Réquiem por unha árbore

Unha imaxe recente do teixo © Pilar Carpente Leira

O Teixo dos Tenreiro, en Pontedeume, está a morrer. De forma irremediable, segundo afirma un informe que vén de emitir a Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra e do CSIC. A árbore, pertencente ao Catálogo de Árbores Senlleiras elaborado pola Xunta, ten entre 300 e 500 anos de historia e comezou a dar síntomas de mala saúde a partir do ano 2007, secando as súas pólas e caendo as súas follas. "É o comezo dun triste período de decadencia na historia desta árbore monumental, no que queda de manifesto a incompetencia e indiferenza dos políticos e técnicos da Dirección Xeral de Conservación da Natureza", denuncia a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN).

O informe constata o mal estado da árbore, confirma a presenza do fungo Phytophtora e conclúe que "non parece factible a súa recuperación mediante calquera tipo de actuación"

A entidade relata que neste tempo non se conseguíu determinar o mal que aqueixaba ao teixo, unha especie moi lonxeva (pode vivir sen problema máis de mil anos) pero moi sensible aos cambios na súa contorna. "Os informes sobre o enfermo son contraditorios e alarmantes: dubídase da causa da doenza, podería ser un virus, unha bacteria, un fungo, un insecto chupador,...por poder, podería ser calquera cousa. Sen unha diagnose clara decídese actuar, poda vai e poda vén, insecticidas e funxicidas a esgalla". Pasa o tempo e a árbore non mellora. O informe, que vén de ser recibido polo Concello de Pontedeume, constata o mal estado da árbore, confirma a presenza do fungo Phytophtora e conclúe que "non parece factible a súa recuperación mediante calquera tipo de actuación".

A construción do paseo marítimo implicou a colocación de grandes lousas de granito ao redor do teixo, que afogaron as súas raíces

Distintas entidades, entre elas a propia SGHN, denunciaron o efecto prexudicial que para a árbore tiveron as obras e o ruído continuo da AP9 -a escasos metros-, un recheo que modificou a ribeira da ría, e sobre todo a construción do paseo marítimo a partir de 1995, que implicou a colocación de grandes lousas de granito ao redor do teixo, que afogaron as súas raíces.

"Tentando remediar a desfeita" -explica a SGHN- "a Xunta de Galicia inviste no 2003 un total de 36.000 € en derramar o Teixo, rodeando o madeiro cunha estrutura de pedra e cerca metálica, a xeito de gaiola, coa finalidade de restrinxir o acceso á copa". A SGHN denuncia que os técnicos da Dirección Xeral de Conservación da Natureza non tiveron en conta en cambio "o prexuízo do peso das lousas sobre as raíces, a interceptación que estas realizan sobre as achegas de augas de chuvia e as modificacións que provocan a nivel da humidade e temperatura do solo (e entre este e a copa)". As lousas foron retiradas en 2011, pero isto non reverteu o proceso de degradación da árbore.

 

Unha árbore presente na historia

O Teixo dos Tenreiro recibe este nome dende que en 1870 Agustín Tenreiro construíu no lugar un pequeno pazo que rodeou dun fermoso xardín no que coexistían especies propias coma abeleiras, acivros, carballos e castiñeiros con outras procedentes doutras latitudes, coma a araucaria, o cedro do Líbano, magnolio americano e xaponés, ciprés, castiñeiro de Indias, camelia, bambú ou o eucalipto. Un dos teixos (que xa levaba no lugar algúns séculos) foi podado seguindo o costume da época e a artística Ars Topiaria, chegando a contar con tres andares diferenciados aos que se accedía a través dunha escaleira de caracol. Teixo dos Tenreiro, coidado con moita dedicación, chegou a figurar en guías de árbores senlleiras e xardíns de toda Europa, sendo visitado por botánicos e xardineiros de todo o continente. A árbore, que chegou a medir 15 metros de altura e 20 de diámetro, figura no catálogo de patrimoniogalego.net.

O teixo chegou a acoller, baixo as súas pólas, a celebración dun Consello de Ministros durante a Segunda República, presidido polo coruñés Santiago Casares Quiroga

Tamén por ilustres personaxes, coma Emilio Castelar (presidente durante a Primeira República), que en 1885 almorzou baixo a súa sombra, Azorín, Echegaray, Valle-Inclán, Emilia Pardo Bazán (que o utilizou como escenario da súa novela Una Cristiana). Tamén polo presidente republicano Manuel Azaña (parente dos Tenreiro). O teixo chegou a acoller, baixo as súas pólas, a celebración dun Consello de Ministros durante a Segunda República, presidido polo coruñés Santiago Casares Quiroga.

A Guerra Civil fende tamén a historia desta árbore, a través da represión que sofren os Tenreiro. Ramón María Tenreiro, que fora nomeado polo Goberno da República secretario da embaixada española en Suíza, morre nese país en 1939. O seu irmán Antonio, arquitecto, permanece en Galicia, mais é represaliado polo réxime Franquista, que lle prohibe o exercicio da súa profesión, e perde parte das súas propiedades. Na segunda metade do século XX a familia Tenreiro deixa de vivir habitualmente na casa de Pontedeume, co conseguinte deterioro da mesma. Un deterioro que continuou nos anos 60 cos recheos levados a cabo na zona das Gándaras para a construción de instalacións deportivas. E, posteriormente, coas devanditas obras do paseo marítimo e da autoestrada.

Na segunda metade do século XX a familia Tenreiro deixa de vivir habitualmente na casa de Pontedeume, co conseguinte deterioro da mesma

No momento en que se viu obrigado a marchar de Pontedeume Antonio Tenreiro escribiu "E vivirá a árbore para entón? Esperemos que Deus fará que así sexa e que a propiedade da árbore se transmita a mans tan coidadosas e que teñan pola mesma tanto interese e coidado como até agora coubo a sorte que así fose, a través dos seus varios séculos de existencia. Poden vivir estas árbores de mil cincocentos a dous mil anos, e iso fai esperar que o de Pontedeume poida aínda seguir admirando a moitas xeracións sucesivas. Así sexa".

"Esta árbore probablemente prefira morrer a seguir esmorecendo baixo as torturas dos burócratas que non aman as árbores, nin respectan os valores naturais, culturais e históricos do seu país"

Semella que non será así. A Sociedade Galega de Historia Natural escribiu hai xa dous anos que "o vetusto teixo, que acolleu á súa sombra personaxes ilustres e que foi admirado en toda Europa pola súa antigüidade e peculiar forma, converteuse, baixo a tutela da Dirección Xeral de Conservación de la Natureza, nun espectro fantasmagórico inserto nun paseo rodeado de lixo e sometido ao ruído continuo da autoestrada". E concluía: "Esta árbore, cansa das torpezas daqueles que deberan velar pola súa boa saúde e porque a súa sombra perdurara no tempo, probablemente prefira morrer a seguir esmorecendo baixo as torturas dos burócratas que non aman as árbores, nin respectan os valores naturais, culturais e históricos do seu país".

O teixo, cando aínda mantiña a saúde © Tejonauta
Unha imaxe recente do teixo © Pilar Carpente Leira
A árbore recibía este tipo de podas a comezos do século XX © SGHN
A colocación de lousas no paseo marítimo de Pontedeume tivo un efecto moi negativo © SGHN

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.