A investigación liderada pola biotecnóloga viguesa Alba Rodríguez Meira demostra o efecto da inflamación nunhas células presentes no sangue no desenvolvemento de tumores agresivos. Unha liña de traballo que abre a porta a tratar a un paciente antes de que chegue a desenvolver un tumor
Actuar antes, adiantarse aos tumores. Este é o obxectivo no que traballan numerosos científicos especializados en cancro porque a investigación de novos tratamentos pasa tamén por buscar novos usos aos medicamentos que xa existen, de aí que a relación entre cancro e inflamación sexa unha liña de traballo fundamental para o futuro, pois pretende tratar a un paciente antes de que chegue a desenvolver un tumor.
Segundo as estimacións da Organización Mundial da Saúde (OMS) os casos de cancro medrarán un 47% nos vindeiros vinte anos, sobre todo nos países máis pobres. Pasarán dos 19 millóns detectados no ano 2020 en todo o mundo aos 30 millóns en 2040. Da mesma maneira, o número de falecementos a causa de tumores malignos aumentará dos 10 aos 16,3 millóns neste período.
A prevención é a única maneira de enfrontarse a isto, como asegurou a directora da Axencia internacional para a investigación do cancro (IARC, polas súas siglas en inglés) da OMS, Elisabete Weiderpass, que participou estes días nun acto polo Día mundial da investigación en cancro na sede do Centro nacional de investigacións oncolóxicas (CNIO) en Madrid.
A investigadora Alba Rodríguez Meira (Vigo, 1992) vén de publicar na revista especializada Nature Genetis os resultados dun estudo que demostra o efecto da inflamación nunhas células presentes no sangue no desenvolvemento de tumores agresivos. Trátase dunha investigación de ciencia básica que abre o camiño para seguir analizando mostras e, agarda, demostrar os resultados en ensaios clínicos con doentes nos próximos anos.
Analizando mostras de doentes con leucemia buscaban entender que sucede para que esas persoas pasen dun estado aparentemente indolente, no que xa teñen mutacións nas células do seu sangue pero non desenvolveron ningún tipo de síntoma e non teñen cancro, a outra fase na que esas células se expandan e dean lugar a un tipo de leucemia extremadamente agresiva que ten uns tres ou catro meses de esperanza de vida. “Pensabamos que tiña que existir un estímulo externo, pois as mutacións nas células do seu sangue xa estaban aí e precisaban de algo para comezar a expandirse”, sinala.
A Organización Mundial da Saúde alerta de que os casos de cancro medrarán un 47% nos vindeiros vinte anos, co foco na prevención
Alba Rodríguez estudou Biotecnoloxía en Salamanca e ao rematar a carreira marchou a Londres para unha breve estancia de verán nun centro de investigación do cancro, pero finalmente quedou alí un ano e realizou un mestrado. Despois mudouse a Oxford, onde fixo o doutoramento que xa a levou a publicar na revista Molecular Cell. Este proxecto, que agora alcanza un dos seus primeiros fitos coa publicación das primeiras evidencias, comezou na última etapa do seu doutoramento na Universidade de Oxford e mudouse con ela a Boston, en concreto, ao Dana-Farber Cancer Institute.
“Na carreira científica, unha vez rematas o doutoramento a idea é que poidas aprender técnicas e modelos novos, que vaias a un laboratorio especializado noutra cousa e parecíame moi interesante vir a Boston porque teñen un laboratorio que estuda a epixenética. Ademais, aquí os recursos son unha absoluta marabilla e sentín que era o paso axeitado para adquirir os coñecementos suficientes co obxectivo de ter o meu propio grupo de investigación independente”, conta a investigadora.
"Estamos vendo que, en vez de centrarnos tanto en dar quimioterapia a doentes que xa están nestes estadios finais da leucemia, temos que previr antes que curar"
A inflamación das células está presente nas infeccións e incluso é natural que se produza nas células da medula ósea das persoas maiores. “Ao analizar mostras de doentes nos diferentes estadios do desenvolvemento da leucemia decatámonos de que o que cambiaba realmente nestas células era que aumentaban os procesos inflamatorios”, detalla Alba Rodríguez. Entón, comprobaron que é o feito de que esas células reaccionan de forma distinta á inflamación o que as fai expandirse, non un axente externo, e logo dar lugar á leucemia.
Que implicacións ten isto? “Hai moitísimos medicamentos antiinflamatorios aprobados no mercado pero ningún se emprega contra o cancro agora mesmo. Estamos vendo que, en vez de centrarnos tanto en dar quimioterapia a doentes que xa están nestes estadios finais da leucemia, temos que previr antes que curar. Este concepto da inflamación está axudando a que se desenvolvan tipos máis agresivos de cancro, pero nos permite actuar antes de que se chegue a expandir a enfermidade”, asegura a viguesa.
“Poderemos previr estes cancros tan agresivos secuenciando o sangue dos pacientes en busca destas células que reaccionan así á inflamación e pensar en darlle medicamentos que xa están aprobados para evitar anos máis tarde un tipo súper agresivo de leucemia?”, pregúntase. O traballo liderado pola investigadora viguesa cun equipo de especialistas entre Boston e Oxford céntrase na leucemia máis agresiva, porén, esta liña de investigación afecta a todos os tipos de cancro.
“Cremos que está especialmente relacionado con mutacións ou fallos xenéticos no xene TP53, que é o xene que está máis mutado nos diferentes tipos de cancro que coñecemos. Calquera tipo de cancro ten mutacións deste xene, de feito, un equipo de Nova York acaba de publicar como a inflamación tamén afecta ao desenvolvemento dos tumores de páncreas, e outro grupo de Boston vén de sinalar que a inflamación dá lugar á progresión do cancro de fígado”, debulla.
"Non se pode afirmar agora que se poida previr o cancro con ibuprofeno, que quede claro"
O obxectivo a longo prazo sería interceptar esas células mutantes antes de que se expandan polo sangue provocando que as persoas desenvolvan cancros agresivos. Isto podería facerse cunha biopsia líquida a través dun simple análise de sangue, un procedemento non invasivo que serviría para detectar se esas células están en estadios iniciais do cancro ou non.
Con todo, para que isto suceda falta moito tempo, calcúlase que investigacións de ciencia fundamental como esta tardan uns dez anos en chegar á clínica porque hai moito que comprobar no camiño. “Non se pode afirmar agora que se poida previr o cancro con ibuprofeno, que quede claro. Os procesos inflamatorios que son específicos da expansión do cancro van ser moi diferentes dos implicados nunha infección bacteriana ou vírica. Isto é un proceso moi complexo que require de ensaios clínicos, pero temos demostrado que é algo importante para o desenvolvemento do cancro”, aclara a científica desde Boston.
"Agora temos que saber que moléculas inflamatorias en concreto están dando lugar ao desenvolvemento do cancro"
Unha vez publicada a investigación toca tratar de comprender o espectro no que ocorre este proceso. “Dous grupos confirmaron que está presente en tumores de páncreas e fígado, agora faltaríannos cancros moi importantes como os de mama e próstata. Temos que saber en que supostos biolóxicos este proceso ten influencia e que moléculas inflamatorias en concreto están dando lugar ao desenvolvemento do cancro. Unha vez teñamos iso poderemos comezar cos ensaios clínicos nos que probar en pacientes se é posible previr este desenvolvemento do cancro”, avanza Alba Rodríguez.
A viguesa conta cun financiamento para catro anos que vén do Reino Unido e traballa en paralelo con grupos de investigación de todo o mundo, nestes momentos non ve factible regresar a Galicia. “Se tivese unha boa oferta volvería, pero non o sacrificaría todo. Resultaríame moi difícil volver a España se me ofrecen contratos dun ano porque iso non te permite pensar na túa investigación a longo prazo. Provoca que dediques o teu tempo a buscar financiamento, en lugar de avanzar no teu traballo, para non quedar na rúa. Pero non é só iso, cando tes un grupo ao teu cargo tes que poder darlles unha estabilidade. Sorpréndenme sempre para ben os estudos dos grupos españois porque cos poucos recursos que teñen e as moitas dificultades que lles poñen, publican moi boa ciencia”, asevera.