O proxecto Nós presentou as súas tres primeiras ferramentas: o primeiro tradutor neuronal multilingüe feito en Galicia, o primeiro recoñecedor de voz que entende o galego oral e o converte a texto e unha aplicación de síntese de voz que a partir dun texto é quen de ler en galego
Hai dous anos naceu o proxecto Nós, unha alianza entre o Instituto da Lingua Galega (ILG), o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), o Centro Ramón Piñeiro e a Xunta para dotar o galego das ferramentas precisas para poder ser utilizado, como un idioma máis, o eido da intelixencia artificial. Este luns o proxecto Nós presentou as tres primeiras ferramentas que posibilitarán a interacción en galego entre as persoas usuarias e os dispositivos tecnolóxicos.
Trátase do primeiro tradutor neuronal multilingüe feito en Galicia, o primeiro recoñecedor de voz que entende o galego oral e o converte a texto e unha aplicación de síntese de voz que a partir dun texto é quen de ler en galego. Estas ferramentas estarán dispoñibles proximamente en aberto e de xeito gratuíto para calquera persoa, empresa ou proxecto que as precise ou desexe empregar.
O proxecto busca "colocar o galego nas mesmas condicións que outros idiomas con maior potencialidade a través de ferramentas que xeran aprendizaxe constante e solucións acaídas", destaca o reitor da USC, Antonio López
No acto de presentación participaron o reitor da USC, Antonio López; o director do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS), Senén Barro; a directora do Instituto da Lingua Galega (ILG), Elisa Fernández; o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez; e o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Julián Cerviño.
Na presentación, o reitor da Universidade de Santiago destacou que o proxecto Nós “conecta humanidades e tecnoloxía, neste caso, a través da lingua” e celebrou que coas tres primeiras ferramentas "“damos un primeiro paso visible" do proxecto, que cualifica como o “proxecto máis ambicioso para a nosa lingua mirando cara ao futuro”, pois busca "colocar o galego nas mesmas condicións que outros idiomas con maior potencialidade a través de ferramentas que xeran aprendizaxe constante e solucións acaídas".
Senén Barro salientou que “os datos son como as infraestruturas viarias dun país, os materias básicos de construción que deben ser preparados axeitadamente"
Pola súa parte, Senén Barro, director do CiTIUS, destacou que “o proxecto Nós nace dende a USC e a Xunta coa vontade de crear un ecosistema galego innovador en tecnoloxías lingüísticas para o mundo”. Barro salientou que “os datos son como as infraestruturas viarias dun país, os materias básicos de construción que deben ser preparados axeitadamente”, explicou.
Finalmente, o conselleiro Román Rodríguez fixo fincapé en que estes avances "permitirán non só reforzar a proxección exterior do galego, senón tamén a expansión económica da lingua galega como vehículo de comunicación nos mercados globais”.
Un exemplo das aplicacións xa se puido ver no anuncio institucional que a Xunta lanzou polas Letras Galegas 2023, onde se presentou a primeira locución da historia en lingua galega xerada por Intelixencia Artificial grazas ás capacidades desenvolvidas no marco deste proxecto
O representante do Goberno galego sinalou que un exemplo das aplicacións xa se puido ver no anuncio institucional que a Xunta lanzou polas Letras Galegas 2023, onde se presentou a primeira locución da historia en lingua galega xerada por Intelixencia Artificial grazas ás capacidades desenvolvidas no marco deste proxecto.
USC e Xunta continuarán traballando na recompilación de voces que reflictan a gran variedade fonética e dialectal que existe por toda Galicia, o que permitirá seguir mellorando os modelos de ferramentas actuais, ao tempo que se desenvolverán novos modelos multilingües en cooperación cos proxectos equivalentes a Nós para o resto de linguas do Estado.
Os recursos desenvolvidos en Nós serán de libre acceso por terceiros, o que vai permitir e facilitar o desenvolvemento de produtos e servizos finais baseados na lingua galega, por parte das empresas, institucións e organizacións, tanto públicas como privadas, que así o desexen
‘O Proxecto Nós: O galego na sociedade e na economía da Intelixencia Artificial’ está a xerar os recursos necesarios para colocar o galego na vangarda das Tecnoloxías Intelixentes, nomeadamente naquelas áreas relacionadas coas Tecnoloxías Lingüísticas e, de modo xeral, na sociedade e economía da Intelixencia Artificial.
Dentro do proxecto compílanse recursos e desenvólvense ferramentas de alta calidade para o procesamento automático do galego, tanto oral como escrito. Ademais, produciranse demostradores de carácter xeral que permitirán mostrar as posibilidades dos ditos recursos e desenvolveranse casos de uso de alto impacto socioeconómico en diferentes contextos.
Os recursos desenvolvidos en Nós serán de libre acceso por terceiros, o que vai permitir e facilitar o desenvolvemento de produtos e servizos finais baseados na lingua galega, por parte das empresas, institucións e organizacións, tanto públicas como privadas, que así o desexen.