Na Saínza de Abaixo, no concello ourensán de Rairiz de Veiga, érguese un impoñente carballo ao que se lle calculan uns 500 anos de idade. É a Carballa da Rocha, declarada árbore senlleira e Monumento Natural e que agora contará cun plan de xestión para garantir a súa preservación
Na Saínza de Abaixo, no concello ourensán de Rairiz de Veiga, érguese un impoñente carballo de gran porte (33 metros de altura e un perímetro de 8,2 metros na súa base e de 6,9 a un metro de altura) ao que se lle calculan uns 500 anos de idade. É a Carballa da Rocha, declarada árbore senlleira e Monumento Natural en marzo do ano 2007 e que agora vai pasar a contar cun plan de xestión para garantir a súa preservación. Trátase do quinto monumento natural galego en contar cun plan de xestión, despois dos aprobados para a Praia das Catedrais, o Souto da Retorta, a Fraga de Catasós e Pena Corneira.
Así o anunciou este xoves a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante a visita que realizou a este espazo protexido. A árbore está rodeada dun espazo natural no que tamén se van tomar a cabo medidas para a conservación do espazo e a preservación dos hábitats e das especies.
Neste senso, o plan recolle como unha das medidas a desenvolver a compra dos predios nos que medra a Carballa da Rocha. A previsión é adquirir no futuro máis de 6.200 metros cadrados co obxectivo de garantir a súa correcta conservación ao converterse en patrimonio público
O plan prevé adquirir no futuro máis de 6.200 metros cadrados nos predios que rodean a árbore
O plan de xestión tamén establece que se levarán a cabo un seguimento fitosanitario de todo o conxunto de árbores para conservar a súa saúde vexetal, un programa continuo de erradicación de especies alóxenas, a elaboración dun plan de acción da paisaxe para esta contorna e o desenvolvemento dun estudio sobre os posibles efectos do cambio climático sobre este espazo protexido.
O pasado ano Amigas da Terra denunciou a talla de carballos na área do Monumento Natural da Carballa da Rocha. A organización ecoloxista acusou a operarios municipais de ter realizado estas cortas, que puxo en coñecemento do Ministerio de Medio Ambiente, a Xunta e o Seprona.
Na carballeira celébrase todos os 24 de setembro a Romaría da Saínza, unha das poucas festas que representan a loita entre cristiáns e musulmáns en Galicia
Esta formación arbórea atópase á beira do río Limia preto da antiga Lagoa de Antela e na contorna do ZEC da Veiga de Ponteliñares. A Carballa da Rocha atópase tamén dentro da reserva da biosfera Área de Allariz. A fraga na que medra a Carballa da Rocha está próxima á capela da Virxe da Mercé, lugar de celebración de importantes romarías e protagonista de numerosas lendas e contos populares na zona.
Por exemplo, na carballeira celébrase todos os 24 de setembro a Romaría da Saínza, unha das poucas festas que representan a loita entre cristiáns e musulmáns en Galicia. O plan tamén comprende a posta en valor da romaría da Saínza, declarada de interese turístico galego.