Os farmacéuticos e farmacéuticas son un dos colectivos que teñen que facer fronte ao coronavirus de forma máis directa
Os farmacéuticos e farmacéuticas son un dos colectivos que teñen que facer fronte ao coronavirus de forma máis directa. As boticas continúan abertas, ofrecendo un servizo fundamental, e por elas pasan todos os días un gran número de persoas. As farmacias adoptaron importantes medidas de seguridade, que hai uns días detallaba en conversa con Praza.gal Nina Villasuso, farmacéutica en Mugardos e vogal da Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Farmacéuticos da Coruña.
Mamparas de protección, entrada individual da clientela gardando en todo o momento unha distancia de seguridade e o uso de máscaras e luvas de protección son algunhas delas. Porén, no último mes foron moitos os e as traballadoras infectadas, case medio milleiro en toda España, segundo os datos que manexaba hai unha semana o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos.
Este xoves coñeceuse o falecemento dun farmacéutico da Coruña, infectado polo coronavirus hai días
En Galicia eran un total de 35 os e as profesionais enfermos de coronavirus, correspondentes a 30 farmacias, o que obrigara a pechar un destes establecementos. Nina Villasuso subliñaba a importancia de tomar medidas de precaución, para "asegurar que as farmacias se poden manter abertas, sobre todo en lugares pequenos nos que só hai unha".
Este xoves coñeceuse o falecemento dun farmacéutico da Coruña, infectado polo coronavirus hai días. O finado traballaba nun establecemento do barrio de Os Rosais no que outra das farmacéuticas está hospitalizada, sufrindo tamén o coronavirus. Trátase do primeiro traballador dunha farmacia galega que falece por mor do virus.
A campaña #Nonbaixamosagarda quere enviar "unha dobre mensaxe", de ánimo á poboación e de recoñecemento ao colectivo de farmacéuticos e farmacéuticas
O Colexio Oficial de Farmacéuticos da Coruña iniciou hai dúas semanas a campaña #Nonbaixamosagarda, coa que quere enviar "unha dobre mensaxe". Por unha banda, "de ánimo para a poboación que chega á súa terceira semana de confinamento e que vive unha paralización total da vida laboral e social para atender a esta emerxencia sanitaria". Pero tamén unha mensaxe de apoio e recoñecemento ao colectivo de farmacéuticos e farmacéuticas. A propia mensaxe de "non baixamos a garda" refírese tamén a que "as farmacias seguen abertas para os medicamentos que sexan necesarios".
Este luns, ademais, o Consello Xeral de Colexios Farmacéuticos ofreceu ao Ministerio de Sanidade a distribución controlada de máscaras á poboación a través do cartón sanitario, sen marxe para as farmacias e ao prezo intervido que estableza o Goberno