"Estou emocionado de ter a oportunidade de liderar un proxecto cun potencial impacto global con orixe en Santiago, xa que esta cidade ten unha reputación como lugar de contemplación espiritual", di Glowacki
Aliviar o medo ou a ansiedade pola morte a aquelas persoas que reciben un diagnóstico probablemente terminal, este é o obxectivo da investigación NUMADELIC (Experiencias para mellorar os resultados de saúde mental en pacientes con enfermidades potencialmente mortais), que lidera o investigador norteamericano David Glowacki desde Santiago de Compostela. Para o científico de Milwaukee trátase de “imaxinar o momento da morte non como un fin, senón como o inicio dunha nova maneira de existir”.
David Glowacki, doutor en Mecánica Cuántica, tivo unha experiencia próxima á morte hai uns anos e lembra como o seu corpo tiña unha entidade semellante á dunha nube e que había unha enerxía, unha luz. A súa non é unha experiencia única, as persoas que teñen pasado por estes estados manifestan de diferentes maneiras ter visto esa especie de luz. Ademais, entre as persoas que viven esta clase de experiencias diminúe o medo en relación coa morte, un dato moi relevante para este proxecto de investigación.
No proxecto NUMADELIC empregan a realidade virtual para representar estas imaxes que describe Glowacki, co engadido de que nesta contorna pérdese a necesidade de permanecer pegados á realidade material das persoas, podendo engadir novas estéticas. A institución filantrópica Tiny Blue Dot Foundation, que seleccionou o proxecto entre as doce únicas iniciativas que financiará no mundo no ámbito da neurociencia, asignou un orzamento de máis de 900.000 dólares para os próximos tres anos de investigación que se levarán a cabo no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela (CiTIUS).
"Os participantes entran a un mesmo entorno e están como flotando no medio do universo, ven as estrelas e non teñen un corpo físico, son como unha nube dunha cor determinada", explica Catherine Andreu
“Estou emocionado de ter a oportunidade de liderar un proxecto que ten un potencial impacto global con orixe aquí mesmo, en Santiago de Compostela, xa que esta cidade ten unha reputación como lugar de contemplación espiritual. É moi poético que este novo proxecto, que busca usar a tecnoloxía para axudarnos a contemplar a nosa propia mortalidade dun xeito construtivo, teña a súa orixe aquí. Espero con ansia ver o que xorde deste traballo”, sinala o director de NUMADELIC.
David Glowacki explora as diferentes posibilidades da realidade virtual desde Compostela xunto co seu grupo de investigación no Laboratorio de Realidades Intanxibles (IRL). O científico, que se incorporou ao CiTIUS en 2022 a través do programa de captación de talento Oportunius da Axencia Galega de Innovación da Xunta, dirixe tamén o proxecto NanoVR, actualmente en desenvolvemento e financiado con preto de dous millóns de euros polo Consello Europeo de Investigación a través dunha das súas prestixiosas axudas Consolidator Grant.
O nome do proxecto, NUMADELIC, provén do enfoque 'numadélico', un termo acuñado polo Laboratorio de Realidades Intanxibles que combina as palabras gregas pneuma (que significa alento, espíríto ou alma), e delein, (que significa revelar ou manifestar). Así, o fluxo numadélico pode considerarse un fluxo que “manifesta o espírito”, que neste caso simboliza o uso da realidade virtual para deseñar experiencias inspiradas nos relatos de persoas que viviron situacións próximas á morte.
Con este enfoque evócase tamén un concepto do budismo tibetano coñecido como Clear Light ou 'luz pura', que permite ás persoas con enfermidades terminais experimentar aspectos fundamentais das experiencias próximas á morte, como a percepción da conciencia máis aló do corpo físico. Glowacki destaca que o obxectivo final é aliviar o medo, a ansiedade, a depresión e o illamento social que adoitan enfrontar estes doentes e os seus seres queridos.
Un "espazo seguro"
“Os participantes entran a un mesmo entorno e están como flotando no medio do universo, ven as estrelas e non teñen un corpo físico, son como unha nube dunha cor determinada. Hai unha primeira parte de preparación na que se busca crear un espazo seguro e que as persoas encarnen esa nube –ou corpo enerxético– para que realmente sintan que iso son eles e elas. Aprenden uns exercicios de respiración que a continuación empregarán nunha práctica de meditación na que unha voz lles vai guiar polas distintas fases”, explica Catherine Andreu, especialista en realidade virtual que participa no desenvolvemento do proxecto e se encargará de coordinar os ensaios clínicos que comezarán este marzo cun grupo de pacientes de Oncoloxía do hospital de Santiago e outras persoas sen un diagnóstico de enfermidade.
"Este proxecto ten o potencial de transformar as nosas actitudes cara á morte e o proceso de morrer, algo que a nosa cultura precisa desesperadamente", afirma Glowacki
A idea é que as persoas entren no que en Psicoloxía se coñece como estados de auto-transcendencia, “cando o sentido dun eu illado desaparece e aumenta a interconexión cos outros”, segundo relata Catherine Andreu, quen detalla que neste primeiro estudo queren ver se as persoas con maior ansiedade pola morte teñen unha maior ou menor resposta, independentemente de que teñan ese diagnóstico terminal ou estean sas.
Ao longo de aproximadamente unha hora as participantes permanecen coas gafas de realidade virtual, habitando ese entorno que comparten todas as que están á vez na experiencia. Non teñen que conectar previamente, aínda que se o fan non importa, pero a simulación inclúe nesa parte inicial a confraternidade do grupo, unha vez cada quen adquiriu o seu novo 'corpo'.
Antes e despois da experiencia en realidade virtual teñen que completar un cuestionario, tamén se lles realiza unha entrevista, e durante todo o proceso levan uns sensores para medir as súas constantes. “Así temos datos obxectivos e tamén subxectivos de cada participante”, apunta Andreu.
Un mínimo de 40 persoas van participar neste primeiro ensaio do proxecto. “Comprobaremos se efectivamente mellora a conexión dos outros, diminúe a ansiedade ou a sintomatoloxía de saúde mental, e se aumentan o benestar ou calidade de vida. Despois, a idea é que nunha segunda fase máis centrada no deseño poidamos optimizar a experiencia de realidade virtual en base ao aprendido con este primeiro grupo. Tras isto chegará un estudo máis grande, que inicialmente terá lugar nos Estados Unidos, pero que tamén intentaremos que se recollan mostras de novo aquí”, debulla Catherine Andreu, que viña de facer un traballo tras doutorarse en Valencia sobre a realidade virtual e as técnicas de meditación.
"Empregar a realidade virtual para isto non é outra cousa que usar a tecnoloxía para o noso beneficio", sinala Catherine Andreu
“Empregar a realidade virtual para isto non é outra cousa que usar a tecnoloxía para o noso beneficio. As prácticas de meditación poden ser moi beneficiosas, pero moitas persoas teñen dificultades para realizalas ou para imaxinar os escenarios. A realidade virtual pode axudar con isto xa que non necesitas habilidades para realizar esta meditación, simplemente entras nun entorno inmersivo”, afirma Andreu.
“Este proxecto ten o potencial de transformar as nosas actitudes cara á morte e o proceso de morrer, algo que a nosa cultura precisa desesperadamente”, opina David Glowacki. “En termos xerais, a nosa sociedade tende a ignorar a realidade da morte, enfatizando, no entanto, a supervivencia por riba de todo. Isto non é sostible a longo prazo. Eventualmente teremos que desenvolver ferramentas para falar, reflexionar e tratar coa morte que igualen o nivel de sofisticación que acadamos noutras áreas”, engade o científico.