O Goberno galego comeza agora, máis de cinco anos despois da promesa electoral, a construción de catro tobogáns e deixa para seguintes anos o que denomina “río lento” e zonas “de adrenalina e multiaventura”
Cinco anos e dous meses despois de que o candidato Alberto Núñez Feijóo prometese nas eleccións galegas de 2016 que a Xunta faría un parque acuático en Ourense, este venres o Goberno galego comezou as obras. A súa intención é que nas instalacións deportivas de Monterrei, no concello do Pereiro de Aguiar, estean funcionando o próximo verán catro tobogáns, mentres que seguintes fases que denomina como “río lento” e zonas “de adrenalina e multiaventura” abrirían sucesivamente en 2023 e 2024, cando estarían rematado o complexo oito anos despois da promesa electoral e tras un investimento de dez millóns de euros.
Nas instalacións deportivas de Monterrei rematáronse a comezos deste ano diversas actuacións de mellora das pistas e instalacións xa existentes, e este venres diversos cargos da Xunta e da Deputación de Ourense presidiron un acto institucional de comezo oficial das obras de reforma das piscinas ao aire libre e da súa contorna.
Xunta e Deputación de Ourense destinan 10 millóns de euros ás obras no complexo deportivo de Monterrei
Os traballos inclúen a instalación de catro tobogáns coa plataforma de lanzamento a 9 metros de altura, tres deles duns 70 metros de lonxitude. Tamén se creará unha zona infantil con chorros de auga, adaptarase unha das piscinas existentes para a xeración de ondas dun metro e deixarase outra piscina como "zona de relax". E no exterior do recinto habilitarase un terceiro aparcamento entre os dous xa existentes ao longo da entrada principal do complexo. As obras foron adxudicadas cun prazo de execución de oito meses, polo que rematarían xa comezado o próximo verán.
Segundo a Xunta, tras a posta en servizo desta primeira fase acometeranse en anos posteriores “a segunda, terceira e cuarta fase do parque acuático que neste intre atópanse en revisión técnica”. “A segunda fase -encargada do río lento- estará rematada no verán de 2023 e a terceira e a cuarta fase -que se ocuparán das zonas de adrenalina e multiaventura- finalizará no verán de 2024”, detalla a Xunta. Cando todas as fases estean rematadas o investimento total no complexo de Monterrei, a medias entre a Xunta e a Deputación, rondará os 10 millóns de euros.