Investigadores da Uvigo identifican unha clave para vencer a resistencia de cancros aos fármacos

María Mayán, á esquerda, con máis integrantes do grupo CellCOM © Uvigo

O equipo descubriu un novo mecanismo molecular capaz de restrinxir a capacidade das células tumorais para reparar o seu ADN, a principal forma de defensa fronte aos fármacos

Un equipo científico internacional liderado pola doutora María Mayán, do grupo CellCOM do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO) da Universidade de Vigo, descubriu un novo mecanismo molecular capaz de restrinxir a capacidade das células tumorais para reparar o seu ADN, a principal forma de defensa fronte aos fármacos. É dicir, o persoal investigador do CINBIO deu cunha vulnerabilidade clave destas células que pode mellorar a eficacia dos tratamentos contra o cancro.

A investigación, froito de máis de sete anos de traballo, foi publicada na revista Nature Communications -unha das publicacións científicas máis prestixiosas do mundo- e identifica a proteína conexina 43 como unha nova e potente diana terapéutica capaz de frear o crecemento dos tumores e evitar a aparición da resistencia aos tratamentos. 

Microscopía de fluorescencia de células tumorias en cultivo, en ausencia (arriba) e presenza (abaixo) de conexina 43 (Cx43) © Uvigo

"Este traballo serve como exemplo da importancia da investigación feita en colaboración. Sería imposible chegar a estas conclusións e xerar novo coñecemento sobre o cancro", destaca Mayán

Para facer fronte a este problema, o grupo do CINBIO puxo en marcha un proxecto multidisciplinar e internacional dirixido a atopar unha solución a esta resistencia e avaliar estratexias que permitan evitala. O estudo contou co financiamento europeo do programa Horizon 2020, do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e da Xunta. 

A pesar da dificultade do proxecto, "este traballo serve como exemplo da importancia da investigación feita en colaboración. Sen a axuda e contribucións dos diferentes grupos participantes, sería imposible chegar a estas conclusións e xerar novo coñecemento sobre o cancro", asegura a doutora Mayán.

A investigación dentifica a proteína conexina 43 como unha nova e potente diana terapéutica capaz de frear o crecemento dos tumores e evitar a aparición da resistencia aos tratamentos

O avance céntrase en tumores cunha mutación no xene BRAF, presente en máis do 60 % dos casos de melanoma e en certos cancros de colon, pulmón ou mama. Esta mutación activa unha vía que desencadea a proliferación descontrolada e a supervivencia das células tumorais que a posúen.

O traballo desvela por que estas células tumorais se desfán da proteína conexina 43 para sobrevivir. Esta proteína interfire coa vía principal que utiliza a célula cancerosa para reparar o dano no seu ADN. Actúa como un freo, obrigando á célula a usar vías de reparación alternativas moito menos eficaces. Este efecto multiplícase ao combinalo con fármacos que tamén danan o ADN das células tumorais, como os inhibidores de BRAF/MEK.

Baseándose nestes resultados, o equipo deseñou e patentou unha innovadora estratexia terapéutica para levar a conexina 43 ao núcleo das células tumorais.

María Mayán © CINBIO

A coordinadora do proxecto confía en que este avance sente as bases de novos estudos sobre resistencia ao tratamento en cancro, pero tamén para o desenvolvemento de futuras terapias

A coordinadora do proxecto confía en que este avance sente as bases de novos estudos sobre resistencia ao tratamento en cancro, pero tamén para o desenvolvemento de futuras terapias a pacientes con melanoma e outros tumores agresivos. Segundo explica María Mayán, o equipo está a buscar apoio para poder trasladar esta técnica “e chegar aos pacientes no futuro”.

Aínda que o traballo se enfocou en estudar e combater a resistencia a determinadas terapias, a conexina 43 tamén representa por si mesma unha opción terapéutica para este tipo de cancros, non só en combinación con quimioterapia ou terapias dirixidas. De feito, estudos pendentes de publicación do grupo indican que o seu papel antitumoral é moito máis amplo.

Mayán destaca o valor de realizar "ciencia de vangarda" desde Galicia

Ademais, Mayán destaca o valor de realizar "ciencia de vangarda" desde España e desde Galicia “non só para mellorar a percepción do país, xerar retorno económico e achegar credibilidade, senón tamén para formar a novos investigadores altamente capacitados. Esta é unha das cousas que me fan máis feliz”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.