Os ritmo de novos positivos de coronavirus descende en Galicia por cuarto día e as mortes achéganse a 150

CC-BY-NC-SA Praza Pública

O balance deste 3 de abril reflicte 4.645 casos positivos activos en Galicia, o que supón un novo descenso no ritmo de aumento e tamén o cuarto día no que a suba é menor ao 10%

Os casos positivos activos de coronavirus en Galicia descenden o seu ritmo de incremento por cuarto día consecutivo e a súa suba en vinte e catro horas é a menor en termos porcentuais dende que o Servizo Galego de Saúde comezou a fornecer datos sobre o impacto da pandemia no país. O balance feito público este venres, 3 de abril, indica a existencia de 4.645 casos positivos activos, un 5,85% máis que no día previo. É a cuarta xornada no que o ritmo de aumento descende e tamén a cuarta na que a fai por baixo do 10%.

Nun contexto de leve incremento das hospitalizacións, a actualización de datos deste venres reflicte tamén que as altas medran agora a un ritmo que duplica ao incremento dos falecementos, que xa son 149, un 14,62% máis que no día anterior, segundo os datos fornecidos polos hospitais e recompilados por Sanidade. Este número, confirman fontes do Goberno galego, non inclúe ás persoas que viven en residencias de maiores e falecen por coronavirus sen chegaren a ser ingresadas no hospital.

Mentres, a Consellería sinala que xa foron dadas de alta 435 persoas. É un avance un chisco superior ao 30%.

A baixada no ritmo de detección de novos casos prodúcese mentres o Sergas indica que continúa o incremento de test do coronavirus. As probas PCR realizadas ata este 3 de abril eran xa 23.324 -o xoves, día 2, eran 21.360-.

Lixeiro aumento das hospitalizacións

Precisan de asistencia en UCI un total de 176 persoas, un 6,67% máis que no día anterior; non obstante, máis do 75% das persoas con positivos activos están illadas a domicilio

No referente ao indicador clave para a xestión sanitaria da pandemia, as hospitalizacións, os datos deste 3 de abril reflicten un lixeiro incremento tanto na entrada en UCI como na ocupación de camas hospitalarias ordinarias, aínda que en ambos casos lonxe dos días de maior incremento. O Sergas informa que están a precisar de asistencia en UCI un total de 176 persoas, un 6,67% máis que o día anterior, rompendo así unha tendencia á baixa que xa se prolongaba algo máis dunha semana: o ritmo descendía dende o día 24, cando os ingresos en UCI aumentaban por riba do 24% en vinte e catro horas.

Tamén aumenta un chisco as hospitalizacións en unidades ordinarias, que xa son 870, un 6,23% máis. Non obstante, máis do 75% dos casos positivos por covid-19 que permanecen activos son de persoas en illamento domiciliario. Esta cifra de persoas illadas fóra de recintos hospitalarios chega xa ás 3.589, cun incremento diario do 5,71%.

Vigo, única área con máis de 1.000 casos ata o momento

No que atinxe á distribución dos casos detectados por áreas sanitarias, a de Vigo segue sendo polo momento a única con máis dun milleiro de casos activos, se ben a da Coruña está próxima a esa cifra, con 954. Ourense continúa como a terceira área sanitaria cun maior número de positivos e achégase aos 700, mentres que Santiago se aproxima aos 600. 

A área sanitaria de Lugo xa superou tamén o medio milleiro de casos detectados. Mentres, por baixo dos 400 seguen tanto Pontevedra como Ferrol.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.