Tallan pólas de árbores centenarias en Ponte Caldelas para facerlle sitio á París de Noia

Actuación da París de Noia en Ponte Caldelas © Concello de Ponte Caldelas

As orquestras mandan no verán. Mandan tanto que semella que a instalación dos seus escenarios adquire prioridade sobre outras cuestións, como a protección do patrimonio. Hai uns días denunciouse que a actuación da Panorama en Melide puxera en risco a integridade do cruceiro máis antigo de Galicia. Desta volta é a París de Noia a que xera polémica, despois de que en Ponte Caldelas o Concello decidira cortar varias pólas de árbores centenarias para facerlle sitio á orquestra na Alameda da localidade. 

"Xa é hora de parar de destruír o patrimonio cultural e natural por culpa dos palcos das orquestras galegas. As comisións de festas teñen que calcular e os concellos inspeccionar", di Apatrigal

O escenario da formación medía un mínimo de 23 metros de lonxitude (con 14 metros de fondo e 12 de alto) e para que puidese coller na súa totalidade, optouse por tallar as árbores, a pesar de que existía unha localización alternativa moi próxima. O propio alcalde da vila, Andrés Díaz, pediu desculpas ao día seguinte a través das redes sociais: "Sigo avergoñado polo que sucedeu durante a montaxe do escenario da París de Noia. Un fallo grave que nos obrigou a talar tres polas e que non se tería que ter producido nunca, porque, como dixen, había sitio na esquina da Praza de Abastos. E se o escenario lucía menos, lucía menos". "A min non me vale de escusa que o anterior alcalde tamén cortara polas destes mesmos árbores para meter outras orquestras no pasado (...) Pero nós nin somos nin queremos ser como eles. A nós gústanos dar contas e asumir os erros, que tamén os temos", engadiu. A decisión da corta chegou, ademais, a última hora, o que obrigou a atrasar o inicio do concerto ata a unha da mañá, cando estaba previsto para as 23.30.

O alcalde pide desculpas: "Sigo avergoñado polo que sucedeu. Un fallo grave que nos obrigou a talar tres polas e que non se tería que ter producido nunca, porque había sitio na esquina da Praza de Abastos. E se o escenario lucía menos, lucía menos"

A corta foi xa criticada pola Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal), que leva días subliñando a falta de respecto ao patrimonio (cultural e natural) por parte de concellos e comisións de festas, á vista dos casos de Melide, Ponte Caldelas e outros que se produciron no pasado. "Xa é hora de parar de destruír o patrimonio cultural e natural por culpa dos palcos das orquestras galegas. As comisións de festas teñen que calcular e os concellos inspeccionar", sinala a entidade, que reclama que se cumpra a lexislación vixente, dende a Lei de Espectáculos á Lei do Patrimonio Cultural.

 

Outros casos

O sucedido en Melide ou Ponte Caldelas non son casos illados. Nos últimos anos foron varias as localidades galegas nas que se denunciaron feitos semellantes relacionados coa instalación dos escenarios das orquestras e outros elementos das festas, segundo lembran dende Apatrigal.

  • No ano 2007 un guindastre da orquestra Olympus golpeou o cruceiro de Porto, en Pontecesures, provocando a caída da parte superior deste, que rachou en tres partes.
  • Así mesmo, no 2011 unha árbore "única" do colexio O Coto de Negreira foi tallada para facilitar que accedesen ao lugar os camións da Olympus.
  • No verán de 2016, varios carballos protexidos foron cortados en Tui (parroquia de Malvas) para deixar pasar o camión da Panorama, o que levou a unha sanción de 6.000 euros. E unha situación semellante, tamén relacionada coa Panorama, foi denunciada na Estrada (parroquia de Moreira)
  • Tamén se denunciou a corta de carballos en Callobre (Estrada) por mor da instalación do escenario da París de Noia.

 

Actuación da París de Noia en Ponte Caldelas © Concello de Ponte Caldelas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.