Feijóo admite que aínda non ten o proxecto construtivo do parque acuático de Ourense que prometeu en 2016

Feijóo na visita ao complexo deportivo de Monterrei no que aínda non comezaron os traballos para o parque acuático que prometeu hai máis de catro anos e medio CC-BY-SA Xunta de Galicia

O presidente celebra unha inauguración formal da mellora por algo máis dun millón de euros das instalacións deportivas xa existentes, unha décima parte do que custaría todo o complexo

O 7 de setembro de 2016, dúas semanas antes das eleccións galegas que gañaría por terceira vez, Alberto Núñez Feijóo prometeu un parque acuático para Ourense. Este luns, catro anos e medio despois, o presidente celebrou unha inauguración formal da mellora das instalacións deportivas de Monterrei, no concello de Pereiro de Aguiar veciño da capital provincial, onde admitiu que a Xunta non contará ata maio co proxecto construtivo das instalacións acuáticas prometidas, que se irán executando en fases sucesivas non concretadas. 

O inaugurado este luns supón pouco máis da décima parte do gasto total duns 10 millóns de euros que Xunta e Deputación de Ourense levan anunciando anos que investirán no complexo de Monterrei. A remodelación das pistas deportivas agora rematada debera ir seguida da reforma da parte acuática do complexo, que segundo a promesa electoral debera converterse nun parque acuático. 

Feijóo na inauguración da remodelación das instalacións deportivas de Monterrei, en Ourense CC-BY-SA Xunta de Galicia

A Xunta di que o obxectivo é que "as obras das piscinas infantil e familiar estean finalizadas en 2022” engadindo que “posteriormente desenvolveranse outras tres fases máis" para completar o parque acuático prometido

A promesa apenas avanzou no eido administrativo durante o terceiro mandato de Feijóo pero a Xunta devolveuna á actualidade informativa en xaneiro do pasado ano, ás portas dunhas novas eleccións inicialmente previstas para abril e despois adiadas a xullo polo coronavirus. Daquela o Goberno galego avanzou que aínda ía encargar o proxecto construtivo da parte acuática do complexo que agora di que prevé recibir en maio, e sinalaba que esas instalacións, que superarían os 8,8 millóns de euros, constarían de “tres fases diferenciadas: a piscina familiar, a piscina infantil e os tobogáns de adrenalina”, zona acuática que estaría “completamente rematada antes do verán de 2023”. 

Este luns a propia Xunta limitouse a salientar que o obxectivo é que "as obras das piscinas infantil e familiar estean finalizadas en 2022” engadindo que “posteriormente desenvolveranse outras tres fases máis para levar a cabo distintas infraestruturas relacionadas co lecer”.

Antes de que Feijóo lanzase a súa promesa boa parte da clase política ourensá tomaba a broma unha idea similar cando a propuña Jácome

Cando na campaña das eleccións galegas de 2016 Feijóo anunciou, acompañado polo presidente da Deputación e do PP de Ourense, José Manuel Baltar, que a Xunta e a institución provincial impulsarían un parque acuático no complexo deportivo de Monterrei todos os medios locais coincidiron en destacar a promesa como a principal das enunciadas daquela polos populares para a provincia. Porén, pouco tempo antes boa parte da clase política ourensá tomaba a broma unha idea similar cando a propuña o populista e popular líder de Democracia Ourensana, Gonzalo Pérez Jácome, que con esa e outras promesas chegou despois á alcaldía da cidade grazas ao PP. De feito, tras aquela promesa de Feijóo, Jácome apresurouse a felicitar ao líder popular: “En Democracia Ourensana sentimos o que se coñece como o orgullo do mestre. 

Facebook de Democracia Ourensana felicitándose en 2016 pola promesa de parque acuático lanzada por Feijóo Dominio Público Praza Pública

A inauguración deste luns da remodelación das pistas deportivas na que se renovou o compromiso aínda non concretado do parque acuático prodúcese unha semana despois de que Baltar informase publicamente de que estuda converter a sede da Deputación de Ourense “nun balneario de referencia en Europa”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.