Persoal investigador acada o consenso político nun "novo pacto pola ciencia" que aposta por destinar a I+D o 3% do PIB

Sinatura do novo Pacto pola Ciencia a cargo do BNG, representado por Néstor Rego, este mércores na Facultade de Matemáticas da USC © BNG

O texto reivindica o papel central da ciencia e a cultura científica e reclama a aprobación do Estatuto do Persoal de Investigación, a simplificación da burocracia e o incremento ata o 3% do PIB do investimento en I+D+I cunha taxa mínima de execución do 90%

O pasado 29 de xuño varias decenas de entidades asinaron en Madrid o novo pacto pola ciencia impulsado pola coordinadora estatal Marea Roja de la Investigación, un documento dirixido aos partidos políticos cunha serie de medidas para impulsar a investigación en España na vindeira lexislatura. O texto reivindica o papel central da ciencia e a cultura científica e reclama a aprobación do Estatuto do Persoal de Investigación, a simplificación da burocracia e o incremento ata o 3% do PIB do investimento en I+D+I cunha taxa mínima de execución do 90%, todo co obxectivo de construír un sistema de ciencia "capaz de dignificar o traballo do persoal de investigación e beneficiar a toda a sociedade no seu conxunto".

Entre as entidades que a pasada semana asinaron o pacto  estaban a Coordinadora Marea Roja de la Investigación, a Federación de Jóvenes Investigadores Precarios, FPIs en lucha ou FPU Investiga, sindicatos (CCOO, UGT, CNT, USO, CSIF ou a CIG) e tamén as entidades galegas de investigadores e investigadoras InvestiGal-Rede Galega pola Investigación, Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC) ou a Asociación de Persoal Investigador da Universidade de Vigo (APIUVigo). Tamén un gran número de forzas políticas: PP, PSOE, Sumar, IU, Podemos, Más País, Compromís ou Recortes Cero. 

Sinatura do novo Pacto pola Ciencia, o pasado 29 de xuño en Madrid © Coordinadora Marea Roja

O texto está apoiado por InvestiGal, Asemblea de Investigadoras de Compostela ou a Asociación de Persoal Investigador da Uvigo

Este mércores a Facultade de Matemáticas da USC acolleu a sinatura do pacto a cargo do BNG (que non puidera acudir o pasado día 29), nun acto no que estiveron presentes representantes de InvestiGal, Asemblea de Investigadoras de Compostela e FPU Investiga. Tamén se sumou ao pacto o nodo galego da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT).

O documento sinala que "unha reforma parcial e unha inxección temporal de fondos non poden facer fronte ás necesarias transformacións pendentes no Sistema Español de Ciencia" e chama a "establecer un novo pacto pola ciencia"

O documento comeza destacando que "nos últimos anos púxose de manifesto o papel determinante da investigación científica na sociedade" e sinala que "a pandemia da COVID-19 e a emerxencia climática son dous exemplos de como a investigación científica supón un dos piares principais para afrontar a complexidade dos retos actuais". 

De igual xeito, recoñece que no plano lexislativo houbo "algúns avances na incorporación de dereitos do persoal de investigación coa aprobación da reforma da Lei da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación (LCTI), así como un incremento no orzamento de I+D+I impulsado polos fondos europeos Next-Generation EU". Porén, engade que "unha reforma parcial e unha inxección temporal de fondos non poden facer fronte ás necesarias transformacións pendentes no Sistema Español de Ciencia" e chama a "establecer un novo pacto pola ciencia" centrado en "catro alicerces fundamentais".

Entidades asinantes do 'novo pacto pola ciencia' © Coordinadora Marea Roja

O documento demanda "normas e protocolos claros e contundentes" para rematar "cos múltiples abusos de poder no sistema español de ciencia, que van dende a prevaricación en concursos públicos ata o acoso sexual, pasando pola fraude científica"

O primeiro destes alicerces é a aprobación dun Estatuto de Persoal de Investigación (EPI) que inclúa a todo o persoal investigador, técnico e de xestión en ciencia que "garanta dereitos mínimos en canto a retribucións, progresión na carreira científica e estabilización, entre outras cuestións" e que siga "o exemplo" do que supuxo o Estatuto do Persoal Investigador Predoutoral en Formación (EPIPF) en 2019 para o colectivo predoutoral.

O segundo punto fai referencia á simplificación e eficiencia burocrática, sinalando que "os acordos DORA e CoARA, aínda que apuntan na dirección correcta, resultan insuficientes para facer fronte á saturación burocrática". O documento reclama "políticas activas de desconxestionamento e de simplificación de trámites administrativos e satisfacción de ránkings e métricas de produtividade". Así mesmo, subliña a importancia da elaboración dun rexistro único para convocatorias de prazas de persoal docente e investigador en universidades públicas e organismos públicos de investigación e a xeneralización "dun formato único de CV nas distintas convocatorias de contratos e proxectos".

O texto insta a incrementar o investimento en I+D+I ata situalo no 3% do PIB para atallar o "atraso histórico" de España nesta materia, en relación cos países da nosa contorna

En terceiro lugar, demanda "normas e protocolos claros e contundentes" para rematar "cos múltiples abusos de poder no sistema español de ciencia, que van dende a prevaricación en concursos públicos ata o acoso sexual, pasando pola fraude científica". Neste senso, sinala que "o recentemente nomeado Comité Español de Ética na Investigación debe ser dotado dos medios necesarios para asegurar esta función e non ser relegado a un organismo simplemente consultivo e marxinal". Así mesmo, reclama "reducir o teito de cristal", especialmente nas áreas do ámbito STEM e nos postos de maior nivel, onde se produce unha maior desigualdade de xénero.  

Finalmente, o documento insta a incrementar o investimento en I+D+I ata situalo no 3% do PIB para atallar o "atraso histórico" de España nesta materia, en relación cos países da nosa contorna. Este investimento mínimo "non pode seguir a ser unha promesa sen compromiso, senón que debe establecerse e publicarse unha memoria económica detallada e vinculante que asegure o cumprimento deste obxectivo", sinala o texto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.