A Residencia de Tempo Libre da Xunta en Patos (Nigrán) está habilitada dende comezos de mes para acoller ás usuarias e usuarios das residencias de anciáns intervidas polo Goberno galego (como a DomusVi Barreiros e a DomusVi Aldán) que deran negativo nas probas de coronavirus. Nas instalacións habitan un total de 22 residentes.
Dúas mulleres que foron trasladadas do centro DomusVi intervido polo Goberno galego en Vigo e que en principio non estaban infectadas, deron positivo por coronavirus nas últimas horas
Porén, este martes o Goberno galego vén de confirmar que dúas mulleres desas 22 residentes deron positivo por coronavirus. Unha delas, de 93 anos, tivo que ser ingresada no Hospital Álvaro Cunqueiro pola situación clínica que presentaba. A outra, con síntomas leves, vai ser trasladada de volta á residencia DomusVi Barreiro, que acolle unicamente a persoas infectadas pola Covid-19.
Dende a Consellería de Política Social infórmase de que "se seguiron todos os protocolos sanitarios establecidos" e de que as dúas mulleres (ao igual que as restantes 20 persoas residentes) deron negativo nas dúas primeiras probas PCR que se lles realizaron, que foron combinadas con probas de detección de anticorpos (que só pode dar positivo varios días despois da infección). Porén, as dúas mulleres comezaron a presentar síntomas compatibles coa enfermidade, polo que foron inmediatamente illadas en dúas das seis habitacións destinadas a este fin en Patos. Practicóuselles unha terceira proba PCR, que nesta ocasión si deu positivo.
Ignórase se foron contaxiadas en Nigrán ou se houbo un erro nas probas que se lles realizaran antes do traslados e que tiveran un resultado negativo
Política Social destaca que "tanto os usuarios como o persoal da residencia de Patos seguen estritamente todos os protocolos de protección, limpeza e distancia recomendados polas autoridades sanitarias".
Ignórase se as dúas mulleres puideron chegar a Patos xa infectadas, dando falsos negativos nas dúas probas PCR que se lles realizaron. As PCR teñen unha fiabilidade elevada, pero que non chega ao 100%. A outra posibilidade é que o contaxio se producira xa na residencia de Nigrán. Política Social destaca que tamén se lle realizaron probas PCR a todo o persoal que actualmente exerce en Patos, dando negativo en todos os casos.
“Non pode ser que haxa un contaxio nun centro creado para salvar dos contaxios ás persoas maiores que están sas”, dixo Gonzalo Caballero
Pouco despois de coñecerse as dúas infeccións, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, volveu esixiu a Alberto Núñez Feijóo que compareza no Parlamento para explicar "que pasa nas residencias de maiores" e tamén o contaxio de coronavirus que se produciu en Nigrán, nunha residencia "habilitada para illar a persoas maiores que estaban sas", lembrou.
“Non pode ser que haxa un contaxio nun centro creado para salvar dos contaxios ás persoas maiores que están sas”, dixo Caballero, quen subliñou que "houbo erros nas decisións tomadas pola Xunta neste eido e hai que aclaralos". Finalmente, Caballero criticou que o Goberno galego “non dubidou en poñer á delegada da Xunta a recibir aos maiores que ingresaban nesa residencia”.
Tamén CIG-Autonómica denuncia a existencia dunha "mala xestión da crise" e acusa á Xunta de "neglixencia". E afirma que ao persoal que traballa na residencia non se lle realizaron probas ata o 8 de abril, seis días despois da chegada dos primeiros residentes ao centro.