O secretario xeral para o Deporte do Goberno galego lembra no Parlamento que o anuncio electoral non tiña prazo e considera “demasiada información” a que o PSdeG expuxo sobre as promesas para preguntarlle pola súa concreción
O 7 de setembro de 2016, dúas semanas antes das eleccións galegas que gañaría por terceira vez, o presidente Feijóo prometeu un parque acuático para Ourense. Hai un mes, o 22 de marzo, catro anos e medio máis tarde, o propio Feijóo admitiu que a Xunta aínda non ten o proxecto construtivo das instalacións, polo que o PSdeG presentou unha pregunta parlamentaria ao respecto que este mércores foi respondida polo secretario xeral para o deporte, José Ramón Lete Lasa, que negou ningún tipo de demora: “O atraso é unha percepción moi subxectiva”, dixo, para matizar que iso se produce “cando fixo un prazo e non se cumpre”, mentres que no caso da promesa do parque acuático nunca se anunciou ningún prazo.
Na súa pregunta a socialista Carmen Rodríguez Dacosta fixo un pormenorizado recorrido polas sucesivas promesas, visitas, inauguracións e prazos parciais que foi ofrecendo o Goberno para a reforma do complexo deportivo de Monterrei, no concello de Pereiro de Aguiar veciño da capital provincial, no que prometeu a construción do parque acuático. “A verdade é que vostede deu demasiada información”, foi o primeiro que lle contestou o máximo responsable de deportes da Xunta, que admitiu que había datos “que descoñecía” e mesmo que pensara “que tanto o PSOE provincial como o de Pereiro de Aguiar rexeitaban esta obra”, malia que a propia socialista lembrara que a súa formación defende que a construción do parque non afecte ás instalacións deportivas actuais e dubida do seu limitado orzamento.
Lete Lasa admite que ata 2019 a Xunta non contratou a redacción do proxecto para mellorar a zona deportiva xa existente en Monterrei, e que aínda non recibiu os proxectos para a zona acuática
O secretario xeral negou que haxa “atraso ningún” e asegurou que “o compromiso de 2016 segue vivo e nel “estivemos a traballar desde o ano 2018”. “En 2019 contratamos a redacción do proxecto da zona deportiva, estabamos dentro da lexislatura na que se prometeu a obra”, argumentou. E avanzou que tras a inauguración desa obra, por un millón de euros, o pasado marzo, agora será cando se acometa a mellora da zona acuática existente, cunha primeira actuación nas piscinas de 5,5 millóns de euros que prevé que estea lista “antes do verán do ano que vén”.
Será posteriormente cando a Xunta acometa as que denominou como fases “2, 3 e 4”, para as que prevé un millón de euros para cada unha, e para as que aínda non conta cos proxectos construtivos, que espera recibir nos próximos meses. O seu obxectivo, asegurou, é que todas as actuacións estean rematadas “en 2023”, sete anos despois da promesa de Feijóo.
Antes de que Feijóo lanzase a súa promesa boa parte da clase política ourensá tomaba a broma unha idea similar cando a propuña Jácome
Cando na campaña das eleccións galegas de 2016 Feijóo anunciou, acompañado polo presidente da Deputación e do PP de Ourense, José Manuel Baltar, que a Xunta e a institución provincial impulsarían un parque acuático no complexo deportivo de Monterrei todos os medios locais coincidiron en destacar a promesa como a principal das enunciadas daquela polos populares para a provincia. Porén, pouco tempo antes boa parte da clase política ourensá tomaba a broma unha idea similar cando a propuña o populista e popular líder de Democracia Ourensana, Gonzalo Pérez Jácome, que con esa e outras promesas chegou despois á alcaldía da cidade grazas ao PP. De feito, tras aquela promesa de Feijóo, Jácome apresurouse a felicitar ao líder popular: “En Democracia Ourensana sentimos o que se coñece como o orgullo do mestre.