Os datos dun día puntual, sen máis contexto, cada vez din menos sobre a evolución da pandemia da COVID-19. Así, por exemplo, ao ollarmos a actualización dos datos do Sergas para este 19 de marzo, con 188 casos novos -os detectados das seis da tarde do mércores á mesma hora do xoves, 172 deles diagnósticos mediante PCR- advírtese un empeoramento a respecto do días previos. Tamén sucedería o mesmo en termos de días naturais: 106 casos o domingo, 125 o luns, 155 o martes e 183 o mércores (o último día dispoñible con datos completos).
Alén das oscilacións puntuais dun día concreto, a incidencia segue estable nuns 81 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días e arredor dos 41 nos últimos sete
Sendo certo que Sanidade notificou todas estas cifras nos últimos días, non o é menos que ao abrirmos un chisco máis o foco é posible concluír que, cando menos de momento, Galicia transita por unha chaira no que á incidencia da COVID-19 se refire. Cuns 81 casos novos por cada cen mil habitantes nos últimos 14 días e en torno a 41 nos últimos 7, a situación continúa sendo estable cando os datos xa reflicten a situación derivada do comezo da desescalada de restricións e á espera dos efectos da nova fase, que comeza este mesmo 19 de marzo.
A área sanitaria con maior incidencia acumulada a 14 días segue sendo a da Coruña, se ben a peor evolución nas últimas xornadas é a da área de Vigo
A situación tamén é de relativa estabilidade, aínda que con matices, por municipios e áreas sanitarias. Os concellos sen casos novos en 14 días seguen sendo 130, na liña do que vén sucedendo nos últimos días, e os que non rexistraron positivos na última semana soben a 178 (+3). Nos concellos máis poboados, as sete principais cidades, as incidencias acumuladas a 14 días seguen trazando liñas practicamente horizontais, con Lugo coa máis baixa (34,51) e A Coruña, coa máis alta, se ben a urbe coruñesa volve baixar dos 200 casos por cada cen mil habitantes e rolda agora os 185. A sete días, case todas elas seguen alternando pequenas subas con lixeiros descensos.
No que atinxe aos datos por áreas sanitarias, a da Coruña-Cee encabeza tamén os rexistros de incidencia acumulada a 14 días e, tras unha lixeira repunta, nos últimos días volveu rexistrar lixeiros descensos. Mentres, nos últimos días a peor evolución semella ser a da área sanitaria de Vigo. A estabilidade xeral reflíctese na maioría de áreas, se ben algunhas delas manteñen liñas lixeiramente descendentes que permiten, no caso de Ourense e Pontevedra-O Salnés, deixar atrás o limiar dos 50 casos por cada cen mil habitantes, o que en virtude dos protocolos vixentes significa entrar en zona de risco baixo.
Uns 130 diagnósticos ao día por PCR
A estabilidade nas incidencias acumuladas é o resultado dunha situación igualmente estancada no número de casos novos detectados ao día. Alén da foto fixa de cada xornada, as medias diarias a sete días dos diagnósticos mediante PCR continúan trazando unha liña practicamente horizontal na contorna dos 130 por xornada. En termos de días naturais e contando todos os test, nos últimos sete días con datos completos (ata o mércores, día 17), en Galicia rexistrouse unha media diaria duns 160 casos novos.
Cando menos polo momento, para o conxunto de Galicia as altas epidemiolóxicas -persoas que superan a infección- seguen superando as cifras de casos novos, o cal permite que o número de casos considerados como "positivos activos" siga baixando, aínda que a un ritmo notablemente lento. Os datos deste 19 de marzo reflicten que son 2.575 e as persoas que a Xunta dá por "curadas", 110.601.
O descenso chega ás UCI
Do mesmo xeito que os descensos pronunciados nas cifras de novos casos tardaron en percibirse na situación hospitalaria, o actual estancamento aínda non chegou á evolución do número de persoas hospitalizadas con test positivo da COVID-19. Así, nos últimos días o descenso no número de pacientes co coronavirus nos centros hospitalarios recuperou certo vigor e chega tamén ás UCI, onde segundo os últimos datos hai 55 persoas coa COVID-19 (dúas menos que o día previo e 18 menos que o mesmo día da semana previa).
As unidades ordinarias de hospitalización rexistran menos de 200 pacientes coa COVID por primeira vez dende o 12 de outubro
Como amosa o gráfico sobre estas liñas, as 252 persoas hospitalizadas que reflicten os últimos datos son a cifra máis baixa dende mediados de outubro. Ademais, nas unidades de hospitalización ordinaria hai menos de duascentas persoas co coronavirus (agora son 197) por primeira vez dende o 12 de outubro do ano pasado. Dende o comezo da pandemia, segundo os últimos datos facilitados polo Ministerio de Sanidade -a Xunta transmite esta información acumulada ao Estado, pero non a fai pública-, en Galicia precisaron ser hospitalizadas algo máis de 12.400 persoas que contraeran a doenza.
Positividade media en lixeiro ascenso, pero arredor do 2%
Mentres todo isto sucede, as taxas de positividade das probas PCR (porcentaxe das que dan positivo) tamén se corresponden coa situación xeral. A sete días, a positividade media ascende lixeirisimamente, pero segue arredor do 2% para o conxunto de Galicia. Alén das oscilacións puntuais, a positividade media máis elevada, a da área de Ferrol, queda no 3%. Daquela, as sete áreas e o conxunto de Galicia seguen notablemente por baixo do 5% que a Organización Mundial da saúde marca como limiar para dar a pandemia por controlada nun territorio.
Malia á mellora substancial dende o pico da terceira vaga, polo momento o conxunto de Galicia segue sen ter un día no que non se rexistren falecementos de persoas que contraeran a enfermidade. Nos últimos sete días, o país rexistra unha media de tres falecementos por xornada e, tras os últimos 5 notificados (2, das vinte e catro horas previas), o total chega a 2.315.