Lalín volve vencer a Fenosa: o TSXG confirma a anulación da liña de alta tensión en Catasós

Acción contra a liña de alta tensión prevista sobre a Fraga de Catasós © Salvemos Catasós

Lalín volveu vencer a Fenosa. A loita da veciñanza volveu triunfar ante a compañía eléctrica. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) dálle a razón ao Concello na súa defensa da Fraga de Casas Vellas e desestima o recurso de apelación que interpuxera Unión Fenosa contra a decisión xudicial dun xulgado de Pontevedra de xusto hai dous anos, na que se lle denegaba a licenza á compañía eléctrica para a construción da Liña de Alta Tensión (LAT) entre O Irixo e Lalín.

O TSXG "comparte as conclusións" da anterior sentenza e entende que Fenosa debe "respectar a normativa de protección de medio ambiente e da paisaxe"

O ditame comparte as conclusións da decisión anterior do xulgado pontevedrés e entede que o proxecto de Fenosa debe "respectar a normativa en materia de protección do medio ambiente e da paisaxe, así como os seus elementos naturais". Engade, ademais, que mentres non se valore debidamente o impacto non se pode conceder a licenza "por razóns de prudencia" e á espera dos resultados dos informes solicitados para determinar o devandito impacto, máis sasbendo que o Concello levou a cabo xa actuacións para que a Fraga de Catasós obteña protección como espazo natural de interese local. 

"Han de compartirse as conclusións ás que se chega na sentenza apelada", di o TSXG nun ditame que ordena o pagamento das custas a Fenosa e que advirte de que é recorrible ante o propio Tribunal ou o Supremo. 

O Superior galego, xa que logo, volve dar a razón ao Concello de Lalín despois de varios anos de batalla social liderada pola plataforma Salvemos Catasós e algún tempo máis de pelexa burocrática por parte dos afectados. Danlles a razón, ademais, nun conflito dos que raras veces acaban virando cara a ese lado. A compañía enerxética, agora Naturgy, aclara que non fai comentarios sobre a sentenza. 

Acción contra a liña de alta tensión prevista sobre a Fraga de Catasós © Salvemos Catasós

A actuación prevista por Unión Fenosa prevía tronzar ata 2.000 árbores. A liña de alta tensión afectaba unha parte dunha área composta por especies autóctonas: carballos, ademais de varios tipos de castiñeiros, un deles de máis de 30 metros de altura. Ademais, as especies presentes nas 4,5 hectáreas rexistran unha das maiores taxas de crecemento de toda Europa. O Decreto 76/2000 da Xunta declarou a Fraga "Monumento Natural" polas súas "características botánicas de grande importancia, singularidade e beleza" e o Decreto 67/2007 do Goberno galego creou o Catálogo galego de árbores senlleiras e incluíuna como "formación senlleira". Pero nin iso nin a Lei 42/2007 do Patrimonio Natural e a Biodiversidade, nin outras figuras de protección lograron deter a autorización de maio de 2014 da Consellería de Economía para que unha liña de alta tensión (o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal LAT 132 kV O Irixo-Lalín) pasase por esa zona. Tampouco que haxa constancia de que boa parte de Los Pazos de Ulloa fose escrita por Emilia Pardo Bazán paseando por este espazo.

"É unha nova vitoria do conxunto de Lalín contra un proxecto con consecuencias ambientais nefastas e unha clara derrota do PP pola súa xestión cómplice con Fenosa", di o Concello

Con todos estes antecedentes, na DIA aprobada pola Xunta nin se recolle a existencia de especies autóctonas, tal e como logo advertiu o Consello da Cultura Galega. Aínda así, o anterior goberno municipal do PP deixouno pasar. "Foi un desleixo total; se chegamos aquí foi porque os técnicos do anterior executivo avalaron o proceso sabendo que estaba mal feito; desde o executivo acusáronnos de politizar a plataforma e de ter interese electoral", relataba Celso Fernández, que viviu a loita na plataforma desde o inicio, hai dous anos a Praza.gal.

O goberno local lalinense considera que a sentenza "constitúe unha nova vitoria do conxunto de Lalín contra un proxecto con consecuencias  ambientais nefastas e unha clara derrota do Partido Popular pola súa xestión cómplice con Fenosa". Ademais, aclara que o ditame insiste en que iniciativa da eléctrica "incumpre a normativa ambiental,  cuestiona as autorizacións concedidas pola Xunta e sostén que a  súa posta en marcha suporía un dano ecolóxico gravísimo e irreparable". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.