Hai un ano a Xunta prometeu abrir neste pasado verán a primeira fase de actuacións nas piscinas xa existentes en Monterrei, pero só está executado o 26% e agora Rueda vén de anunciar que contratará outra empresa
Na campaña das eleccións galegas de 2016, Alberto Núñez Feijóo prometeu a construción dun parque acuático en Ourense. Seis anos despois a promesa aínda está lonxe de concretarse e malia que a Xunta prometeu hai xusto un ano que este pasado verán xa abriría ao público a primeira fase do proxecto, que supuña a remodelación das piscinas xa existentes no complexo deportivo de Monterrei ás que se engadirían catro tobogáns, esa obra está aínda ao 26% da súa execución.
Este xoves o actual presidente, Alfonso Rueda, anunciou que a Xunta volverá contratar a obra a outra empresa co obxectivo de que esa primeira fase de actuacións poida estar rematada no verán de 2023. Despois aínda quedarían outras tres fases posteriores, segundo a planificación feita pública pola Xunta o pasado ano, que se prolongarían dous anos máis, o que levaría o remate de todo o complexo ao verán de 2025, nove anos despois da promesa inicial e tras un investimento duns 10 millóns de euros.
A primeira actuación realizada nas instalacións deportivas de Monterrei consistiron na reforma e mellora dos equipamentos e pistas deportivas xa existentes por algo máis dun millón de euros, obras que remataron a comezos de 2021, máis de catro anos despois da promesa de Feijóo. Despois, hai agora un ano, a Xunta iniciou as obras directamente relacionadas co parque acuático.
Agora a primeira fase do parque acuático, que incluirá catro tobogáns, prométese para o próximo verán
A primeira fase, que debía estar rematada para este pasado verán pero da que só se executou un 26%, suporá a reforma das piscinas xa existentes e a instalación de catro tobogáns coa plataforma de lanzamento a 9 metros de altura, tres deles duns 70 metros de lonxitude. Tamén se creará unha zona infantil con chorros de auga, adaptarase unha das piscinas existentes para a xeración de ondas dun metro e deixarase outra piscina como "zona de relax". E no exterior do recinto habilitarase un terceiro aparcamento entre os dous xa existentes ao longo da entrada principal do complexo.
Tras a posta en servizo desta primeira fase, que agora se promete para o próximo verán, sete anos despois da promesa de Feijóo, acometeranse en anos posteriores outras tres fases. A segunda, para a que se estimou un ano de traballos e que estaría rematada no verán de 2024, incluirá un “río lento”, mentres que a terceira e cuarta fase, con zonas “de adrenalina e multiaventura”, non estarían en servizo ata o verán de 2025. Cando todas as fases estean rematadas o investimento total no complexo de Monterrei, a medias entre a Xunta e a Deputación, roldará os 10 millóns de euros.
Hai un ano a Xunta argumentou que "o atraso é unha percepción moi subxectiva" xa que se produce "cando fixo un prazo e non se cumpre", mentres que no caso do parque acuático nunca prometera prazo
Desde a promesa de Feijóo as actuacións foron sufrindo diversas demoras, e permitiron que fosen prometidas novamente en sucesivas convocatorias electorais. Porén, cando o Goberno galego tivo que comparecer no Parlamento en abril de 2021 para dar explicacións das demoras, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, argumentou que "o atraso é unha percepción moi subxectiva" xa que se produce "cando fixo un prazo e non se cumpre", mentres que no caso do parque acuático o Goberno galego nunca prometera ningún prazo concreto.