Non hai, nas liñas que seguen, unha última hora sobre a evolución da pandemia en Galicia. Tampouco alerta ningunha a respecto dunha viraxe, dunha repunta que conduza a un empeoramento substancial ou dun descenso que fale dunha mellora definitiva. Dende os primeiros días do mes, os principais indicadores epidemiolóxicos no país falan de estabilidade (ou estancamento) e as tendencias, infinitamente máis relevantes que as variacións puntuais de cada vinte e catro horas, seguen sen mudar de xeito significativo.
Dende principios de marzo, a tendencia dos principais indicadores epidemiolóxicos da COVID-19 en Galicia é de estabilidade ou estancamento, sen trazar as repuntas que xa se dan noutros territorios
Mentres diversos países europeos endurecen restricións dende o convencemento de estaren ás portas da cuarta vaga pandémica e en diversas comunidades autónomas o descenso xa virou en claro ascenso, as autoridades sanitarias galegas veñen reiterando nos últimos días e semanas que a súa intención segue sendo tentar esquivala ou cando, menos, amortecela. Esa, manteñen, é a razón pola que seguen a avalar determinadas relaxacións de restricións, como as vixentes dende o pasado 19 de marzo.
Alén do que segue sendo indicador de referencia para a Xunta -os "positivos activos"-, as cifras de referencia a nivel internacional continúan a ser, entre outras, as incidencias acumuladas (casos novos por cada cen mil habitantes). E, como amosa o gráfico sobre estas liñas, eses números apenas mudan en Galicia dende hai días e mesmo semanas.
A incidencia acumulada a 14 días segue descendendo levisimamente e sitúase arredor dos 81 casos novos por cada cen mil habitantes, atendendo aos datos do último día completo dispoñible (o xoves, día 18). A 7 días, a liña é practicamente horizontal dende principios de marzo e así segue polo momento, arredor dos 40 casos por cada cen mil habitantes por semana.
En torno a 130 diagnósticos diarios mediante PCR nas últimas dúas semanas
Nos últimos sete días, o Sergas rexistrou unha media duns 155 casos novos por xornada; na semana anterior eran arredor de 156 diarios
O estancamento tamén é obvio nas cifras de novos diagnósticos mediante PCR. Este indicador deixou de descender de maneira significativa a finais de febreiro e nas últimas dúas semanas está marcado pola estabilidade. A media de diagnósticos a sete días -indicador que permite observar as tendencias alén das variacións dun día concreto- acumula unhas dúas semanas arredor dos 130 diagnósticos diarios mediante PCR.
Neste contexto, os datos actualizados polo Sergas este sábado, 20 de marzo, agregan 161 casos novos, os rexistrados entre as seis da tarde do xoves e a mesma hora do venres. En termos de días naturais, a evolución tende igualmente a ser plana: nos últimos sete días con datos completos rexistrouse unha media diaria de 155 casos novos (contando todos os test e non só as PCR). Nos sete días anteriores, Sanidade rexistraba unha media de 156 casos ao día.
Estas cifras contribúen a que o devandito indicador de referencia para a Xunta, a cifra asistencial de positivos activos, siga polo momento a diminuír, pero a ritmo moi lento. A razón é que, cando menos de momento, as cifras de altas epidemiolóxicas -persoas que superan a infección e pasan a dar negativo- seguen superando as de casos novos. A actualización deste sábado, pechada ás seis da tarde do venres, indica 2.563 casos activos [podes consultar nesta ligazón os positivos activos por áreas sanitarias]. A única área sanitaria con máis de mil casos activos segue sendo a da Coruña-Cee.
Lixeira diminución de concellos sen casos en 14 días
Os concellos sen casos rexistrados en 14 días pasan de 130 a 127 e os que non tiveron ningún na última semana seguen sendo 178
Tampouco existen de momento variacións significativas ao ollarmos a incidencia acumulada da COVID-19 sobre o mapa de Galicia. A última actualización amosa unha lixeira diminución no número de concellos que non rexistraron casos nos últimos 14 días (pasan de 130 a 127), pero estabilidade nos que estiveron libres do coronavirus na última semana, que seguen sendo 178. Si se percibe, non obstante, que nalgúns pequenos concellos que levaban días ou mesmo semanas sen casos agroman algúns positivos. As incidencias a 14 días máis elevadas seguen sendo as de municipios como Vilardevós, Maside, Cortegada ou Silleda, este último moi influído polo brote na residencia de maiores da localidade (con 35 positivos activos, 33 deles de residentes que, segundo informou Sanidade, permanecían asintomáticos).
No que atinxe ás sete principais cidades, a que segue rexistrando unha maior incidencia acumulada a 14 días, A Coruña, volve afastarse un chisco do limiar dos 200 casos novos por cada cen mil habitantes e, na banda oposta, Ourense substitúe a Lugo como a urbe coa incidencia acumulada máis baixa en dúas semanas. Ambas roldan os 34 casos por cada cen mil habitantes neste período e a continuación sitúase Santiago, con 44. Como amosa o gráfico sobre estas liñas, a estabilidade xeral tamén se reflicte nos datos da Galicia urbana, onde os indicadores de incidencia a sete días tampouco experimentan variacións relevantes.
Que vai pasar?
Con todos estes datos sobre a mesa, cabe preguntarse cal vai ser a evolución nas vindeiras semanas, cando os efectos do avance na terceira desescalada van ser aínda máis visibles nos datos epidemiolóxicos. Á espera de observar eses datos reais, a razón de taxas de incidencia acumulada (a comparación da incidencia de cada día coa da mesma xornada da semana anterior) apunta á devandita estabilidade, deixando atrás as semanas de descenso. Esta circunstancia é especialmente clara no caso da incidencia acumulada a 7 días, que acumula varias xornadas alternando o terreo do empeoramento co da mellora.
Outro dos indicadores que adoita observarse para detectar posibles empeoramentos ou melloras, a porcentaxe de probas PCR que dan positivo (as taxas de positividade), segue tamén sen falar de empeoramento significativo, pero tampouco de maiores descensos. Para o conxunto de Galicia, a positividade media das PCR a sete días segue contida arredor do 2%. A Organización Mundial da Saúde dá por controlada a pandemia nun territorio cando esta taxa está por baixo do 5%. Nos últimos sete días, o Sergas veu procesando unha media dunhas 5.600 PCR ao día.
'Efecto festivo' nos datos de hospitalización
Nun contexto marcado pola xornada festiva, con menos altas, o número de persoas hospitalizadas coa COVID-19 aumenta levemente e queda en 258
Mentres todo isto sucede, os datos de persoas hospitalizadas con test positivo da COVID-19 experimentan outro freo tras as melloras dos últimos días e quedan en 258, seis máis que un día antes e 65 menos que a mesma xornada da semana anterior. A orixe deste incremento está no número de persoas ingresadas en unidades de hospitalización ordinaria, que pasan de 197 a 205, mentres que as que precisan coidados na UCI descenden de 55 a 53.
Tamén neste caso resultaría arriscado concluír que se trata dun cambio de tendencia. Non só por tratarse do dato dun único día, senón porque o indicador está pechado ás seis da tarde do 19 de marzo, día festivo no que é habitual que se tramiten menos altas hospitalarias, polo que, como sucede os domingos, é máis probable que os novos ingresos superen ás altas, facendo aumentar o indicador xeral.
Neste contexto, a Consellería de Sanidade segue informando de persoas que contraeran a COVID-19 e falecen. Os indicadores de mortalidade seguen tamén estables, arredor dos 3 falecementos diarios na última semana. O total chega xa a 2.316.