A Xunta quere abrir dentro dun ano con catro tobogáns o parque acuático que Feijóo prometeu para Ourense en 2016

Recreación dos catro tobogáns que a Xunta instalará na primeira fase do parque acuático prometido para Ourense © Xunta de Galicia

O Goberno galego encarga por 4,8 millóns as obras do que denomina “primeira fase”, que aproveitan as piscinas xa existente en Monterrei e deixa abertas outras tres fases posteriores aínda non detalladas

Ao tempo que o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, segue a reclamar entre outras cuestións un parque acuático de tipo termal noutro punto da cidade para volver integrar o PP no goberno local, a Xunta sacou a concurso este luns as obras do que denomina “primeira fase do parque acuático no Complexo Lúdico Deportivo de Monterrei”, no veciño concello do Pereiro de Aguiar. Os traballos permitirán instalar catro tobogáns nas piscinas alí xa existentes como primeiro paso para cumprir a promesa lanzada por Feijóo na campaña electoral de 2016, que suporía un custo total duns dez millóns de euros.

Plano das instalacións de Monterrei, coa zona deportiva xa reformada á esquerda e o espazo acuático sobre o que se actuará agora no centro CC-BY-SA Xunta de Galicia

Nas instalacións de Monterrei veñen de rematarse traballos de reforma e mellora dos equipamentos e pistas deportivas xa existentes por algo máis dun millón de euros. Agora a Xunta comezará a remodelar o espazo de piscinas ao aire libre dese complexo, cunha primeira fase que se executaría durante dez meses tras a actual campaña de verán e que suporá rehabilitar os vasos de auga xa existentes e a súa contorna. Con 4,8 millóns de euros de orzamento de licitación, os traballos suporán a instalación nas piscinas actuais de catro tobogáns coa plataforma de lanzamento a 9 metros de altura, tres deles duns 70 metros de lonxitude. 

Ademais dos catro tobogáns principais, crearase unha zona infantil con chorros de auga e habilitarase unha piscina de ondas dun metro

Ademais dos catro tobogáns principais, crearase unha zona infantil con chorros de auga, adaptarase unha das piscinas existentes para a xeración de ondas dun metro e deixarase outra piscina como "zona de relax". No exterior do recinto habilitarase un terceiro aparcamento entre os dous xa existentes ao longo da entrada principal do complexo.

A Xunta vén asegurando que tras estas actuacións haberá outras tres fases posteriores dun millón de euros cada unha, pero aínda non detallou o seu contido máis que referencias xerais a zonas de "adrenalina" ou "multiaventura". 

Recreación da zona infantil de chorros e con tobogáns de pequenas dimensións, ao fondo, que se instalarán no parque acuático de Monterrei CC-BY-SA Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.