O estudo da distribución xeográfica do risco de falecer por cancro é unha das ferramentas que se usan en epidemioloxía para xerar hipóteses sobre a posible implicación de factores ambientais na orixe dos tumores. Hai uns días publicouse Atlas da Mortalidade do Cancro en Portugal e España no período 2003-2012, un traballo pioneiro que amosa a distribución espacial da mortalidade municipal por distintos tipos cancro no conxunto da Península Ibérica. Os mapas que inclúe o Atlas amosan en moitos casos zonas de risco para tumores concretos que abranguen rexións de ambos os dous países, o que suxire a presenza de factores de risco comúns entre eles.
O estudo da distribución xeográfica do risco de falecer por cancro é unha das ferramentas que se usan en epidemioloxía para xerar hipóteses sobre a posible implicación de factores ambientais na orixe dos tumores
O Atlas foi desenvolvido pola Unidade de Epidemioloxía do Cancro e Ambiental do Centro Nacional de Epidemioloxía do ISCIII e polo Departamento de Epidemioloxía do Instituto Nacional de Saúde Doutor Ricardo Jorge de Portugal. As dúas entidade decidiron hai anos traballar xuntos para observar os patróns de mortalidade por cancro compartidos entre os dous países. A obra busca servir de apoio a profesionais sanitarios, investigadores e responsables políticos involucrados na saúde pública de ambos os países, e facilitar un estudo máis profundo das causas dos patróns de risco atopados.
No traballo analízase a incidencia, xeral e por sexo, de dez tipos de cancro: esófago, estómago, colorrectal, páncreas, larinxe, pulmón, mama (só en mulleres), próstata, vexiga e leucemia. Os dez tipos de cancro provocaron ao redor de 838 mil mortes en España e Portugal entre os anos 2003 e 2012
No traballo analízase a incidencia, xeral e por sexo, de dez tipos de cancro: esófago, estómago, colorrectal, páncreas, larinxe, pulmón, mama (só en mulleres), próstata, vexiga e leucemia. Os dez tipos de cancro provocaron ao redor de 838 mil mortes en España e Portugal entre os anos 2003 e 2012.
Na análise de cada unha destas doenzas atopamos singularidade por territorios, incidencias moi elevadas ou máis baixas, que afectan tamén a Galicia. Así, por exemplo, o cancro de estómago, cunha gran mortalidade en Portugal, tamén rexistra valores moi elevados nos concellos do sur de Galicia, na fronteira co país luso, o mesmo que nas Rías Baixas e Medias galegas e o norte de Castela e León.
De igual xeito, o cancro de próstata, de elevada mortalidade en Portugal e menos defuncións provocadas pola doenza na maior parte de España, ten nalgunhas zonas de Galicia unha grande incidencia de casos graves, especialmente nas provincias da Coruña e Pontevedra e tamén na comarca do Ribeiro.
Cancros de estómago, esófago ou próstata rexistran unha elevada mortalidade no Norte de Portugal e nalgunhas zonas de Galicia
E podemos dicir o mesmo do cancro de esófago, de mortalidade por riba da media no norte de Portugal e tamén na maior parte de Galicia (especialmente a provincia de Pontevedra e o oeste da da Coruña), o mesmo que na maior parte das comunidades autónomas da Costa Cantábrica
Algo semellante sucede co cancro de larinxe, cunha incidencia moi elevada na provincia de Pontevedra e a Costa da Morte e no distrito de Viana do Castelo. A mortalidade nestas zonas só é superada pola que se produce en Cantabria, Burgos, Euskadi, A Rioxa e o leste de Asturas. E, igualmente, pola que existe no Val do Guadalquivir, na provincia de Badaxoz, o Algarve e o sur do Alentejo.
O cancro de pulmón, cunha incidencia reducida no conxunto de Galicia, rexistra no entanto unha gran mortalidade en zonas industriais de Ferrolterra, Baixo Miño ou A Mariña
O cancro de pulmón, cunha incidencia reducida no conxunto de Galicia, o mesmo que en case todo Portugal, rexistra no entanto unha gran mortalidade concentrada en determinados concellos galegos, nomeadamente os industriais, como Ferrol, ou as comarcas do Baixo Miño e A Mariña central, o mesmo que o Barbanza.
En cambio, no outro extremo, atopamos tamén cancros cunha mortalidade moi reducida en Galicia, como o de mama, que na Península si presenta valores máis elevados en Catalunya, Andalucía ou o sur de Portugal.
En conxunto, a análise dos dez tipos de cancro amosa importantes diferenzas entre a mortalidade causada por eles en España e Portugal. Porén, nalgúns casos si se observan patróns comúns a un e outro lado da fronteira
En conxunto, a análise dos dez tipos de cancro amosa importantes diferenzas entre a mortalidade causada por eles en España e Portugal, o que revelaría que os factores ligados ao sistema de saúde nun e noutro país ou aos protocolos de prevención e detección temperá xogan un papel moi relevante na gravidade acadada pola enfermidade. Porén, nalgúns casos si se observan patróns comúns a un e outro lado da fronteira, especialmente entre Galicia e o norte de Portugal e a provincias de Huelva, Sevilla e Badaxoz e o Algarve e o Alentejo, o que indicaría unha grande importancia doutros factores de tipo ambiental.