Dende hai anos o Laboratorio de Radon de Galicia da USC vén realizando de forma sistemática medicións sobre a presenza en vivendas galegas deste gas, un canceríxeno asociado causalmente co cancro de pulmón. En total, o Laboratorio realizou xa 6.080 medicións, nas que atopou nun 18% dos casos unha concentración superior ao máximo recomendado pola Organización Mundial da Saúde. A OMS establece este límite nos 300 bequerelios por metro cúbico (Bq/m3).
O 70% do territorio galego está afectado por concentracións elevadas deste gas. Ourense é a provincia máis afectada cun 23,2% de fogares que superan o límite establecido, seguida de Pontevedra, co 21%
Ourense, con 798 medicións, é a provincia cunha porcentaxe máis alta de inmobles que superan o límite establecido pola OMS, cun 23,2% de vivendas afectadas. Séguenlle Pontevedra con 2.000 medicións e o 21% de vivendas afectadas, A Coruña con 2.630 medicións e 16,1% por riba do límite e, por último, Lugo con 652 medicións e un 10,7% por riba do máximo recomendado.
O profesor Juan Miguel Barros Dios, que dirixe o Laboratorio, pertencente ao Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS), presentou este xoves os últimos datos recollidos, destacando que o 70% do territorio galego está afectado por concentracións elevadas deste gas. Acompañárono no acto o profesor Barros e Inés Mato Naveira, subdirectora xeral de Programas de Control de Riscos Ambientais para a Saúde.
Nos últimos anos investigacións realizadas con pacientes de hospitais galegos acreditaron a relación causal entre a exposición ao gas radon e unha maior incidencia do cancro de pulmón. Así mesmo, un equipo da USC atopou relación entre a exposición ao radon en Galicia e os tumores cerebrais
O radon é un elemento radiactivo natural que procede da codia terrestre, produto da descomposición do uranio. É un gas, que nese proceso de descomposición, emerxe cara á superficie. "O que sucede é que cando atopa unha construción, tende a acumularse no seu interior, porque non pode saír cara a fóra, por un efecto de campá ou burbulla. Esa é a razón de que nas vivendas ou nos lugares de traballo adoita haber máis radon que ao aire libre", explicaba Alberto Ruano Raviña.
A presenza de radon varía dunhas zonas a noutras en función da composición do terreo. Galicia é unha das zonas do Estado con maior concentración de radon, xunto co oeste de Asturias e Castela-León, norte de Estremadura e algunhas zonas de Andalucía.
Nos últimos anos investigacións realizadas con pacientes de hospitais galegos acreditaron a relación causal entre a exposición ao gas radon e unha maior incidencia do cancro de pulmón. A exposición ao gas radon é, despois do consumo de tabaco, o segundo factor de risco do cancro de pulmón e o primeiro en persoas que nunca fumaron. Así mesmo, un equipo da USC atopou relación entre a exposición ao radon en Galicia e os tumores cerebrais.
A dimensión deste estudo, con máis de seis mil medicións en Galicia, é importante, se temos en conta que o mapa de radon portugués conta con 3.500 medicións. Todos os concellos galegos posúen, polo menos, unha medición e 63 concellos teñen máis de 20 medicións
Todos os concellos galegos posúen, polo menos, unha medición e 63 concellos teñen máis de 20 medicións. A cifra, superior ás seis mil análises, medrou en 1.780 novas vivendas analizadas dende o ano 2019. A dimensión deste estudo é importante, se temos en conta que o mapa de radon portugués conta con 3.500 medicións e que para o conxunto do Estado español o Mapa Nacional de Radon do Consello de Seguridade Nuclear abrangue 12.000 vivendas. Outros países, coma o Reino Unido, si contan con medicións máis exhaustivas, por riba das 600.000 vivendas en todo o territorio.
O mapa de vivendas compleméntanse cos datos de exposición a radon no eido laboral, con máis de 3.100 postos de traballo medidos. Ruano destacou que o mapa é “un instrumento vivo” que sempre é susceptible de mellora e fixo un chamamento para que todas as persoas que desexen participar e que vivan nunha zona na que se precisen medicións, se poñan en contacto co equipo investigador no enderezo electrónico laboratorioradon.galicia@usc.es