Un dicionario da Xeración Z que recolle as súas palabras novas, a influencia do inglés e o impacto das redes sociais

De esq. a der., Charlotte del Carmen Cramer Correa, Enma Villaverde Castelo e Iker Fojo Lago, os responsables do Dicionario Xeración Z © IES Plurilingüe Aquis Celenis

Unha lingua viva está en constante cambio e o galego da Xeración Z –as persoas nadas entre 1997 e 2012– está fervendo: incorpora novos termos constantemente, resignifica palabras e expresións, adopta verbas do inglés e vese influenciado polas redes sociais e as ferramentas tecnolóxicas. Chill, PEC, evento canónico, beef ou hype son algúns dos termos que recompila o Dicionario Xeración Z, creado polas alumnas Charlotte del Carmen Cramer Correa e Enma Villaverde Castelo e polo alumno Iker Fojo Lago do IES Plurilingüe Aquis Celenis de Caldas de Reis, titorizados pola profesora Iria Mariño Pérez.

O seu obxectivo é estudar e recompilar termos característicos da Xeración Z. "Plataformas como TikTok, Instagram ou X (antes Twitter) están a xerar un intercambio lingüístico acelerado, favorecendo a creación de novos termos e a influencia doutros idiomas, como o inglés. O noso traballo busca documentar estas palabras para comprender mellor como evoluciona a linguaxe xuvenil e comprobar se o galego se adapta ás novas tendencias comunicativas", describen os autores.

Captura do Dicionario Xeración Z feito por alumnado do IES Plurilingüe Aquis Celenis de Caldas CC-BY-SA Praza.gal

"O noso obxectivo foi documentar a evolución da lingua e dar visibilidade a un vocabulario que moitas veces se considera informal, pero que reflicte a identidade e creatividade da mocidade", sinalan

Pretenden que o resto da sociedade tamén poida comprender mellor a maneira de expresarse das persoas Z, por este motivo apostaron pola creacionista dun dicionario web que sexa de acceso libre e poida incorporar as palabras propias da que é a súa xeración.

A partir dunha enquisa realizada a 178 persoas de toda Galicia, o equipo recompilou 50 termos de uso frecuente entre a mocidade, moitos deles anglicismos como outfit, glow up ou cringe, así como expresións adaptadas como fife. Cada entrada do glosario inclúe definicións, exemplos de uso, fontes e equivalencias noutras linguas como o inglés, o francés ou o alemán.

"O noso obxectivo foi documentar a evolución da lingua e dar visibilidade a un vocabulario que moitas veces se considera informal, pero que reflicte a identidade e creatividade da mocidade", sinalan os autores.

Este proxecto desenvolveuse no marco do Bacharelato de excelencia STEMbach, que promove a investigación e a interdisciplinariedade entre o alumnado galego. A colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, especialmente co profesorado da área de Filoloxía Inglesa e Alemá, foi fundamental para a formación técnica e científica destes estudantes, que defenderon o seu traballo na Facultade de Filoloxía o pasado 9 de abril e obtiveron unha cualificación de 9,73.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.