Radiografía do cancro en Galicia: colorrectal, pulmón e próstata, os máis habituais, e os homes os máis afectados

Unha enfermeira administra quimioterapia nun hospital catalán CC-BY-SA Banc d'Imatges Infermeres

No ano 2020 diagnosticáronse un total de 16.689 tumores en Galicia e 8.125 persoas morreron por esta causa

Os tumores son a principal causa de morte entre os 30 e os 80 anos en Galicia pero aínda que o seu número é cada vez maior -debido en boa medida á maior lonxevidade- a mellora dos tratamentos permite que a recuperacións dos e das doentes sexa cada vez máis habitual. En calquera caso, a elevada incidencia do cancro nas nosas sociedade fai necesaria unha análise exhaustiva dos casos rexistrados, como prevé a Estratexia de Xestión do Cancro en Galicia (2022-2028). Dentro dela figura a iniciativa do Rexistro Galego de Tumores (Regat) posto en marcha polo SERGAS.

Trátase dun rexistro de base poboacional que identifica, de forma exhaustiva e continuada, os tumores novos diagnosticados na poboación residente en Galicia dende o ano 2010. O documento indica que no ano 2020 se diagnosticaron un total de 16.689 tumores en Galicia e que 8.125 persoas morreron por esta causa. En total a incidencia superou os 619 tumores por cada cen mil habitantes.Cómpre ter en conta que a unidade de rexistro en REGAT é o tumor, non o individuo, xa que un mesmo individuo pode presentar dous o máis tumores primarios. Por tanto, a incidencia reflite o número de tumores primarios, non o número de persoas con cancro. 

A incidencia media situouse nos 765 tumores por cada 100.000 habitantes nos homes e nos 484 nas mulleres

O REGAT detalla os datos por tipo de tumor, por sexo, por idade e por área sanitaria, destacando que os homes sofren máis cancros que as mulleres e que o número de tumores aumenta coa idade, rexistrándose a maioría (o 73% no caso dos homes e o 60% no das mulleres) por riba dos 65 anos. A incidencia media situouse nos 765 tumores por cada 100.000 habitantes nos homes e nos 484 tumores por cada 100.000 habitantes nas mulleres.

Ourense é a área cunha maior incidencia dos tumores. Porén, sen o factor distorsionador da elevada idade media, serían Vigo, Pontevedra e Santiago as tres áreas cunha maior incidencia

Ourense é a área sanitaria na que se rexistra unha maior incidencia dos tumores, tanto en homes coma en mulleres, seguida de Lugo e Vigo no caso dos homes e de Ferrol e Lugo no das mulleres. Iso no que atinxe á taxa bruta, na que a elevada proporción de poboación de idade avanzada en moitos lugares de Galicia ten un efecto distorsionador. Porén, se empregamos unha taxa axustada á poboación estándar da UE, cunha media de idade máis nova que en Galicia, serían Vigo, Pontevedra e Santiago as tres áreas cunha maior incidencia.

O cancro colorrectal (14,4% do total), o de próstata (13,7%), o de pulmón (11,6%), o de mama (10,6%) e o de colon (10%) son os tumores máis frecuentes en Galicia

O cancro colorrectal (14,4% do total), o de próstata (13,7%), o de pulmón (11,6%), o de mama (10,6%) e o de colon (10%) son os tumores máis frecuentes en Galicia. No caso dos homes, a lista está evidentemente encabezada polo de próstata, seguindo do colorrectal e o de pulmón. No das mulleres, o máis habitual é o de mama, seguindo do colorrectal e o de colon.

Ademais dos tumores de próstata e testículo, que só se dan no sexo masculino, os cancros que se dan con maior frecuencia nos homes en relación á súa incidencia nas mulleres son o de larinxe, esófago, vexiga urinaria, fígado, ril e pulmón (este último é tres veces máis habitual nos homes que nas mulleres). Á inversa, os únicos tumores que aparecen con máis frecuencia nas mulleres (ademais do de ovario, cérvix uterino, corpo uterino e mama) son os de tiroides e o melanoma de pel.

A porcentaxe de supervivencia a 5 anos vai dende o 94% do cancro de testículo, de tiroides ou o melanoma ata o 10% do cancro de páncreas, o 20% dos tumores encefálicos ou o 22% do cancro de pulmón

O REGAT incide tamén na mortalidade provocada polo cancro en Galicia no ano 2020, cun total de 8.125 falecementos, encabezados polo cancro de pulmón (19% das mortes), colorrectal (14,1%). colon (10,3%) e páncreas (6,9%).

Neste caso, a porcentaxe de supervivencia a 5 anos vai dende o 94% do cancro de testículo, de tiroides ou o melanoma ata o 10% do cancro de páncreas, o 20% dos tumores encefálicos ou o 22% do cancro de pulmón.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.