O Concello de Pontevedra vai levar a cabo unha importante obra de renaturalización do Río dos Gafos ao seu paso pola cidade que, entre outras actuacións, levará a destapar o río no barrio de Campolongo, onde flúe soterrado durante máis de 500 metros
O Gafos é un pequeno río de menos de once quilómetros de lonxitude, que nace no lugar da Boullosa e desemboca na ría da Pontevedra, moi preto do propio casco histórico da Boa Vila. De feito, ata que a auga corrente chegou ás vivendas, en épocas moi recentes, o Río dos Gafos era o lugar onde se lavaba a roupa, instalándose nas súas beiras varios lavadoiros. No seu treito final o Río dos Gafos atravesa varios barrios da cidade, coma o de Campolongo, onde flúe soterrado durante máis 500 metros. Ata agora.
O Concello de Pontevedra vai levar a cabo unha importante obra de renaturalización do Río dos Gafos ao seu paso pola cidade que, entre outras actuacións, levará a destapar o río no actual Paseo de Valle-Inclán, que dende o ano 2021 está parcialmente vallado por risco de colapso. A actuación, que recuperará o curso natural do río -modificado en 1970-, suporá unha "transformación urbana total", destacan os responsables do proxecto.
A actuación abrangue unha superficie de 21.000 metros cadrados, ten un orzamento de 4,6 millóns de euros, cun prazo de execución de 12 meses
A actuación, entre as rúas Alcalde Hevia e Xeneral Rubín, abrangue unha superficie de 21.000 metros cadrados, nos que se gañará espazo para un parque fluvial, con máis zonas verdes, e servirá tamén para previr e evitar inundacións. O río destapado terá un mínimo de 7 metros de ancho e nalgún punto chegará aos 23 metros.
O orzamento incluído no proxecto é de 4,6 millóns de euros, cun prazo de execución de 12 meses. Serán plantadas case un cento de novas árbores, duplicando a cifra actual; ademais de 290 plantóns de salgueiro, o que derivará nuns 700 metros cadrados de cobertura arbórea. A maioría das especies serán de folla caduca.
Gañarase espazo para un parque fluvial, con máis zonas verdes, e servirá tamén para previr e evitar inundacións
Diante dos centros de ensino (Campolongo e Crespo Rivas) créase unha pasarela ancha que facilitará a entrada e as saídas dos cativos ao colexio e que funcionará como unha pequena praza. Crearanse, ademais, outros dous pasos peonís para mellorar a conectividade entre as dúas beiras. Así mesmo, conservaranse todas as plantacións realizadas na zona, de xeito que se mantén unha árbore de gran porte. As zonas máis abruptas cara a canle do río estarán protexidas con valados mentres que a zona cara á Praza da Constitución se manterá a nivel do río.
A actuación, que recuperará o curso natural do río -modificado en 1970-, suporá unha "transformación urbana total", destacan os responsables do proxecto
"Toda a zona contará cunha altísima calidade urbana e, ademais, queremos que o proxecto teña un carácter urbano real, tendo en conta as circulacións peonís, a seguridade e a mobilidade, ademais, de contar con accesibilidade universal", destacou este xoves o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
Xa no ano 2007 se levou a cabo unha primeira actuación de recuperación do río no seu treito urbano, que supoxo a creación de paseos e a instalación de pasarelas de madeira. Nas últimas décadas tamén cómpre destacar a actividade de entidades como Vaipolorio, que viñeron traballando na limpeza e recuperación deste curso fluvial.
"Toda a zona contará cunha altísima calidade urbana e, ademais, queremos que o proxecto teña un carácter urbano real, tendo en conta as circulacións peonís, a seguridade e a mobilidade", destaca o alcalde
"Creo que é preciso ter conciencia da importancia de poñer en valor o noso patrimonio, sexa natural ou cultural", destacou o rexedor, que lembrou as distintas actuacións de recuperación e renaturalización que se foron facendo nos mandatos anteriores, como a praia fluvial de Monte Porreiro, o tratamento da Illa do Covo, os avances na xunqueira de Alba ou o saneamento do Lérez. "Queda moito por facer, é unha desas cousas que resta por facer e levantar esa tapa que temos por riba do Gafos e renaturalizar toda a súa ribeira en Campolongo. Este é o momento de facelo", engadiu Fernandez Lores.
O proxecto está financiado polos fondos NextGenerationEU da Unión Europea e xestionados pola Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, para a renaturalización e resiliencia das cidades españolas.
Este venres ás nove da noite o Teatro Principal acolle unha presentación pública do proxecto, á que está convidada toda a poboación, especialmente a residente nos barrios polos que flúe o río. A presentación contará coa explicación do equipo redactor do proxecto, Calco Territorio y Urbanismo, que achegará as ideas principais da actuación, así como os deseños cos que se traballará á hora de destapar esta parte do río e crear unha nova zona máis verde na cidade.