"A música é tamén bioloxía, non só arte": o proxecto Sensoxenoma certifica a súa influencia na saúde

Recollida de mostras do proxecto Sensoxenoma do IDIS e a USC © Sensogenomics

Sensoxenoma revela como a música pode modificar a expresión xénica, a actividade proteica e a microbiota oral en persoas con TEA, Alzheimer e dano cerebral

O poder da música para transformar a bioloxía humana. Isto estuda o proxecto Sensoxenoma que se desenvolve por un equipo multidisciplinar de profesionais do Instituto de investigación sanitaria de Santiago (IDIS) e da Universidade de Santiago de Compostela (USC) liderados por Antonio Salas Ellacuriaga e Federico Martinón Torres, responsables dos grupos de investigación do IDIS GenPoB e GenVip. Esta investigación revela como a música pode modificar a expresión xénica, a actividade proteica e a microbiota oral en persoas con trastorno do espectro autista (TEA), Alzheimer e dano cerebral.

"Entendemos agora que a música non é só un estímulo cultural ou emocional, senón un modulador biolóxico capaz de influír no comportamento dos xenes, proteínas e microorganismos que afectan directamente a saúde e o benestar", afirma o xenetista Antonio Salas.

Este 2025 o proxecto subiu un chanzo coa publicación de seis estudos que consolidan a evidencia de que a música modula non só a expresión xénica, senón tamén o proteoma e a microbiota, en pacientes con algunha doenza neurodexenerativa e en persoas sas. "Rompemos barreiras técnicas e conceptuais –sinala Antonio Salas–. Hoxe podemos analizar miles de moléculas e/ou microorganismos da microbiota bucal a partir dunha simple pinga de sangue, saliva ou bágoas. E non só identificamos: empezamos a detectar cambios con relevancia clínica en saúde e enfermidade".

A investigación dos efectos da música en pacientes con TEA, Alzeheimer e dano cerebral vai na liña das evidencias emerxentes sobre a relación estreita entre o que sucede no intestino e o que pasa no cerebro

Sensoxenoma demostra que en pacientes con TEA, "a música modula xenes vinculados ao desenvolvemento neurolóxico, a regulación inmune, a función mitocondrial e a microbiota bucal (en particular, bacterias produtoras de ácido propiónico)", cambios estreitamente asociados a este trastorno. 

No caso dos doentes con Alzheimer, "os cambios na microbiota oral suxiren que a música podería influír en mecanismos relacionados coa neuroinflamación e a progresión da enfermidade, ademais de compensar a expresión xénica alterada mediante a modulación de roteiros de autofaxia, organización sináptica, entre outras". As investigadoras destacan que estes resultados alíñanse coa hipótese emerxente no eido das neurociencias que vincula infeccións e desequilibrios microbianos coa orixe de certas demencias. É dicir, que apunta a unha relación estreita entre o que sucede no intestino e o que pasa no cerebro

Presentación de Sensoxenoma 2025 con representantes dos grupos de investigación GenPoB e GenViP © IDIS

"É fascinante observar como un estímulo tan humano como a música pode xerar cambios medibles no corpo", asegura a musicóloga Laura Navarro

En pacientes con dano cerebral, Sensoxenoma estima que "a música parece afectar xenes vinculados á neuroplasticidade e a reparación neuronal", apoiando a súa integración en programas de rehabilitación. "É fascinante observar como un estímulo tan humano como a música pode xerar cambios medibles no corpo", asegura Laura Navarro, musicóloga e coordinadora do proxecto. 

"Isto demóstranos que a música pode actuar como un modulador biolóxico, non só emocional ou cognitivo. E o mellor é que estes efectos percíbense de maneira máis intensa nos pacientes, o que abre enormes posibilidades terapéuticas", engade. Pois todos estes datos foron obtidos en concertos da Real Filharmonía de Galicia no Auditorio de Galicia aos que asistiron persoas coas patoloxías a analizar e outras sen enfermidades coñecidas. 

O 3 de outubro haberá un novo concerto da Real Filharmonía de Galicia e a Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela no Auditorio de Galicia para estudar o efecto dos distintos estímulos musicais na bioloxía humana

"Estamos ao comezo dunha nova era: a música é tamén bioloxía, non só arte", asevera Federico Martinón, xefe de servizo de pediatría no CHUS. "A integración da sensoxenómica coa neurociencia, a clínica e a bioloxía molecular permítenos albiscar terapias musicais baseadas en evidencia sólida, con potencial para transformar a atención de pacientes con diversas condicións neurolóxicas e cognitivas", agrega. 

Sensoxenoma mantén unha colaboración estable con 15 asociacións de pacientes, o que favoreceu a posta en marcha este ano do proxecto europeo EUTERPE_adn, que permitiu desenvolver obradoiros musicais interactivos e sostidos no tempo con doentes de distintas patoloxías, así como a recollida e análise de mostras biolóxicas para avaliar o efecto destas intervencións.

Mais o principal evento desta investigación, o concerto no Auditorio de Galicia, continúa e terá unha nova edición o vindeiro 3 de outubro grazas á colaboración da Real Filharmonía de Galicia e a Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela. Laura Navarro indica que "o repertorio será secreto, como nos anos precedentes; e cada parte do concerto estará asociada de novo a dúas emocións diferentes, o que nos permitirá estudar o efecto de distintos estímulos musicais na nosa bioloxía".

Mostras preservadas en frío do proxecto Sensoxenoma CC-BY-SA Sensoxenoma

Recolleranse mostras de sangue (punción capilar nun dedo), saliva (frotis bucal) e bágoas de voluntarios maiores de 18 anos, xunto con datos fisiolóxicos obtidos mediante sensores inalámbricos que rexistrarán a actividade electrodérmica, o ritmo cardíaco e a presión arterial, en colaboración coa Escola de Psicoloxía da Universidade do Minho. Participarán persoas das asociacións de pacientes como Dano cerebral Santiago de Compostela, AMES Miastenia, ASPANAES e a Asociación Española de Paraparesia Espástica Familiar. Ademais, por primeira vez usaranse mochilas vibratorias con usuarios da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, facendo a experiencia máis inclusiva. 

O público xeral que queira asistir ao concerto do 3 de outubro pode adquirir entradas a cinco euros na Zona C e no sitio web de Compostela Cultura.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.