Dez anos para 8 tobogáns: así será o parque acuático prometido por Feijóo en Ourense tras 13 millóns

Imaxe dos 4 tobogáns xa existentes, recreación dos 4 restantes e plano do parque CC-BY-SA Praza Pública - Xunta de Galicia

Tras a promesa electoral de 2016 o pasado verán abriron os 4 primeiros tobogáns de 9 metros de altura e aínda agora encárganse os derradeiros 4 de 11 metros que completarán o recinto xunto cun circuíto de tirolinas

18 días antes das eleccións galegas de setembro de 2016 o daquela presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, prometía acompañado do presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, un parque acuático para a cidade. Facíao despois de que o líder de Democracia Ourensana e hoxe alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, convertese esa nunha das súas principais reclamacións e promesas. 

Ese parque está a construírse por fases no veciño concello do Pereiro de Aguiar e non estará rematado ata o próximo ano, dez anos despois da promesa de Feijóo. Cando acaben as obras, tras 13 millóns de euros de investimento público, o recinto contará cun total de 8 tobogáns, catro deles de 9 metros de altura xa en servizo e outros catro de 11 metros cuxas obras aínda se encargan agora. Con estas cifras, o presidente Rueda asegura que "a provincia de Ourense vaise converter nun referente de ocio acuático para todas as idades".

Os derradeiros 4 tobogáns que se instalarán no parque acuático de Monterrei, en Ourense CC-BY-SA Praza Pública - Xunta de Galicia

A construción do parque acuático prometido en 2016 comezou coa reforma e mellora das instalacións deportivas xa existentes en Monterrei, no Pereiro de Aguiar, obras que custaron 1,2 millóns de euros pagados pola Xunta e que non remataron ata 2021. Daquela, cando a demora xa era máis que evidente, o secretario xeral para o Deporte da Xunta, José Ramón Lete Lasa, aseguraba no Parlamento que "o atraso é unha percepción moi subxectiva".

Foi a finais dese 2021 cando comezaron as obras directamente relacionadas co parque acuático co anuncio de que estaría rematado en 2024, cousa que non sucedeu. A Xunta tivo que contratar dúas veces os traballos polo encarecemento de materiais e acabou abrindo no verán de 2023 o que denominou "piscinas infantil, relax e de ondas, así como a zona splash, o acceso independente, vestiarios e aseos". Sen tobogáns.

Planos do parque e da zona de xogos entre as árbores e tirolinas CC-BY-SA Praza Pública - Xunta de Galicia

Aínda o pasado verán abriron os catro primeiros tobogáns e a Deputación asegura que cando se complete está "chamado a ser un dos grandes atractivos turísticos e de ocio non só da provincia, senón de Galicia e mesmo do norte de Portugal"

Os catro primeiros tobogáns, de 9 metros de altura, non se abriron ata o pasado xuño, case oito anos despois da promesa de Feijóo. Na súa inauguración o presidente Rueda asegurou que o parque permitirá "dinamizar e dar oportunidades ao interior de Galicia" e con el "a provincia de Ourense vaise converter nun referente do ocio acuático para todas as idades". E desde a Deputación o seu presidente, Luis Menor, aseguraba que "coa chegada do AVE, o parque acuático, na porta de entrada á Ribeira Sacra, será un factor de atracción fundamental" que está "chamado a ser un dos grandes atractivos turísticos e de ocio non só da provincia, senón de Galicia e mesmo do norte de Portugal".

Todas esas actuacións acuáticas realizadas ata agora supuxeron xa un investimento doutros 7,8 millóns de euros a engadir aos 1,2 millóns de reforma das instalacións deportivas. Un total de 9 millóns xa investidos que correron por conta da Xunta, malia que inicialmente o Goberno galego anunciara que a obra sería acometida conxuntamente coa Deputación de Ourense. Así que as obras que faltan, orzamentadas noutros 3,6 millóns, si serán a partir de agora pagadas pola Deputación. 

Rueda na inauguración dos catro primeiros tobogáns do parque acuático de Ourense o pasado xuño CC-BY-SA Xunta de Galicia

Parte deses traballos pendentes veñen de ser sacados a concurso agora coa intención de que estean en servizo o ano próximo, dez anos despois da promesa de Feijóo. Uns traballos que permiten comprobar como serán os 4 tobogáns restantes, de 11 metros de altura e cualificados como "kamikaces". Xunto con eles tamén se habilitará un circuíto de xogos elevado entre árbores con tirolinas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.