As obras de ampliación da estrada LU-231 prevén a corta de varias ringleiras de carballos, freixos, bidueiros e outras especies autóctonas, que en ocasións superan os cen anos de vida
As estradas enmarcadas por ringleiras de árbores eran algo moi habitual en Galicia hai unas décadas, ao igual que o seguen a ser en boa parte de Europa. Porén, boa parte delas van desaparecendo no noso país, sendo talladas sempre que se realiza unha reforma nesas vías de comunicación ou buscando máis espazo para facer máis ancho o espazo dedicado ao asfalto. Esquecendo os valores paisaxísticos, naturais e de control da velocidade dos automóbiles.
En ocasións, os proxectos de supresión das árbores contaron coa oposición de veciñanza e entidades sociais e ecoloxistas, como sucedeu en Esgos, en Xinzo de Limia ou na Gran Vía de Vigo, un caso no que a Comisión Europea vén de admitir a trámite a denuncia presentada pola Marea de Vigo sobre a irregular asignación de fondos europeos (de sustentabilidade medioambiental) para esta actuación. Ás veces esas loitas, como en Xinzo, conseguiron paralizar a corta das árbores.
Segundo Apatrigal, as obras poderían comezar de inmediato, este luns 20 de xaneiro
Volve suceder, desta volta en Friol, na estrada LU-231 que une esta localidade con Palas de Rei. As obras de ampliación prevén a corta de varias ringleiras de carballos, freixos, bidueiros e outras especies autóctonas, que en ocasións superan os cen anos de vida e que se atopan nunha zona incluída na Reserva da Biosfera Terras do Miño e pola que descorre parcialmente o Camiño de Santiago.
Apatrigal destaca os efectos positivos producidos nas estradas pola presenza de árbores, tanto os relacionados coa regulación da temperatura, como os que atinxen á seguridade viaria
A Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal) presentou alegacións ao proxecto e sinala que as obras poderían comezar de inmediato, este luns 20 de xaneiro, a pesar de que as alegacións non foron contestadas. A entidade alerta de que "non dá tempo a que se decreten medidas cautelares porque as obras van comezar de inmediato" pero afirma que valora poñer a actuación en coñecemento da Fiscalía de Medio Ambiente.
O proxecto de obras contempla ampliar o largo da estrada dos 4,50-5,10 metros da actualidade aos oito metros futuros, consistentes en dous carrís de 3,50 e beiravías estreitas, o que se entende como “unha estrada convencional para tráfico denso”.
Apatrigal destaca os efectos positivos producidos nas estradas pola presenza de árbores, tanto os relacionados coa regulación da temperatura, como os que atinxen á seguridade viaria: "Circular dende Friol a Palas de Rei é agradable, non é preciso pór o aire acondicionado, e redúcense os accidentes porque está demostrado que cando máis estreita é a estrada, pola propia percepción do cerebro humano, a menor velocidade circulamos, reducíndoa inmediatamente pola presenza doutro vehículo".
"Favorecen a condución lenta e relaxada e evitan moitos accidentes, pero tamén favorecen o medio ambiente e a biodiversidade"
"Está comprobado que as árbores nas marxes das estradas non producen incendios -agás se trate de especies pirófitas, como os eucaliptos, favorecen a condución lenta e relaxada e evitan moitos accidentes, pero tamén favorecen o medio ambiente e a biodiversidade", sinala a entidade nas súas alegacións, nas que lembra que o tráfico previsible da estrada está fixado en 700 vehículos ao día (o que supón unha media de 30 vehículos/hora) en ambos os dous sentidos, "polo que a posibilidade de que se encontren dous vehículos nas dúas direccións é practicamente nula". "Non cabe motivo algún para ampliar o largo da estrada, eliminando as árbores", conclúe a entidade.
"Non entendemos a necesidade de facer un investimento de 2.594.474 euros -primeira fase- innecesario pola densidade de tráfico que consta no propio proxecto"
"Non entendemos a necesidade de facer un investimento de 2.594.474 euros -primeira fase- innecesario pola densidade de tráfico que consta no propio proxecto, e eliminando as árbores das marxes dunha das estradas máis fermosas de Galicia, das poucas nas que aínda non foron eliminadas as árbores laterais, como sempre foron", sinala Apatrigal.
E, finalmente, apunta unha reflexión: "Para que imos gastar tantos cartos en ampliar unha estrada sen tráfico, eliminando árbores autóctonas centenarias, para que os vehículos corran máis e se produzan máis accidentes, ou nos vexamos na necesidade de implementar radares de tráfico, hoxe innecesarios?".
Conservación das vías arboradas
No pasado era moi habitual que longas fileiras de árbores acompañasen o trazado dos camiños e estradas. Así foi en Europa dende a construción das calzadas romanas
No pasado era moi habitual que longas fileiras de árbores acompañasen o trazado dos camiños e estradas. Así foi en Europa dende a construción das calzadas romanas. E o propio Marco Polo relata que na China que visitou o plantado de árbores na beira das vías imperiais estaba mesmo regulado por lei, servindo de guía no caso de nevadas e ofrecendo sombra no verán. Despois, foi Napoleón quen impulsou a construción de grandes vías arboradas, unha práctica que se mantivo en todo o século XIX e parte do XX.
En varios países de Europa lévase a cabo o proxecto Roads of Nature dedicado á conservación das vías arboradas e que inclúe, entre outras accións, a plantación de árbores nas fronteiras entre países "para que as avenidas vexetais unan ecosistemas e persoas". "Esas avenidas arboradas son estreitos bosques que actúan como excelentes corredores ecolóxicos entre zonas de grande importancia natural, pero ao mesmo tempo forman parte dunha paisaxe tradicional que nos une coa natureza e nos fai moito máis agradables as viaxes", destaca neste senso César Javier Palacios, director doutro proxecto europeo, Enarborar, Grandes Árbores para a Vida, da Fundación Félix Rodríguez de la Fuente.