En 2023 Galicia foi a comunidade autónoma na que máis aumentou o gasto en ciencia, un 28% fronte á media do 16% no conxunto do Estado
O gasto en I+D (investigación e desenvolvemento) incrementouse de forma moi importante en Galicia no ano 2023. Os últimos datos publicados este mércores polo INE indican que o gasto total se situou preto dos 963 millóns de euros, un 28,2% máis que o ano anterior (751 millóns), o que converteu Galicia na comunidade autónoma na que máis aumentou o investimento en ciencia, por diante de Asturias, Baleares, Aragón e Andalucía, todas con subas por riba do 20% e da media española (+15,8%).
O gasto en ciencia aumentou en Galicia en todos os sectores (empresas, administracións públicas e universidades), pero a parte máis importante do incremento corresponde ás entidades de ensino superior.
Porén, o investimento en I+D en Galicia (357 euros por habitante) segue por debaixo da media española (465 euros) e moi lonxe dos datos do País Vasco (930)
A pesar do grande aumento do investimento en Galicia durante o pasado ano, o gasto en ciencia segue por debaixo da media española, medida tanto en relación á poboación de cada territorio coma ao PIB de cada comunidade autónoma e do conxunto do Estado.
Así, os últimos datos indican que o gasto en I+D situouse en Galicia nos 357 euros per capita, aínda moi lonxe da media española (465). País Vasco (930 euros por habitante) e Madrid (879) encabezan a lista, na que tan só Cataluña e Navarra aparecen ademais por riba da media. Aragón e Castela e León tamén superan os datos galegos que, con todo, se sitúan en sétima posición entre as 17 comunidades autónomas. Galicia chega a duplicar o investimento en ciencia de Estremadura, Baleares, Castela-A Mancha ou Canarias.
No ano 2022, último ano dispoñible, o investimento en ciencia en Galicia chegaba unicamente ao 1,06% do PIB, por debaixo da media española (1,44%) e moito máis lonxe da media da UE (2,27%, segundo os datos de Eurostat)
O outro indicador que se adoita empregar con frecuencia para comparar o gasto en I+D en cada territorio é o do investimento medido en relación ao Produto Interior Bruto. Con todo, aínda non dispoñemos de datos completos do PIB de cada comunidade autónoma no ano 2023. No ano 2022, último ano dispoñible, o investimento en ciencia en Galicia chegaba unicamente ao 1,06% do PIB, por debaixo da media española (1,44%) e moito máis lonxe da media da UE (2,27%, segundo os datos de Eurostat).
No conxunto do Estado, como se pode ver neste gráfico, tan só Esukadi (2,23%) acadaba practicamente a media europea, mentres que Madrid, Catalunya e Navarra se achegaban ao 2%. Castela e León e a Comunidade Valenciana superaban tamén os datos galegos que, con todo, eran moito mellores que os de Asturias, Cantabria, A Rioxa, Estremadura, Castela-A Mancha, Baleares ou Canarias.
É esperable que o importante incremento do gasto en I+D durante o ano 2023 mellore de forma significativa os indicadores galegos en relación ao PIB, que permanecen estancados dende o ano 2008. Ese ano o investimento chegara ao 0,99%, despois dunha década de crecemento (era o 0,6% no ano 2000). A chegada de Núñez Feijóo á Xunta e a crise económica e os recortes provocados pola Gran Recesión frearon esta tendencia e o gasto en ciencia mesmo descendeu ata o 0,88% en 2016. Dende entón, retomouse o crecemento, que chegou ao seu máximo no ano 2020, co 1,1%.
As forzas da oposición veñen demandando e propoñendo nos seus programas electorais un importante aumento deste gasto en ciencia. Con todo, os Orzamentos da Xunta para 2025, presentados o mes pasado, rexistran un descenso no investimento dedicado a I+D+i
As forzas da oposición veñen demandando e propoñendo nos seus programas electorais un importante aumento deste gasto en ciencia, con propostas para deixalo no 2,5% no ano 2030, realizadas por BNG e PSdeG o pasado ano, trasladando as demandas do persoal investigador, que antes das últimas eleccións xerais acadou o compromiso das principais forzas políticas -agás VOX- para elevar o investimento ata o 3%.
Con todo, os Orzamentos da Xunta para 2025, presentados o mes pasado, rexistran un descenso no investimento dedicado a I+D+i. As causas son varias. Algunhas puntuais, como a desaparición dunha partida puntual de 8 millóns de euros que en 2024 foron a investimentos no Centro de Supercomputación de Galicia. Canda ela, tamén se rexistran diminucións como 10 millóns de euros menos para transferencias ás universidades públicas.
O gasto creceu en 2023 en todos os sectores en Galicia, pero sobre todo no das universidades
O gasto creceu en 2023 en todos os sectores en Galicia, pero sobre todo no das universidades. O investimento realizado polas entidades de ensino superior medrou un 43% e situouse moi preto do realizado por empresas privadas (+19%), que continúa a ser o máis importante. O gasto realizado polas administracións públicas incrementouse un 23% en relación ao 2022.
O investimento en ciencia das universidades supón o 38,6% do total, fronte ao 25,5% no conxunto de España
O gasto en I+D realizado polas empresas foi en Galicia o 48% do total, fronte ao 56% que representou no conxunto do Estado. O gasto das administracións públicas foi en Galicia o 13% do total (no Estado o 18%). A gran diferenza no noso país márcaa o importante peso que as universidades seguen a ter no investimento en ciencia, que representa o 38,6% do total, fronte ao 25,5% no conxunto de España.
O gráfico amosa a evolución do peso destes tres sectores no investimento, cunha tendencia de ascenso do sector empresarial privado e de descenso das universidades e das administracións públicas. Con todo, en Galicia as entidades de ensino superior continúan a representar unha proporción moi significativa do gasto en ciencia.
O persoal dedicado a ciencia en Galicia suma case 14 mil xornadas laborais completas (13.856), cun forte aumento dende o 2022 (12.349). Dende o 2020, unha vez superada a pandemia, o persoal dedicado a labores de I+D (non só investigadores) aumentou un 28% en Galicia
En paralelo co incremento do investimento en investigación, desenvolvemento e innovación, tamén veu medrando o número de persoas dedicadas a estas áreas en Galicia. O INE amosa que no ano 2023 o persoal dedicado e estes labores sumaba case 14 mil xornadas laborais completas (13.856), cun forte aumento dende o 2022 (12.349). Este indicador non mide postos de traballo, senón que valora de forma distinta as persoas empregadas a tempo completo, tempo parcial e outras modalidades de vinculación laboral.
A serie estatística acadara un máximo en 2010 (10.809 xornadas laborais completas) para despois descender ata o ano 2015 por mor dos recortes en ciencia. Dende entón -coa única excepción da pandemia de COVID- a tendencia é de claro ascenso. Dende o 2020, unha vez superada a pandemia, o persoal dedicado a labores de I+D (non só investigadores) aumentou un 28% en Galicia.