Rueda inaugura 4 tobogáns e deixa en mans da Deputación rematar o parque acuático de Ourense prometido en 2016

Inauguración dos catro primeiros tobogáns do parque acuático de Ourense © Deputación de Ourense

O presidente asegura que co complexo de Monterrei, no Pereiro de Aguiar, "a provincia de Ourense vaise converter nun referente do ocio acuático para todas as idades"

O 9 de agosto do pasado ano, sete anos despois de que Feijóo prometese un parque acuático para Ourense, a Xunta abría ao público a primeira fase da remodelación das piscinas do complexo deportivo de Monterrei, no concello do Pereiro de Aguiar, veciño da capital. Pero polos seus primeiros tobogáns, catro, houbo que agardar ata este mércores, coa visita inaugural do presidente da Xunta, Alfonso Rueda. Polo resto de atraccións acuáticas haberá que seguir esperando e quedan agora en mans da Deputación de Ourense.

Rueda na inauguración dos catro primeiros tobogáns do parque acuático de Ourense CC-BY-SA Xunta de Galicia

O parque acuático prometido por Feijóo en 2016, ás portas das eleccións galegas, está a ser construído por fases nas instalacións deportivas xa existentes en Monterrei, no Pereiro de Aguiar, a carón da cidade. A primeira actuación realizada alí, denominada "fase 0" foi a reforma e mellora das pistas deportivas previas, obras que non remataron ata 2021. Só máis tarde, a finais de 2021, cinco anos despois da promesa, foi cando comezaron as obras directamente relacionadas parque acuático.

O pasado agosto abríronse piscinas e unha zona de chorros infantís, pero polos catro primeiros tobogáns houbo que agardar ata agora

A primeira fase da parte acuática do complexo debía estar rematada no verán de 2022, pero tras unha primeira adxudicación falida polo encarecemento de materiais a Xunta tivo que volver contratar os traballos. Nesa primeira fase debían ir incluídos xa tobogáns, pero o que acabou abrindo a o Goberno galego o pasado verán, co mes de agosto xa avanzado, foron "as piscinas infantil, relax e de ondas, así como a zona splash, o acceso independente, vestiarios e aseos". Sen tobogáns.

Zona de chorros infantís no parque acuático segundo a recreación inicial do proxecto e nunha imaxe da súa inauguración hai un ano CC-BY-SA Xunta de Galicia

Os catro primeiros tobogáns non se abriron ata este mércores, case oito anos despois da promesa de Feijóo. Na súa inauguración o presidente Rueda asegurou que o parque permitirá "dinamizar e dar oportunidades ao interior de Galicia" e con el "a provincia de Ourense vaise converter nun referente do ocio acuático para todas as idades". "É un complexo para desfrutar dun día diferente en familia", asegurou Rueda.

As tres seguintes fases, para as que xa non se dan prazos, incluirían un río, máis atraccións de auga e un "parque multiaventura"

Pola súa banda, o presidente da Deputación, Luis Menor, considera que "coa chegada do AVE, o parque acuático, na porta de entrada á Ribeira Sacra, será un factor de atracción fundamental para a nosa provincia".

Tras esta primeira fase que agora a Xunta considera "totalmente rematada", "a Deputación de Ourense levará a cabo as tres últimas fases", indicou o Goberno galego. A segunda fase será "unha nova área de relax" con "río de cascadas, piscina de nado...", a terceira fase terá "máis atraccións de auga" que a Xunta viña presentando como zonas "de adrenalina", e a cuarta fase incluirá un "parque multiaventura". 

Recreación inicial dos catro primeiros tobogáns agora inaugurados pola Xunta © Xunta de Galicia

En total, Xunta e Deputación investirán uns 10 millóns de euros en todas as fases, para as que deixan agora de dar prazos tras asegurar hai un ano que estarían rematadas como moi tarde en 2025. En 2021, cando a demora da promesa de Feijóo xa era máis que evidente, o secretario xeral para o Deporte da. Xunta, José Ramón Lete Lasa, aseguraba no Parlamento que "o atraso é unha percepción moi subxectiva".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.