O cancro fai (máis) pobres: “Máis de 1.500 persoas en Galicia atópanse en situación laboral de risco”

A muralla de Lugo iluminouse de verde esperanza polo Día Mundial contra o Cancro CC-BY-SA Xunta de Galicia

No día mundial a Asociación Española contra o Cancro presenta un informe sobre a inequidade que supón e cifra en máis de 10.000 euros o custo para catro de cada dez familias

A Asociación Española contra o Cancro vén de presentar, no marco da celebración este venres do Día Mundial contra o Cancro, o que cualifica como “o primeiro informe sobre a inequidade no cancro en España”, un documento que cifra en “máis de 1.500 persoas” as que en Galicia “ven a súa situación laboral en risco a causa do cancro” por non teren emprego, traballar por conta propia ou teren rendas inferiores ao salario mínimo. O informe chega nunha xornada na que diversas institucións iluminaron os seus edificios de verde como sinal de esperanza e concienciación fronte a enfermidade.

O informe salienta que “entre os gastos directos e indirectos, o cancro provoca un custo económico ao 41% das familias superior a 10.000 euros” e en todo o Estado “case 30.000 persoas diagnosticadas poderían non asumir estes gastos pola súa situación de vulnerabilidade. Ademais, o documento conclúe que o lugar de residencia, “o código postal”, afecta máis que o código xenético, “polo que hai unha parte da poboación que non ten as mesmas oportunidades de previr e detectar precozmente o cancro dependendo de onde viva”.

O informe permite concluír que as persoas en peor situación económica teñen máis difícil previr e detectar o cancro, e cando este aparece os custos que leva asociados supoñen unha carga engadida. 

Por outra banda, a asociación tamén pon cifras á soidade do cancro. Segundo o seu estudo, en Galicia máis de 3.000 persoas diagnosticadas de cancro cada ano viven soas. E a elas hai que sumar outros preto de 4.800 diagnósticos en parellas maiores de 65 anos.

O Concello de Nigrán iluminado de verde esperanza contra o cancro © Concello de Nigrán

En Galicia máis de 3.000 persoas diagnosticadas cada ano viven soas e 4.800 diagnósticos son en parellas maiores de 65 anos

No caso de Galicia, a asociación sinala que o pasado ano diagnosticáronse “preto de 20.000 novos casos de cancro, dos cales o 42% son mulleres e o 58% homes”, o que supón que a comunidade sexa “unha das de maior incidencia en España, sendo o cancro colorrectal o máis diagnosticado”. Esa doenza pódese detectar de xeito precoz cunha proba de sangue oculta en feces, que o Sergas realiza a través dun programa de cribado para toda a poboación entre 50 e 69 anos. Porén, salienta o informe, “a taxa de participación cidadá é de tan só o 46% nos últimos dous anos”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.