As árbores da Avenida de Celanova, en Xinzo de Limia, están a salvo. Nos últimos meses coñeceuse o proxecto de reforma desta rúa, unha das vías de entrada á vila limiá (a través da OU-531), unhas obras de ampliación da calzada que pasaban pola corta de 54 árbores centenarias (plátanos) nas súas marxes. De inmediato iniciouse un movemento cidadán, liderado pola plataforma Amigos das Arbores da Limia, que despois de semanas de mobilización, na propia comarca e en toda Galicia, semella ter acadado o seu obxectivo.
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda comunicou a reformulación do proxecto de reforma da vía, despois de que o Concello de Xinzo de Limia lle expresase o seu desexo de que as obras non afectasen ás árbores, atendendo así ás demandas dos veciños e veciñas. O Goberno galego trasladará a titularidade desta vía ao propio Concello que procederá á súa transformación de acorde á súa condición de vía urbana, respectando a integridade das árbores e contando sempre co financiamento autonómico previsto inicialmente. En paralelo, acondicionaranse as vías municipais que deberán funcionar como circunvalación para canalizar o tráfico de entrada e saída á vila.
A plataforma Amigos das Arbores da Limia manifestou xa a súa satisfacción pola decisión: "Estamos moi satisfeitos co traballo realizado para concienciar e mobilizar aos limiaos e limiás contra a desfeita que ían acometer. Acabamos de conseguir unha rúa arborada para a cidadanía e non unha estrada para o tráfico, principalmente de grande tonelaxe, como pretendían".
Nas mobilizacións das últimas semanas participaron varias entidades sociais e ambientalistas, como Amigos da Terra, a Plataforma Ríos Limpos, a Asociación para a Defensa do Patrimonio Natural Galego e a Sociedade Galega de Historia Natural. E tamén se posicionaron abertamente polo mantemento das árbores os grupos da oposición municipal, PSOE, BNG e Xinzo Adiante.
"Non se pode entender a Avenida de Celanova sen as árbores que os nosos devanceiros plantaron algún día, con vontade de perdurar no tempo. Aquelas persoas -das que descendemos- que planificaron esta vía fixérono para ben das que agora as gozamos, non o fixeron para cortalas. Tivo que pasar un enorme tempo para que as árbores e as ilusións daqueles cidadáns se fixeran realidade", destacaba o manifesto inicial da plataforma.
Este domingo a entidade conclúe que "as árbores seguirán vivas, dándonos sombra e osíxeno. Este importante logro acadado pola plataforma confirma que cando as veciñas e veciños traballan xuntos as realidades poden mudarse en prol do ben común. Son necesarios gobernos abertos á participación veciñal, iso reclamamos".