"Cómpre estar alerta ante a varíola do mono. Durante a pandemia de COVID aprendemos a non ser arrogantes"

Erupcións cutáneas provocadas pola varíola do mono © OMS

Hai uns días confirmouse a detección en distintos países, comezando por España, Portugal e Reino Unido, de varios casos de varíola do mono (monkeypox, en inglés), unha enfermidade endémica de África Occidental e África Central provocada por un virus semellante á da varíola, erradicada hai 40 anos, con efectos semellantes, aínda que menos graves. Nas últimas décadas rexistráronse en varios países de África numerosos gromos da doenza, unha zoonose transmitida aos humanos por algúns animais (descubriuse nos monos pero pénsase que o animal intermediario son os roedores), pero ata agora non se producira un número importante de casos en Europa.

O número de casos confirmados no Estado español supera xa o medio cento, cun número semellante en Portugal. En Galicia hai de momento sete casos sospeitosos, un deles confirmado

O número de casos confirmados no Estado español supera xa o medio cento, cun número semellante en Portugal. En Galicia hai, de momento, sete casos sospeitosos, e dentro deles o pasado venres chegaba o primeiro confirmado. A transmisión prodúcese a través do contacto estreito cunha persoa contaxiada, o que leva a que unha parte importante dos contaxios rexistrados en Europa ata o momento estean ligados a relacións sexuais, especialmente a prácticas sexuais de risco, con distintas parellas esporádicas. Os seus síntomas son, entre outros, febre, cefalea e lesións cutáneas (vesículas, pústulas, costras).  

O virus da varíola do mono, obtidas por un microscopio electrónico do Instituto de Salud Carlos III © Unidade de Microscopía Electrónica do ISCIII

O Ministerio de Sanidade anunciou este mércores a adquisición de vacinas (Imvanex, fabricada polo laboratorio danés Bavarian Nordic) e antivirais (Tecovirimat) para facer fronte á infección

A vacina que se empregaba ata finais da década dos 70 para combater a varíola ten unha elevada efectividade e as persoas de máis de 45 anos que foron vacinadas no seu momento contan aínda cunha alta protección. De igual xeito, os distintos países afectados están a adquirir un gran número de unidades da vacina contra a varíola para administralas como profilaxe post-exposición para os contactos de casos coñecidos.

O Ministerio de Sanidade anunciou este mércores a adquisición de vacinas (Imvanex, fabricada polo laboratorio danés Bavarian Nordic) e antivirais (Tecovirimat) para facer fronte á infección. Estímase que a protección que proporciona contra esta doenza é do 85%. Tratarase dunha compra centralizada europea, como se fixo coas vacinas contra a COVID. Aínda non se confirmou o destino exacto da vacina e aos grupos aos que se administrará e, ademais, a súa aplicación non será inmediata.

En que medida debemos estar preocupados? Canto se pode estender o actual gromo? Que precaucións debemos tomar? 

"O virus da varíola do mono non é o SARS-CoV-2", di Villapol. "Ao non transmitirse facilmente de persoa a persoa, o risco para o público en xeral é baixo, pero hai que que seguir coa vixilancia epidemiolóxica"

Sonia Villapol, neurocientífica e profesora do Instituto de Investigación Methodist do Centro Médico de Texas, di que "cómpre estar alerta, se algo aprendemos durante a pandemia foi a non ser arrogantes dicindo que non hai que preocuparse nin facer caso, sempre é mellor errar por precavidos que non". En calquera caso, a investigadora nacida en Bretoña (Lugo) destaca que "as circunstancias son moi distintas" e que "o virus da varíola do mono non é o SARS-CoV-2", sinalando que "ao non transmitirse facilmente de persoa a persoa, o risco para o público en xeral é baixo, pero hai que que seguir coa vixilancia epidemiolóxica".

A OMS informou que o gromo do virus da varíola do mono en América, Australia e Europa está a estenderse con rapidez, o que provocou unha comprensibles alerta. Porén, apunta Sonia Villapol, "non é pensable a día de hoxe que isto vaia a ser unha propagación incontrolada da mesma forma que a Covid-19". "Estamos a falar dun virus estudado e coñecido cunha transmisión menor que a da Covid. Pero se a transmisión se converte en comunitaria e non se lle pon freo, vai ser máis difícil de eliminar porque o virus atopa outros nichos", alerta.

Sonia Villapol ©

"No gromo actual non hai nexo claro na maioría dos casos coa zona endémica, senón que se aprecia unha probable transmisión comunitaria", advirte o doutor José Luís Lamas

Villapol apunta que os casos que se están a producir nas últimas semanas en distintos países de Europa son "atípicos", polo que cómpre investigar máis polo miúdo "como se orixinou este novo gromo e como está a ser a transmisión comunitaria". "Quizais estamos a falar dun modo de transmisión distinto e estase a analizar isto para salvagardar a saúde pública", engade. 

Pola súa banda, Jose Luís Lamas, médico internista do hospital POVISA de Vigo e membro da Sociedade Galega de Medicina Interna (SOGAMI), destaca que "ata agora os brotes que houbera en países occidentais-por exemplo, EEUU en 2003- foron por contacto directo con pacientes ou animais provenientes de África. Con todo, no gromo actual non hai nexo claro na maioría dos casos coa zona endémica, senón que se aprecia unha probable transmisión comunitaria". O doutor Lamas conclúe que "podemos estar razoablemente tranquilos e sinala que "cada país terá que avaliar conxuntamente coa OMS as súas propias medidas en función dos índices de mortalidade e transmisibilidade" 

Como se transmite?

A transmisión do virus da varíola do mono "prodúcese por contacto directo con lesións cutáneas" e "a través de gotículas respiratorias" cun "contacto cara a cara prolongado"

Villapol explica que a transmisión do virus da varíola do mono "prodúcese entre persoas a través de gotículas respiratorias principalmente e por contacto directo con lesións cutáneas". En calquera caso, a transmisión a través de partículas respiratorias en gotas "adoita requirir un contacto cara a cara prolongado", sinala, engadindo que "se algo aprendemos da pandemia é que as máscaras nos protexen das enfermidades de transmisión respiratoria". 

Para Villapol, o máis importante para evitar a expansión da doenza neste momento é "identificar os contactos directos dunha persoa infectada, protexerse con máscara e manter o illamento dos enfermos".

Países con casos confirmados de varíola do mono. En vermello os afectados polo actual gromo CC-BY-SA ArcMachaon

Que efectos ten?

"Estes novos gromos aparentan ter uns cadros clínicos menos severos ou asintomáticos", explica Villapol e Lamas apunta que esta varíola ten unha capacidade de transmisión e mortalidade moi inferior 

A varíola do mono adoita presentarse clinicamente con febre, erupción cutánea e ganglios linfáticos inchados; ademais, pode provocar unha serie de complicacións médicas con síntomas que duran de 2 a 4 semanas. Sonia Villapol subliña que a varíola do mono "é menos contaxiosa que a varíola e causa enfermidades menos graves". Ademais, engade, "estes novos gromos aparentan ter uns cadros clínicos menos severos ou asintomáticos", aínda que advirte do "maior risco" ao que se expoñen algúns colectivos: "traballadores sanitarios, os membros do fogar e outros contactos próximos de casos activos". 

Lamas apunta que esta varíola do mono ten unha capacidade de transmisión e mortalidade moi inferior á varíola: a mortalidade desta última pode chegar ata o 30%, fronte ao 1% da varíola do mono. 

Que efectividade ten a actual vacina?

As vacinas utilizadas na  erradicación da varíola, que deixaron de administrarse hai décadas, tamén protexen contra a varíola do mono e as persoas que a recibiron conservan "certa inmunidade duradeira"

Afortunadamente, as vacinas utilizadas durante o programa de erradicación da varíola, que deixaron de administrarse hai décadas (precisamente pola propia erradicación da doenza grazas á vacina), tamén protexen contra a varíola do mono e as persoas que a recibiron no seu momento conservan "certa inmunidade duradeira". Ademais, apunta Sonia Villapol, hai unha vacina chamada Jynneos cun 85% de eficacia contra a varíola dos monos, e segura en persoas inmunocomprometidas e persoas con enfermidades da pel. 

Así mesmo, sinala é "probable" que ao secuenciarse o virus teñamos máis información sobre a orixe ou se se trata dunha variante nova á versión anterior. Iso permitiranos "comprender mellor se cambiou de algún xeito que poida facelo máis ou diferentemente transmisible" e isto tamén pode levar á creación da necesidade dunha vacina específica contra este virus.

O virus da varíola do mono, noutra imaxe ao microscopio © CDC.gov

"A vacina evita que os contactos estreitos transmitan, polo tanto a vacinación como profilaxes post-infección pode funcionar nestes casos, cousa que non pasa coa Covid", destaca Villapol

"A vacina evita que os contactos estreitos transmitan, polo tanto a vacinación como profilaxes post-infección pode funcionar nestes casos, cousa que non pasa coa Covid", destaca Villapol, que explica que os tempos de incubación, de 5 a 21 días, son máis lentos que a cinética da vacina. "É por iso polo que nestes casos se recomenda a vacinación á xente infectada para prever a sintomatoloxía e a gravidade, así como frear a transmisión", di. E probable que ó secuenciarse o virus vai darnos máis información sobre a orixe, ou si se trata dunha variante nova á versión anterior para  comprender mellor se cambiou de algún xeito que poida facelo máis ou diferentemente transmisible. Isto tamén pode levar á creación da necesidade dunha vacina específica contra este virus.

"Despois de décadas transcorridas desde que rematou a vacina contra a varíola, a proporción de persoas protexidas contra a varíola do mono diminuíu substancialmente, o que permitiu que o virus se estendese máis facilmente de animais a humanos e de persoa a persoa, aumentando o risco de gromos", comenta finalmente a investigadora galega.

Que nos di a aparición agora desta enfermidade en Europa sobre os riscos das zoonoses e sobre a maior probabilidade de aparición de enfermidades infecciosas en calquera lugar do planeta?

Acabar coa caza furtiva "reduciría o contacto humano-animal", así como rematar coa deforestación e a intrusión humana noutros hábitats salvaxes tamén limitaría o risco de zoonoses

De novo, ao igual que sucedeu coa COVID-19, estamos a falar dunha enfermidade zoonótica viral, aínda que neste caso a súa capacidade de transmisión sexa menor. Sonia Villapol destaca que "a pandemia de covid ensinounos que hai maneiras de previr as enfermidades zoonóticas, e para iso é importante saber como se propagan". Ser conscientes "dos perigos de comer carne dun animal que morreu por causas descoñecidas ou comer carne que non está ben cociñada pode deter o contaxio", salienta. De igual xeito, sinala que acabar coa caza furtiva "reduciría o contacto humano-animal", así como acabar coa deforestación e a intrusión humana noutros hábitats salvaxes. 

Villapol recomenda apostar por unha "investigación multidisciplinar", o chamado enfoque "Unha saúde", que consiste na tríada da saúde humana, animal e medio ambiente. Advirte de que este último "é moitas veces desatendido"

Así mesmo, apunta que -ao igual que se plantexou coa Covid-19 debe apostarse por levar a cabo unha "investigación multidisciplinar", o chamado enfoque "Unha saúde" (One Health, en inglés), que consiste na tríada da saúde humana, a saúde animal e o medio ambiente. Porén, advirte que este último "é moitas veces desatendido, como se evidencia pola súa ausencia ou mención superficial na maioría das iniciativas de saúde pública". "As actividades que mitigan e se adaptan ao cambio climático poden axudar a reducir as enfermidades infecciosas e zoonóticas emerxentes", conclúe, destacando que a situación que vemos estes días "seguirá a acontecer" e continuarán a xurdir "novas alertas" de enfermidades infecciosas "se isto non se estuda adecuadamente".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.