O proxecto de reforma do Xardín do Posío, que inclúe a talla de varios exemplares de gran porte, dá lugar a protestas de entidades sociais e formacións políticas na capital ourensá
Periodicamente lemos noticias, en moitas cidades e vilas, sobre árbores de gran porte e moitos anos de vida que son cortadas en base a distintos obxectivos: mellorar a seguridade viaria, evitar que as ponlas tapen a vista dende as casas, previr roturas ou malformacións nas beirarrúas ou porque unha determinada rúa vai ser reformada. Moitas veces as árbores desaparecidas son posteriormente substituídas por exemplares novos, que tardarán -se chegan ata alí- varias décadas en acadar as dimensións e frondosidade das súas predecesoras.
Estas situacións atopan moitas veces a oposición da cidadanía, consciente dos beneficios de todo tipo que as árbores achegan a un espazo urbano. Beneficios, en primeiro lugar, estéticos, pero tamén de regulación da temperatura sobre todo no verán e tamén como espazos xeradores de vida animal -insectos, paxaros...- que mudan o ambiente de cidades e vilas. En ocasións, estas mobilizacións cidadás a prol das árbores teñen éxito (vímolo hai uns anos en Xinzo ou en Sarria) e noutras, en cambio, as obras continuaron o seu curso, levando por diante as árbores ameazadas.
Nas últimas semanas asistimos a novas polémicas que teñen a corta de árbores no seu cerne e que se unen a episodios pasados en Esgos, Friol, Boiro, Mugardos ou Vigo. A primeira delas está a producirsen en Ourense, no Xardín do Posío, onde a reforma do parque anunciada polo Concello e que inclúe a corta das varias árbores de gran porte, espertou as protestas de varias entidades sociais e formacións políticas e da cidadanía.
O Goberno local de Ourense recoñece que está previsto eliminar oito árbores "ben por seren improcedentes ou ben porque se atopan en mal estado". Amigas das Árbores acusa o Concello de "prácticas ecocidas e negacionistas" e critica a "prepotencia" do Esxecutivo local
Amigas das Árbores denunciou que as obras de rehabilitación do Xardín do Posío inclúen a talla de árbores "sen xustificación clara", entre elas varias "árbores históricas talladas polo pé", coa "perda do pouco espazo verde que lle queda" ao parque. A entidade denunciou tamén o uso innecesario de maquinaria pesada e a "apertura de gabias con rotura das raíces das árbores existentes" e o "formigonado" de espazos que antes conservaban unha superficie vexetal ou de terra.
O Concello de Ourense, pola súa banda, defende que o proxecto de reforma do Posío, cun orzamento de case 2,6 millóns de euros, busca "poñer en valor este espazo emblemático da cidade" e "mellorar a masa vexetal", coa plantación de máis de 50 novas de árbores e de 5.000 plantas. O Goberno local recoñece que está previsto tamén eliminar oito árbores "ben por seren improcedentes ou ben porque se atopan en mal estado". Trátase de seis chopos e dous plátanos que "ademais de atoparse en mal estado, irrecuperable, nunca deberon plantarse no Xardín do Posío, xa que interfiren con especies autóctonas e/ou catalogadas de alto valor patrimonial vexetativo".
“Se no Concello de Ourense decidimos cortar unha árbore, e desde logo que se van cortar, é por un ben común maior", di o Goberno local
O Executivo municipal explican que os chopos provocaban alerxias e interfían cos magnolios próximos, por ter sido plantados hai décadas moi preto deles. Os chopos “non teñen función ningunha no que debera ser un gran Xardín do Posío, que non é unha Alameda (con álamos ou con frecuencia chopos) nin un parque (un mix)”, sinala o Concello de Ourense, que conclúe: “se no Concello de Ourense decidimos cortar unha árbore, e desde logo que se van cortar, é por un ben común maior".
Amigas das Árbores non deu por boas estas explicacións e acusa o Concello ourensán de "prácticas ecocidas e negacionistas", ademais de criticar a "prepotencia" do Goberno local. "Non o podemos admitir nin debemos permitilo. Urxe reaccionar e por freo a tanta desfeita", sinalou a entidade nas redes sociais.
Plátanos en Ferrol, cun futuro incerto
Tamén en Ferrol está sobre a mesa a corta de árbores dun tamaño importante, as varias decenas de exemplares de plátano plantados hai xa varias décadas nas beiras da Avenida de Compostela, a carón das estacións de tren e autobús da cidade
Tamén en Ferrol está sobre a mesa a corta de árbores dun tamaño importante, as varias decenas de exemplares de plátano plantados hai xa varias décadas nas beiras da Avenida de Compostela, a carón das estacións de tren e autobús da cidade. A reforma desta vía, incluida no proxecto de reforma do antigo cuartel de Sánchez Aguilera, podería levar por diante estas valiodas árbores, ás que se acusa de povocar danos e deformacións nas beirarrúas.
No pleno municipal do pasado 24 de abril o BNG presentou unha moción para a conservación destes plátanos, unha proposta que contou co apoio de PSdeG e de Ferrol en Común, pero que foi rexeitada cos votos do PP, que conta con maioría absoluta no pleno. O portavoz nacionalista, Iván Rivas, lembrou que Ferrol sofre “un déficit significativo de vexetación nos seus núcleos urbanos". O BNG instou a buscar unha solución distinta para a reforma desta vía que evite a talla destas árbores.
O BNG presentou unha moción para a conservación das árbores, que foi rexeitada cos votos do PP
Tamén a Sociedade Galega de Historia Natural pronunciouse publicamente en defensa da conservación destas árbores, lembrando que "existe consenso científico" sobre a relación do arborado urbano coa saúde da poboación. "Unha cidad ideal, cun arborado ben elixido e distribuído, proporciona sombra, osíxeno e unha paisaxe que mellora a saúde dos seus habitantes", sinalou a entidade.

Podas criticadas en Compostela
A SGHN critica unha poda realizada en Santiago: "se xa é de por si un despropósito absoluto podar as árbores cando acaban de botar as follas novas, os seus impactos agrávanse ao coincidir coa tempada de cría das aves"
Finalmente, tamén a Sociedade Galega de Historia Natural denunciou nos últimos días os traballos de poda de árbores realizados nalgunhas rúas do centro de Santiago de Compostela. Nunha nota de prensa, a entidade sinalou que "semella inconcebible a falta de profesionalidade e sensibilidade ambiental dalgunhas servizos ou empresas concesionarias de parques e xardíns no que respecta ao trato ao arborado e á fauna silvestre".
"Se xa é de por si un despropósito absoluto podar as árbores cando acaban de botar as follas novas, os seus impactos se agravan ao coincidir coa tempada de cría das aves", indicou a SGHN. A entidade referíase aos traballos realizados no cruzamento entre as rúas Frei Rosendo Salvado e Santiago de Chile, denunciando con imaxes a situación dunha árbore recén podada cun niño ocupado por un pombo torcaz (Columba palumbus).
SGHN dirixiuse ao Concello de Santiago de pedíndolle "que se deteñan de xeito inmediato tódalas podas de arborado urbán e que se adopten as medidas oportunas para que esta situación non volva a repetirse".