Aínda o pasado verán abriron os catro primeiros tobogáns e a Deputación asegura que cando se complete está "chamado a ser un dos grandes atractivos turísticos e de ocio non só da provincia, senón de Galicia e mesmo do norte de Portugal"
Cada vez máis millóns de euros públicos, 13, sexan da Xunta ou da Deputación de Ourense, e cada vez máis tempo para rematar por completo as obras, que agora se estenden ata 2026. É o que veñen de asinar as dúas administracións para completar, unha década despois, o parque acuático para Ourense prometido por Feijóo na campaña electoral de 2016. Un recinto no que aínda o pasado verán se puxeron en servizo os primeiros tobogáns, catro, nunha inauguración formal malia non estar aínda rematado todo o complexo na que o presidente Rueda asegurou que con el "a provincia de Ourense vaise converter nun referente do ocio acuático para todas as idades".
O parque acuático prometido por Feijóo está a ser construído por fases nas instalacións deportivas xa existentes en Monterrei, no Pereiro de Aguiar, a carón da cidade. A primeira actuación realizada alí, denominada "fase 0" foi a reforma e mellora das pistas deportivas previas, obras que non remataron ata 2021. Só máis tarde, a finais de 2021, cinco anos despois da promesa, foi cando comezaron as obras directamente relacionadas parque acuático.
A primeira fase da parte acuática do complexo debía estar rematada no verán de 2022, pero tras unha primeira adxudicación falida polo encarecemento de materiais a Xunta tivo que volver contratar os traballos. Nesa primeira fase debían ir incluídos xa tobogáns, pero o que acabou abrindo a o Goberno galego no verán de 2023, co mes de agosto xa avanzado, foron "as piscinas infantil, relax e de ondas, así como a zona splash, o acceso independente, vestiarios e aseos". Sen tobogáns.
Os catro primeiros tobogáns non se abriron ata o pasado xuño, case oito anos despois da promesa de Feijóo. Na súa inauguración o presidente Rueda asegurou que o parque permitirá "dinamizar e dar oportunidades ao interior de Galicia" e con el "a provincia de Ourense vaise converter nun referente do ocio acuático para todas as idades". Desde a Deputación o seu presidente, Luis Menor, aseguraba que "coa chegada do AVE, o parque acuático, na porta de entrada á Ribeira Sacra, será un factor de atracción fundamental para a nosa provincia".
Nesa inauguración na que se deu por completada a denominada "fase I" do parque acuático Xunta e Deputación cuantificaron en 10 millóns de euros o investimento total no recinto, fundamentalmente por parte das arcas autonómicas, e deixaron en mans da administración provincial o remate das "tres últimas fases", para as que deixaron de dar prazos: unha segunda fase contaría cunha "nova área de relax" con "río de cascadas, piscina de nado..."; a terceira fase serían "máis atraccións de auga" que a Xunta viña presentando como zonas "de adrenalina"; e a cuarta e supostamente derradeira fase disporía dun "parque multiaventura".
Para acometer esas tres fases aínda pendentes nove anos despois da promesa Xunta e Deputación veñen de asinar agora un convenio co que o ente provincial engade outros 3,6 millóns de investimento público ao proxecto, que as dúas administracións sitúan xa en "preto de 13 millóns de euros". Uns novos cartos que se reparten en 1,5 millóns en 2025 e 2,1 millóns en 2026, co que o remate total do recinto non chegaría ata unha década despois da promesa lanzada por Feijóo.
"O atraso é unha percepción moi subxectiva", xustificaba a Xunta hai case catro anos
En 2021, cando cando a demora xa era máis que evidente, o secretario xeral para o Deporte da Xunta, José Ramón Lete Lasa, aseguraba no Parlamento que "o atraso é unha percepción moi subxectiva". Agora a Deputación insiste en que o complexo está "chamado a ser un dos grandes atractivos turísticos e de ocio non só da provincia, senón de Galicia e mesmo do norte de Portugal". De momento, nos tres meses de verán que estivo aberto este ano o parque recibiu 97.000 visitas, unhas mil visitas ao día de media.