Sete anos despois da promesa de Feijóo a Xunta abre a medias e sen tobogáns o "parque acuático" de Ourense

Cargos da Xunta e a Deputación de Ourense visitando as piscinas das instalacións deportivas de Monterrei, no Pereiro de Aguiar este 4 de agosto CC-BY-SA Xunta

O complexo non estará rematado ata 2025, nove anos despois da promesa electoral e tras un investimento de 10 millóns de euros

O 7 de setembro de 2016, ás portas das eleccións galegas daquel ano, o daquela presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, prometeu un parque acuático para Ourense. Este venres o vicepresidente primeiro do Goberno galego, Diego Calvo, anunciou que "as instalacións abrirán ao público o vindeiro mércores día 9". Será sete anos despois da promesa electoral, pero esta non estará aínda cumprida xa que o "parque acuático" abrirá a medias, con piscinas pero aínda sen tobogáns, que deberán agardar ao vindeiro verán. O conxunto do complexo, tras un investimento de 10 millóns de euros, non estará rematado cando menos ata 2025.

En 2021, cando a promesa xa acumulaba demora, a Xunta asegurou que "o atraso é unha percepción moi subxectiva".

Zona de chorros infantís no parque acuático segundo a recreación inicial do proxecto e nunha imaxe distribuída este venres pola Xunta CC-BY-SA Xunta de Galicia

O parque acuático prometido pola Xunta está a ser construído por fases e a medias coa Deputación de Ourense nas instalacións deportivas xa existentes en Monterrei, no Pereiro de Aguiar, a carón da cidade. A primeira actuación realizada alí foi a reforma e mellora das pistas deportivas previas, obras que non remataron ata 2021. Só despois, a finais de 2021, cinco anos despois da promesa, foi cando comezaron as obras directamente relacionadas parque acuático.

Na primeira fase que agora abre "de xeito parcial" a Xunta incluíra catro tobogáns que deberán agardar ao próximo ano

A primeira fase da parte acuática do complexo debía estar rematada no verán de 2022, pero tras unha primeira adxudicación falida polo encarecemento de materiais a Xunta tivo que volver contratar a obra e en novembro do pasado ano asegurou que abriría ao público este verán. Porén, o que o próximo mércores abrirá non será nin sequera a primeira fase enteira.

Recreación dos catro tobogáns que a Xunta incluía na primeira fase do parque acuático que agora abre sen eles © Xunta de Galicia

A primeira fase acuática incluía a reforma das piscinas xa existentes e a instalación de catro tobogáns con plataforma de lanzamento a 9 metros de altura, tres deles duns 70 metros de lonxitude, así como a creación dunha zona infantil con chorros de auga. Pero segundo comunicou este venres a Xunta o que agora se abrirá serán só "as piscinas infantil, relax e de ondas, así como a zona splash, o acceso independente, vestiarios e aseos". 

Diego Calvo informa de que este verán a entrada será gratuíta para "compensar" a demora

O vicepresidente Calvo amosa o seu "convencemento de que na época estival de 2024 se poderá desfrutar da primeira fase ao completo", xa con "dúas novas zonas con tobogáns". E para "compensar o feito de que nesta campaña de verán as piscinas abran de xeito parcial", de momento a entrada será "gratuíta para todo o público".

O vicepresidente Diego Calvo no parque acuático de Monterrei CC-BY-SA Xunta de Galicia

Tras a posta en servizo desta primeira fase aínda pendente dos tobogáns, a segunda fase, para a que se estimou un ano de traballos, incluirá un “río lento”, mentres que a terceira e cuarta fase, con zonas “de adrenalina e multiaventura”, non estarían en servizo cando menos ata o verán de 2025. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.