A investigación viría sumarse á hipótese, lanzada hai meses na mesma publicación por un grupo de científicos chineses, que apunta a unha relación entre o SARS-CoV-2 e o cancro de endometrio severo
Os profesores da USC Antonio Salas e Federico Martinón, xunto con Alberto Gómez Carballa do Instituto de Investigación Sanitaria (IDIS) veñen de publicar na revista Journal of Infection, da Asociación Británica de Infeccións, un traballo no que detallan as "evidencias moleculares" dunha posible relación xenética entre a COVID-19 e o cancro.
A investigación viría sumarse á hipótese, lanzada hai meses na mesma publicación por un grupo de científicos chineses, que apunta a unha relación entre o SARS-CoV-2 e o cancro de endometrio severo. Os investigadores composteláns aclaran que “isto non demostra unha relación causal" pero sinalan a que, de confirmarse en novos estudos "máis grandes en mostra e extensos en seguimento", o impacto na saúde pública mundial sería "enorme”.
Os antíxenos do SARS-CoV-2 "secuestran" a proteína oncosupresora p53 conducindo á súa dexeneración por dano oxidativo, destaca o estudo
Para chegar a estas conclusións realizáronse tres estudos con pacientes sans e infectados de SARS-CoV-2 estratificados segundo a súa gravidade, dende enfermos críticos, a graves, leves e persoas sas; e en diferentes momentos tras a infección, ás doce, dezaseis e 24 semanas tras o test negativo ou a alta médica.
O proceso concreto consistiría en que os antíxenos do SARS-CoV-2 "secuestran" a proteína oncosupresora p53 conducindo á súa dexeneración por dano oxidativo. O SARS-CoV-2 aproveitaría as vías controladas por p53 durante a fase de infección, obviando as respostas inmunitarias. Isto podería implicar que a inhibición a longo prazo de p53 por parte do SARS-CoV-2 podería ser un factor de risco de carcinoxénese.
“Do estudo infírese que o SARS-CoV-2 podería chegar a ser un factor de risco como o son outros moitos factores en diversos tipos de cancro; dende mutacións xenéticas que aumentan o risco para desenvolver un cancro, ata factores ambientais”, din
Durante o estudo obtivéronse evidencias de que pacientes en fase aguda de SARS-CoV-2 e aqueles con infección de longa duración (coñecido como COVID-19 persistente) mostran baixa presenza de p53. O estudo foi financiado pola Axencia Galega de Innovación, a Axencia de Coñecemento en Saúde, así como o Instituto de Saúde Carlos III e os fondos europeos do programa H2020.
“A nosa evidencia orixínase no ámbito da expresión xénica, o que nós denominamos a transcriptómica. O feito de que atopásemos unha evidencia converxente en tres estudos independentes, senta unha base o suficientemente sólida como para iniciar estudos no ámbito clínico e epidemiolóxico que permitan lanzar luz sobre este posible vínculo”, explican os investigadores.
“Polo contexto pandémico e polas consecuencias que podería ter nos sistemas de saúde a medio e longo prazo, sería importante levar a cabo estudos que delimiten o alcance concreto dos nosos resultados”, sinalan
Antonio Salas e Federico Martinón destacan que “polo contexto pandémico polo que pasamos e seguimos estando, e polas consecuencias que podería ter nos sistemas de saúde a medio e longo prazo, sería importante levar a cabo estudos que delimiten o alcance concreto dos nosos resultados”.
E engaden que “do estudo infírese que o SARS-CoV-2 podería chegar a ser un factor de risco como o son outros moitos factores en diversos tipos de cancro; dende mutacións xenéticas que aumentan o risco para desenvolver un cancro, ata factores ambientais”. Nas súas conclusións, o equipo coincide na necesidade de facer máis estudos e no "desexo de estar equivocados".