Antes de observar a evolución da pandemia en Galicia á luz dos datos máis recentes, cómpre ter en conta dúas cautelas. A primeira, que falta arredor dunha semana para que os eventuais contaxios da Semana Santa comecen a ser detectados e se reflictan nas cifras que divulga a Consellería de Sanidade. A segunda, que os dous días festivos da propia Semana Santa (xoves 1 e venres 2) unidos á fin de semana deron lugar a unha caste de dobre efecto fin de semana no número de probas procesadas e mais nas cifras de altas hospitalarias tramitadas polo Servizo Galego de Saúde.
A diminución de probas e altas hospitalarias por mor dos dous festivos unidos á fin de semana provoca que cumpra ler con cautela os datos da pandemia durante uns días
Tendo en conta estas circunstancias, os indicadores epidemiolóxicos das últimas xornadas seguen falando da estabilidade que os vén caracterizando dende hai case un mes. Sanidade engade este luns ao seu cómputo 112 novos casos do coronavirus, os rexistrados entre as seis da tarde do sábado e a mesma hora do domingo. Deles, 105 son diagnósticos mediante probas PCR. Nos últimos sete días con datos completos (ata o sábado), a media diaria de diagnósticos por PCR baixou un chisco dos 110.
O Sergas suma 112 casos novos nuns datos que aínda non reflicten os posibles contaxios da Semana Santa
Estes números permiten que a tendencia de casos activos siga sendo moi levemente descendente, toda vez que os novos casos continúan, os máis dos días, sendo menos que as altas epidemiolóxicas que dá o Sergas. A última actualización déixaos en 2.174, quince menos que ao peche dos datos do sábado, pero sete máis que ás seis da tarde desa mesma xornada. O número de persoas que, segundo o Sergas, superaron a infección en Galicia chega ás 113.123.
Menos PCR e lixeiro aumento da positividade
Esta estabilidade nas cifras de novos casos (arredor do cento por día) prodúcese nun contexto de caída no número de PCR procesadas nos últimos días, algo que é habitual os domingos e xornadas ou pontes festivas, agás en etapas de alta incidencia da enfermidade ou cribados masivos. Nos últimos sete días, o Sergas procesou, de media, algo menos de 4.400 PCR por xornada e a cifra foi significativamente baixa o venres santo, día 2, con algo menos de 2.700.
Ao detectárense cifras semellantes de novos casos, pero con menos PCR, aumentan un chisco as taxas de positividade (porcentaxe das que dan positivo), que así e todo seguen lonxe do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) sinala como limiar para dar por controlada a pandemia nun territorio. A positividade media a sete días -que permite observar a evolución suavizando as oscilacións puntuais dun día concreto- sitúase agora para o conxunto de Galicia arredor do 2,6%.
Estabilidade xeral na incidencia e variacións locais ás portas dun novo comité
A estabilidade xeral nas cifras de novos casos mantén tamén polo momento estancadas as incidencias acumuladas tanto a 7 como a 14 días para o conxunto de Galicia, situadas en 65 e 32 casos novos por cada cen mil habitantes, respectivamente. Sempre coas devanditas cautelas, esta correlación entre ambas taxas -o indicador a sete días é menos da metade do de 14 días- indica estancamento e mesmo unha certa liña descendente.
Fronte á estabilidade xeral, aprécianse empeoramentos locais na incidencia de concellos como A Pobra do Caramiñal ou O Grove
Con estas cifras para o conxunto do país, o número de concellos sen novos casos nos últimos 14 días segue en niveis moi semellantes aos da pasada semana (agora son 142). En 188 municipios non se rexistraron casos na última semana, un nivel tamén parecido ao dos días previos aos festivos da Semana Santa. Si se aprecian, non obstante, empeoramentos nalgúns concellos, produto de gromos locais como os que afectan á Pobra do Caramiñal ou ao Grove. Estes datos valoraraos o comité clínico da Consellería de Sanidade na súa xuntanza deste martes, día 6, na que se revisará o nivel de restricións dos diversos municipios.
No que atinxe ás sete principais cidades, e igualmente á espera do efecto do previsible incremento de probas nos vindeiros días e mais do reflexo da Semana Santa, a estabilidade é tamén a tónica dominante. Máis aínda despois de que a que trazaba unha tendencia máis desfavorable nos últimos días, Vigo, dese estabilizado o seu indicador de incidencia a 14 días na contorna dos 102 casos. A maior incidencia a 14 días segue sendo a da Coruña, arredor dos 120, pero cunha evolución favorable a sete días.
Mentres, as dúas cidades que manteñen as incidencias a 14 días máis baixas, Lugo e Ourense, experimentan nas últimas xornadas leves repuntas nas súas incidencias. Así e todo, seguen en niveis relativamente baixos, con 41 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días na capital lucense e uns 35 na ourensá.
Máis persoas no hospital que hai unha semana por primeira vez dende febreiro
Mentres todo isto sucede, o indicador que peor vén evolucionando nas últimas xornadas é o da hospitalización, aínda que condicionado polo devandito efecto dos festivos e das fins de semana, coa consecuente caída no número de altas tramitadas. Ás seis da tarde do domingo -último dato dispoñible- había nos hospitais galegos 219 persoas con test positivo da COVID-19; son seis máis que un día antes e 32 máis que o mesmo día da semana anterior. Son xa dous días seguidos nos que, por primeira vez dende febreiro, o total de persoas hospitalizadas co coronavirus aumenta a respecto da semana anterior.
Este último incremento procede das unidades ordinarias de hospitalización, que pasan de 179 a 187 pacientes co coronavirus. En coidados intensivos, mentres, o número de pacientes coa COVID queda en 32 (-2).
No referido aos datos de mortalidade, tras rexistrar o pasado 1 de abril a primeira xornada sen falecementos de persoas co coronavirus dende o 3 de outubro, este martes incorpóranse ao cómputo oficial un total de cinco falecementos. O número de decesos oficialmente ligados á pandemia en Galicia chega así aos 2.352.