Un encontro de investigación e investimento en Santiago reclama "soberanía tecnolóxica" para Europa ante EUA e China

Unha das sesións da terceira edición de 'Invertir en Ciencia SÍ es rentable', en Santiago ©

Santiago acolleu este mércores e xoves a terceira edición do encontro Invertir en ciencia sí es rentable

Santiago acolleu este mércores e xoves a terceira edición do encontro Invertir en ciencia sí es rentable, un evento no que participaron 400 investigadores e investidores e 80 relatores, representantes de sete universidades e líderes dos ecosistemas de ciencia e tecnoloxía. O encontro buscou poñer en valor dous dos polos de investigación e innovación de Galicia, con visitas para investidores á Cidade das TIC da Coruña e ao Ecosistema Biotech e Saúde de Galicia do Campus Vida de Santiago. Ademais, o encontro reuniu a todos os participantes no Biopolo A Sionlla de Santiago) para debater sobre a cultura da transferencia científica á sociedade.

Unha das conclusións do encontro é que Europa necesita investir "en tecnoloxías disruptivas e en ciencia" para asegurarse unha "soberanía tecnolóxica" fronte a Estados Unidos e China.

Unha das conclusións do encontro é que Europa necesita investir "en tecnoloxías disruptivas e en ciencia" para asegurarse unha "soberanía tecnolóxica" fronte a Estados Unidos e China

Roberto Ranera, socio fundador de BeAble Capital, alertou de que Europa está "quedando atrás" no campo da investigación a nivel mundial porque hai un bloqueo na innovación debido ao "atraso entre o momento en que se produce o descubrimento de algo ata que chega ao mercado". Por iso, avogou por "impulsar o investimento público e privado" e crear un "mercado único europeo especializado en dar liquidez aos investidores en etapas temperás" para que a investigación que se realiza nas universidades poida chegar ao mercado. 

Na súa opinión, Europa "necesita volver enfocarse en tecnoloxías disruptiva, como materiais avanzados, nanotecnoloxía, nanoelectrónica, fotónica ou biotecnoloxía industrial" para asegurar unha posición de liderado que tivo durante anos.

Entrega dos premios 'Invertir en ciencia si es rentable' ©

Diego Moñux alertou de que Europa externalizou "a capacidade produtiva, a seguridade enerxética e a defensa nos Estados Unidos, co cal temos unha tripla vulnerabilidade"

De igual xeito, Diego Moñux, fundador de SILO, alertou de que Europa externalizou "a capacidade produtiva, a seguridade enerxética e a defensa nos Estados Unidos, co cal temos unha tripla vulnerabilidade", polo que hai que repensar a estratexia de desenvolvemento tecnolóxico en "termos de aliados". "É necesario espertar desta realidade, na que quizais poidamos vivir peor, pero imos ser moito máis independentes e autónomos", engadiu.

Visita á Cidade das TIC e ao Campus Vida da USC

O encontro buscou poñer en valor dous dos polos de investigación e innovación de Galicia, con visitas para investidores á Cidade das TIC da Coruña e ao Ecosistema Biotech e Saúde de Galicia do Campus Vida de Santiago

A visita á Cidade das TIC da Coruña serviu para descubrir os "novos desenvolvementos da IA para todo o ecosistema de innovación". Ademais da intervención do reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, os asistentes participaron no debate sobre "Como vai cambiar a IA as nosas vidas?", no que interviron Pablo Méndez, director de IA Services de Altia, e Amparo Alonso, catedrática de Ciencias da Computación e membro do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC). Ademais, os participantes afindaron no proxecto Galicia, pioneira no impulso da IA, iniciativa que engloba as medidas da Xunta nesta materia.

Peche da segunda edición do encontro ©

No Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) investidores e investigadores asistiron á presentación de startups especializadas en biotech e saúde

Outra sesión trasladou os investidores ao Ecosistema Biotech e Saúde de Galicia do Campus Vida da USC para coñecer os "novos desenvolvementos da biotecnoloxía para o ecosistema de innovación", coa participación do presidente da Xunta, Alfonso Rueda; o reitor da USC, Antonio López; ou Mabel Loza, directora do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas. Ademais, realizaron visitas ao Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), onde asistiron á presentación de startups especializadas en biotech e saúde, e á Fundación Pública Galega Medicina Xenómica, que desenvolve o Proxecto Xenoma Galicia. 

Esta terceira edición finalizou coa coa entrega dos Premios Invertir en ciencia si es rentable que destacan e recoñecen ás organizacións e startups que demostraron un impacto significativo no ámbito da ciencia e a tecnoloxía. As startup Tastelab e Inverbis Analytics e o Biohub de Valencia-Bioval, foron os gañadores.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.