Debido a que a gran maioría dos tumores diagnosticados son sólidos, desenvolver métodos que permitan incrementar a dispoñibilidade de células CAR-T no seu interior para mellorar a súa eficacia é un obxectivo prioritario a nivel clínico
Un equipo interdisciplinario con persoal procedente de distintos centros de investigación e coordinado pola Universidade de Santiago vai desenvolver unha tecnoloxía innovadora para combater tumores sólidos mediante cápsulas nanoestruturadas portadoras de células CAR-T. Trátase do proxecto CARTsol, que contará con cerca dun millón de euros ao abeiro dunha convocatoria do Ministerio de Ciencia e Innovación. A creación de cápsulas capaces de liberar células CAR-T en tumores sólidos en forma de 'cabalos de Troia' e co obxectivo de destruílos de forma efectiva permitirá crear alternativas máis eficientes na loita contra o cancro.
A USC explica que a terapia con células CAR-T —linfocitos de pacientes que son modificados xeneticamente para que poidan recoñecer e destruír de forma específica as células tumorais logo de ser inxectados— constitúe unha nova forma de abordar o tratamento contra o cancro e que xa demostrou o seu potencial no ámbito da oncohematoloxía pero non así nos tumores sólidos, aqueles que medran como masas celulares en órganos e tecidos.
Cápsulas cargadas de células CAR-T posibilitarán unha liberación dirixida dos “soldados” no tumor, "a xeito de 'cabalo de Troia' que permitirá esconder e protexer os seus 'soldados' ata que chegue o momento da loita" permitíndolles a partir de aí "superar o ambiente hostil que os rodeará"
Ata agora a dificultade das células CAR-T para viaxar a través dos tecidos e chegar ao tumor, así como a acción do ambiente hostil dos tumores ante elas supón unha barreira que frea o éxito destas terapias avanzadas en tumores sólidos. Debido a que a gran maioría dos tumores diagnosticados son deste tipo, desenvolver métodos que permitan incrementar a dispoñibilidade de células CAR-T no seu interior para mellorar a súa eficacia é un obxectivo prioritario a nivel clínico.
Así, estas cápsulas cargadas de células CAR-T e un cóctel de biomoléculas que axudarán á súa acción efectiva posibilitarán unha liberación dirixida dos “soldados” no tumor, "a xeito de 'cabalo de Troia' que permitirá esconder e protexer os seus 'soldados' ata que chegue o momento da loita" permitíndolles a partir de aí "superar o ambiente hostil que os rodeará cando penetren para levar a cabo de forma eficiente a súa acción anti-tumoral".
Usando un símil bélico, é como poder bombardear toda unha zona de guerra logo de ter inactivado as defensas antiaéreas do tumor”, explica Xosé Bustelo, investigador principal do proxecto
O profesor José Rivas, coordinador do proxecto, explica neste senso que "a clave do proxecto consiste no deseño da cápsula similar a un cabalo de Troia, que permite trasladar a salvo os soldados ao centro do campo de batalla e facilitarlles armas abundantes, para que unha vez fóra, maximicen o seu efecto contra as células tumorais”.
Pola súa banda, Xosé Bustelo, investigador principal do proxecto, destaca que con esta metodoloxía é posible “introducir e incubar células CAR-T plenamente activas nunhas cápsulas que permitan a súa liberación efectiva e a súa acción anti-tumoral a longo prazo. Usando un símil bélico, é como poder bombardear toda unha zona de guerra logo de ter inactivado as defensas antiaéreas do tumor”.
Estas cápsulas serán implantadas nas inmediacións dunha zona tumoral
Estas cápsulas serán implantadas nas inmediacións dunha zona tumoral —ou na rexión mesma da resección tras a extirpación cirúrxica do tumor—, coa finalidade de que as células CAR-T poidan liberarse na súa gran maioría o máis preto posible das células tumorais para, posteriormente, recoñecelas especificamente e destruílas.
As cápsulas poderán tamén incorporar, se así se desexa, nanopartículas magnéticas que permitan, tras unha estimulación externa polo persoal médico, oncólogos e radiólogos, destruír “queimando” as células tumorais residuais que queden tras a acción das células CAR-T mediante a xeración de altas temperaturas na rexión onde están localizadas as cápsulas.
As cápsulas poderán tamén incorporar, se así se desexa, nanopartículas magnéticas que permitan, tras unha estimulación externa polo persoal médico, oncólogos e radiólogos, destruír “queimando” as células tumorais residuais que queden tras a acción das células CAR-T
O proxecto será desenvolvido por un consorcio interdisciplinario integrado pola USC como entidade coordinadora. Nel, o profesor José Rivas estará á fronte dun equipo investigador procedente do Instituto de Materiais da USC (iMATUS) con Jorge Mira e Yolanda Piñeiro do grupo NANOMAG e Carmen Álvarez-Lorenzo e Ángel Concheiro do grupo ID-FARMA; o Centro de Investigación do Cancro de Salamanca (centro mixto do CSIC e da Universidade de Salamanca), partícipe do Centro de Investigación Biomédica en Rede de Cancro (CIBERONC), liderado por Xosé Bustelo; o Cima Universidade de Navarra, liderado por Sandra Hervás Stubbs; e GALARIA S.A., empresa pública de servizos sanitarios, con Mariona Baliu-Piqué e Alicia Piñeiro Redondo, liderando o seu equipo.
No proxecto usaranse modelos de rato de cancro de mama pero os métodos "servirán, con lixeiras modificacións, para outros tipos de tumores sólidos”, explican
Sandra Hervás explica que no proxecto “usaremos modelos de rato de cancro de mama, os cales serán tratados con células CAR-T modificadas xeneticamente para que recoñezan moléculas que se expresan neste tipo de tumores". "En todo caso, o importante é que os métodos optimizados neste proxecto servirán, con lixeiras modificacións, para outros tipos de tumores sólidos”, engade.
O proxecto CARTsol é tamén o primeiro da Unidade Cooperativa de Investigación en Terapias Avanzadas de Galicia, unha rede pública de investigación promovida polo Sergas e a Consellaría de Sanidade e con sede nas instalacións cedidas pola USC ao abeiro do convenio asinado o pasado ano para implantar o primeiro centro de produción de inmunoterapias avanzadas de Galicia, o coñecido como Proxecto CAR-T Galicia.