Un concerto da Panorama en Melide pon en perigo o cruceiro máis antigo de Galicia

O cruceiro atópase a carón da igrexa de San Roque © Turgalicia

Castelao escribiu que o Cruceiro de Melide, do século XIV, é o máis antigo de Galicia. Situado a carón da Igrexa de San Roque e catalogado como Ben de Interese Cultural, só conserva a súa parte superior, xa que a súa base e columna son máis recentes. O monumento estivo en risco este martes pola noite, durante o concerto que a orquestra Panorama ofreceu na localidade, no marco das festas de San Roque.

A confluencia da estrada Lugo-Compostela coa avenida da Habana e a rúa Galicia é o lugar escollido todos os anos para a realización de grandes espectáculos durante os festexos. En consecuencia, o cruceiro adoita ficar a escasos metros dos escenarios, altofalantes e do lugar no que se sitúa o público asistente, polo que todos os anos é proxido cun valado metálico, para evitar que sofra algún desperfecto. De feito, o Museo Terra de Melide leva anos demandando que o monumento sexa protexido de forma permanente con algún tipo de cerca, para asegurar a súa correcta conservación. 

O gran tamaño do escenario empregado pola Panorama fixo que este valado fose movido varios metros, ata pegalo coa estrutura do cruceiro, segundo destaca La Voz de Galicia. A Policía Local, advertida do perigo que isto supuña para o monumento, desprazou de novo o valado todo o que puido, levantando acta do sucedido. Ademais, unha das pezas que compuñan o soporte do escenario tamén ocupou un dos escalóns do cruceiro e tamén tivo que ser trasladada.

O risco para o cruceiro máis antigo de Galicia foi denunciado nun primeiro momento polo museo comarcal e difundido posteriormente pola Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal), que advirte de que a instalación do escenario da orquestra Panorama nese lugar incumpriu a lei. Apatrigal lembra que a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia establece como espazo protexido un radio de 20 metros ao redor de elementos singulares do patrimonio etnolóxico (artigo 38). E que o artigo 92 indica que "non se poderá autorizar a construción de instalacións acaroadas a eles que afecten os seus valores culturais". Apatrigal lembra que en todo caso a instalación dun escenario nese espazo de protección de 20 metros debería contar coa autorización previa da Dirección Xeral de Patrimonio. A entidade anuncia que demandará explicacións tanto do Concello de Melide como do Goberno galego sobre o sucedido.

O risco que para o cruceiro supoñen os concertos e outras actividades das festas vén sendo denunciado nos últimos anos polo Museo Terra de Melide e outras entidades. O tema foi posto en coñecemento da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta que hai un tempo abriu unha investigación e púxose en contacto co Concello para establecer unhas condicións de seguridade mínimas. Porén, a conclusión foi que non se producira dano material concreto ningún.

Reverso do cruceiro © Concello de Melide
O cruceiro atópase a carón da igrexa de San Roque © Turgalicia
Actuación da Panorama en Melide este martes © Concello de Melide

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.