitir os seus contratos ao Consello de Contas segundo diversos procedementos en función do tipo de entidade ou do importe, pero non todas o fan. Así o reflicte o ente fiscalizador das administracións galegas nun informe feito público este martes que di que das 89 entidades "só 53 cumpriron correctamente coa obriga de comunicación" dos contratos nos exercicios 2021 e 2022, mentres que "as restantes 36 entidades non remitiron información contractual ou a información remitida é incompleta".
Entidades que non remiten información contractual:
Consorcios:
- Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG)
- Centro Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA)
- Consorcio de abastecemento de auga dos Concellos de Cervo e Burela
- Consorcio local Os Peares
Sociedades públicas:
- Sodiga Galicia, Sociedade de Capital-Risco, S.A.
- Xenética Fontao, S.A.
- Xesgalicia, Sociedade Xestora de Entidades de Capital Risco
Fundacións:
- Fundación Feiras e Exposicións de Ourense
- Fundación Pública Galega Camilo José Cela
- Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica
- Fundación Pública Galega para a Tutela de Persoas Adultas
- Fundación Semana Verde de Galicia
- Instituto Feiral da Coruña
Outras entidades:
- Parlamento
- Valedor do Pobo
Sector universitario:
- Universidade de Vigo
- Consorcio Centro de Investigación e Tecnolóxica Matemática de Galicia (CITMAga)
- Consorcio para o Desenvolvemento de Aplicacións de Xestión Universitaria (CIXUG)
- Fundación Dieta Atlántica
- Fundación Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte
- Fundación Universidade de Vigo
- Fundación Universidade Santiago de Compostela
- Cidade Tecnolóxica de Vigo, S.A.
- Cidade Universitaria, S.A.
- Cursos Internacionais Universidade Santiago de Compostela, S.A.
- Sociedade Promoción de Iniciativas Empresariais Innovadoras, S.L.
- Sociedade Xestora de Intereses Universidade Santiago de Compostela, S.L. (UNIXEST)
Entidades que remiten información contractual incompleta:
Sociedades públicas:
- Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A. (GALARIA)
- Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A. (SPI)
- Xestión do Plan Xacobeo, S.A.
- Xestión do Solo de Galicia-Xestur, S.A.
Fundacións:
- Fundación Centro Tecnolóxico da Carne
- Fundación Centro Tecnolóxico de Supercomputación
- Fundación Feiras e Exposicións de Lugo
- Fundación Pública Urxencias Sanitarias Galicia 061
Sector universitario:
- Fundación Rof Codina
Tras unha primeira análise do cumprimento da obriga por parte das entidades, Contas remitiu requirimentos expresos ás incumpridoras, a gran maioría das cales atendeunos ou deu explicacións. Pero tres delas rexeitaron a notificación de Contas. É o caso de Sodiga, a sociedade pública coa que a Xunta canaliza os seus investimentos de capital risco, e de dúas empresas ligadas ás universidades: Cursos Internacionais Universidade Santiago de Compostela, S.A. e Sociedade Promoción de Iniciativas Empresariais Innovadoras, S.L.
Ante as deficiencias detectadas, Contas recomenda á Consellería de Facenda, como responsable de coordinación en materia de contratación pública das entidades analizadas, que mellore os procedementos técnicos para garantir e simplificar "o acceso universal" á información contractual dispoñible.
O informe agora feito público por Contas pon o foco nas dificultades do propio ente fiscalizador para supervisar a actuación das entidades públicas se estas non lle facilitan o traballo remitíndolle información. Sobre o fondo da cuestión, isto é, sobre as irregularidades dos propios contratos, Contas fixo público en xaneiro un informe a partir dunha mostra significativa de expedientes de contratos menores, os que se poden adxudicar sen concurso público.
Aquel informe detallou todo tipo de irregularidades, incluídos fraccionamentos ilegais de contratos para adxudicalos discrecionalmente, así como eivas froito dunha mala planificación, nos procedementos de contratación de entidades como Turismo de Galicia, CRTVG, Sogama, Igape ou Augas e Portos de Galicia.