A tendencia na evolución da pandemia da COVID-19 en Galicia continúa un día máis sen cambios no fundamental, a estabilidade ou estancamento nas cifras de novos casos diarios. Este domingo, 21 de marzo, o Sergas engade ao seu cómputo 107 casos novos, os rexistrados entre as seis da tarde do venres e a mesma hora do sábado. A media de diagnósticos mediante PCR nos últimos sete días naturais con datos completos (ata o venres, 19) mantense tamén sen mudanzas relevantes, na contorna dos 130.
O Sergas suma 107 casos novos e a media diaria de diagnósticos a 7 días segue roldando os 130
Todo isto sucede, non obstante, nun contexto que, no máis inmediato, cómpre ter en conta a influencia da xornada festiva do venres nalgúns indicadores. Especialmente nos de hospitalización -nas xornadas festivas, como sucede habitualmente os domingos, tramítanse menos altas- e tamén no número de probas PCR procesadas -apenas 1.175 entre as cero horas e as seis da tarde do sábado-.
Esta dinámica permite que, un día máis, as cifras de casos activos continúen descendendo. Este indicador asistencial quedou ás seis da tarde do sábado en 2.519 persoas -no peche do venres eran 2.626-. Mentres, a cifra de persoas que o Sergas dá por "curadas" por superaren a infección chega ás 110.921. Mentres as cifras de altas epidemiolóxicas sigan sendo superiores ás de novos casos, os "positivos activos" continuarán descendendo.
178 concellos sen casos en sete días, 130 sen eles en dúas semanas
Á espera de que, a partir do martes, o conxunto de datos retome previsiblemente o seu ritmo cotián e, con el, sexa máis precisa a imaxe da situación, a estabilidade segue sendo tamén a tónica dominante no mapa de incidencia acumulada (casos novos por cada cen mil habitantes), alén de certas mudanzas moi locais. Deste xeito, o número de concellos sen casos novos en sete días mantense en 178 por terceira xornada consecutiva e volver ser 130 os libres da COVID nos últimos 14 días.
Nun dos concellos con maior incidencia acumulada, Silleda, o groso de positivos está ligado ao gromo na residencia da localidade
O municipio coa maior incidencia acumulada a 14 días é agora o pequeno concello de Beade, que ao ter só 384 habitantes pasa nun só día de ter cero casos tanto a unha como a dúas semanas a rexistrar unha incidencia acumulada a 14 días por riba de 500. A razón é que foron rexistrados "entre 1 e 9" casos (referencia que ofrece o Goberno galego para concellos de pouca poboación con poucos casos).
Tamén seguen con incidencias acumuladas elevadas Vilardevós (apenas 1.800 habitantes e 11 casos nos últimos 14 días) e Silleda. No caso do concello silledense, con 51 casos novos a 14 días e 18 a 7 días, resulta clave o brote da COVID-19 na residencia de maiores da localidade, do que este domingo o Sergas confirmou outros 16 positivos (13 de residentes, 3 entre o persoal) ata sumar 51 (46 das persoas usuarias e 5 entre os profesionais). Segundo indicaran as autoridades sanitarias en días pasados, as residentes con test positivo da COVID neste centro, xa vacinadas, permanecían asintomáticas.
A cidade da Coruña dá baixado dos 200 casos por cen mil habitantes a 14 días e en Santiago empeora o dato a 7 días; as incidencias máis baixas seguen en Lugo e Ourense
A estabilidade dos datos de incidencia acumulada para o conxunto de Galicia, con algo menos de 80 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días e algo menos de 40 a 7 días [podes consultar a serie íntegra aquí] percíbese tamén nos datos da maioría das sete principais galegas. Entre elas destaca, non obstante, que nos últimos días a cidade da Coruña retoma a senda descendente e afástase dos 200 casos por cada cen mil habitantes por primeira vez dende principios de xaneiro. As incidencias acumuladas a 14 días máis baixas na Galicia urbana seguen sendo as de Lugo e Ourense, na contorna dos 30 casos por cada cen mil habitantes.
Os datos de incidencia acumulada a 7 días tamén indican estabilidade ou lixeiras melloras na maior parte das cidades. Non sucede así en Vigo -practicamente estancada- e, moi especialmente, en Santiago, onde os casos detectados en sete días pasan de 22 a 32 e a incidencia a 14 días, de 44 a 52 casos novos por cada cen mil habitantes.
Dobre 'efecto fin de semana' nos datos de hospitalización
A xornada festiva inflúe no dato de hospitalización, que experimenta lixeiros incrementos pero segue por baixo do de hai unha semana
O único indicador que, nestes últimos días, dá menos mostras de estabilidade é o do número de persoas con test positivo da COVID-19 que permanecen ingresadas nos centros hospitalarios galegos. Así e todo, tamén este rexistro debe ser interpretado con cautela ao estar afectado por un dobre efecto fin de semana, o que adoita producirse os domingos, cando é máis habitual que o total de ingresos aumente por tramitarse menos altas hospitalarias.
Esta semana ese efecto comezou o venres e, neste contexto, son xa dous días (venres e mais sábado ata as seis da tarde) con lixeiras alzas no total de persoas hospitalizadas: 6 máis no dato do venres e 8 máis no do sábado, ata un total de 266. Estas alzas rexístranse só no número de persoas en unidades ordinarias de hospitalización, xa que o número de ingresos na UCI de pacientes co coronavirus segue descendendo aos poucos e queda en 51.
Como amosa o gráfico sobre estas liñas, estes últimos incrementos non impiden que, cando menos de momento, o total de persoas hospitalizadas siga sendo inferior (-54) ao do mesmo día da semana anterior. Actualmente, a presión hospitalaria é semellante ao de mediados do pasado outubro, mentres que as cifras de casos novos son máis semellantes ás do verán.
As cifras de hospitalización son, en calquera caso, as que máis tardan en reflectir o alivio xeral da situación epidemiolóxica e o mesmo sucede cos indicadores de mortalidade, que tamén tenden á estabilidade nas últimas xornadas. Así e todo, Galicia segue sen rexistrar unha soa xornada dende principios do pasado agosto na que non falecese algunha persoa que fora diagnósticada como positiva pola COVID-19. Este domingo, os datos do Sergas reflicten 3 mortes máis (unha, das vinte e catro horas previas) e o total chega a 2.319.