The Mind Guardian é un videoxogo desenvolvido en Vigo que funciona como un instrumento de cribado e, coa axuda da intelixencia artificial, detecta de maneira precoz os signos do deterioro cognitivo antes da aparición de síntomas evidentes de enfermidades como o alzhéimer
Que produce o deterioro cognitivo e como saber que o temos antes de que dea síntomas médicos graves? Ciencia e Medicina desenvolveron probas fiables para dar coas pistas do deterioro cognitivo, pero non chegan a toda a poboación e resultan pesadas. Un equipo de investigadores do Centro de Investigación de Tecnoloxías da Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, liderado polos catedráticos Luis Anido e Manuel Fernández Iglesias, logrou integrar estas probas nun videoxogo apto para o público xeral que contou co respaldo de Samsung para converterse en realidade: The Mind Guardian.
The Mind Guardian é un videoxogo con tres misións que inclúen diferentes probas relacionadas cos test que se poderían realizar en calquera consulta psicolóxica dun modo máis rudimentario. Funciona como un instrumento de cribado que, coa axuda da intelixencia artificial, detecta de maneira precoz os signos do deterioro cognitivo antes da aparición de síntomas evidentes de enfermidades como o alzhéimer. Recoméndase para persoas a partir dos 55 anos, pero é accesible para calquera que queira probalo. Se o xogo atopa eses síntomas de mala saúde cerebral, recoméndase agardar seis meses e realizar de novo a proba antes de acudir ao médico cos resultados.

“Son tres xogos que se corresponden con tres test neuropsicolóxicos clínicos. Se che fan un diagnóstico clínico de deterioración cognitiva, vanchos a pasar. O que pasa é que o fai un psicólogo e en papel, feos –por dicilo dalgunha forma– e son longos. Aquí o que se fixo foi pasar todo iso ao que se chama a gamificación, facelos máis visuais e máis divertidos. É un tema candente en Neuropsicoloxía porque os test brutos son aburridos e custa pasalos, a xente cansa axiña, pero se os gamificas de súpeto deixan de cansar e consegues que poidan ser incluso divertidos”, explica Carlos Spuch, investigador R4 do Grupo de Neurociencia Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, con sede no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, que colaborou co proxecto.
"Son tres xogos que se corresponden con tres test neuropsicolóxicos clínicos" e enfócanse na memoria episódica, semántica e procedemental
Carlos Spuch explica que na primeira misión, un paseo para o recordo, trátase de localizar lugares e puntos de referencia para despois comprobar se a persoa quedou realmente con eses datos na cabeza. “Avalía sobre todo as zonas do cerebro do hipocampo e da cortiza prefrontal e esa relación entre esas dúas rexións. Unha persoa con alzhéimer é incapaz de facelo porque ten esas zonas do cerebro danadas”, detalla o neurocientífico.
Na segunda pantalla do xogo, o círculo do tempo, trátase de avaliar a memoria motora, é dicir, como reaccionas ante unha actividade fina. Aparece unha roda como as que hai nos parques biosaudables e o obxectivo é que a xires mantendo o dedo en todo momento no manubrio. “É un exercicio de coordinación motora bastante fino e o que che avalía é o cerebelo coas súas conexións coas áreas motoras”, describe Carlos Spuch, que engade que unhas persoas que son incapaces de levar a cabo este exercicio son as que teñen adiccións.
Xa na derradeira misión do videoxogo, o álbum das túas memorias, o que avalía é a memoria semántica. “Aparécenche figuras e palabras e tes que asocialas. É o típico xogo que che aparece nos anuncios das redes sociais. Parece moi fácil pero se estás mal cognitivamente es incapaz de facelo. Unha persoa con alzhéimer é incapaz de facelo, por exemplo”, sinala Spuch, quen apunta que nesta parte avalíase toda a cortiza cerebral, da que dependen moitas decisións e as partes do léxico e a linguaxe.

Os resultados do videoxogo The Mind Guardian teñen un 97% de fiabilidade
As probas que realizaron durante o desenvolvemento do videoxogo indican que no 97% dos casos acértase cara ao diagnóstico de deterioración cognitiva, polo que a fiabilidade da ferramenta quedou demostrada. O habitual é que fagan falta entre 45 minutos e unha hora para completar o xogo, estando cómodo e seguro nas probas. De atopar dificultades, a duración amplíase. “Pero iso non é malo, tamén é necesario que tardes tempo porque estás a avaliar o cerebro”, di Spuch.
O proxecto de investigación que está detrás de The Mind Guardian remóntase a 2014, cando se crea un equipo multidisciplinar dos ámbitos tecnolóxico e sociosanitario nas universidades de Vigo e Santiago de Compostela co obxectivo de combinar técnicas de gamificación e intelixencia artificial, con criterios de validez psicométrica, como instrumento de cribado de deterioración cognitiva. Desenvolvéronse varios videoxogos que se probaron entre 2016 e 2023 en diferentes centros de día, asociacións de persoas maiores e entidades vinculadas co tratamento das demencias, como a Asociación galega de familiares con alzhéimer, Afaga.
O neurocientífico Carlos Spuch explica que "o deterioro cognitivo pode estar relacionado co estrés crónico, co acoso psicolóxico ou co bullying"
O equipo do atlanTTic da UVigo chegou á conclusión, como consecuencia do proceso de adestramento dos algoritmos de aprendizaxe automática e as avaliacións realizadas a persoas maiores ao longo do proxecto, de que era suficiente enfocarse na memoria episódica, semántica e procedemental para concluír uns resultados estatisticamente significativos á hora de identificar a unha persoa como sa, con deterioración cognitiva leve ou con demencia durante o cribado.
O neurocientífico Carlos Spuch explica que se unha persoa comeza a ter perdas cognitivas que, se cadra, nunha década van desembocar nun síntoma clínico, o videoxogo vaino detectar e vai proporcionar recomendacións e consellos para mellorar. “Cada persoa sabe o que lle pode estar pasando, o deterioro cognitivo pode estar relacionado co estrés crónico, co acoso psicolóxico ou co bullying. Neste momento no que as esixencias laborais son brutais, os salarios non acompañan e a vivenda xa é un problema global é importante saber que estes tamén son factores a ter en conta. As dificultades da rapazada para ter esperanza sobre o seu futuro neste contexto mundial tamén poden afectar. O que che vai aportar este videoxogo é un sinal de risco, pero cada un ten que identificar o que vai mal na súa vida para tratar de cambialo e mellorar a maneira na que o enfronta”, asegura.
“Hai unha tendencia a pensar que se aparece algo no cerebro xa é irremediable. Pero pódense cambiar moitas cousas, os hábitos de vida e a dieta inflúen directamente na túa saúde cerebral. Dá igual a personalidade que teñas porque o importante é que te adaptes ás túas individualidades”, incide Spuch, que vai empregar esta aplicación nun ensaio clínico con persoas con trastornos mentais graves e con adiccións que son atendidas no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.
The Mind Guardian permite que calquera persoa realice unha autoavaliación rápida na casa. A aplicación é gratuíta e pode descargarse en tablets con sistema operativo Android.