Persoal investigador denuncia atrasos de meses nos seus contratos pola "falta de planificación" da Xunta

Investigadoras nunha universidade galega © CIG

As dúas entidades explican que a razón destes atrasos é "unha reestruturación do servizo debido a xubilacións e cambios de destino", unido "a unha cantidade de persoal no servizo insuficiente e unha total falla de planificación" 

Os colectivos de persoal investigador InvestiGal e a Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC) denuncian atrasos "de meses" en todas as convocatorias e resolucións para a contratación do persoal investigador galego debido a cambios no cadro de persoal da Secretaría Xeral de Universidades, "deficiencias de persoal" e "falta de planificación" por parte do Goberno galego.

As dúas entidades explican que cada ano a Secretaría Xeral de Universidades convoca as chamadas axudas de apoio ás etapas predoutoral e posdoutoral. Estas axudas adoitan convocarse en xaneiro de maneira que, se se cumpren os prazos previstos, as investigadoras comecen o seu contrato a inicios do curso académico seguinte. De feito, integrantes de InvestiGal e da AIC reuníronse o pasado xullo coa Secretaría Xeral, que confirmou que este ano o calendario sería o mesmo. 

Investigadora nun laboratorio © Uvigo

O atraso provocará previsiblemente que os contratos non poidan iniciarse no comezo do curso 2023-24, senón máis ben en decembro no mellor dos casos

Porén, a día de hoxe estas axudas seguen sen convocarse e son moitos e moitas investigadoras predoutorais e posdoutorais que "seguen esperando, sen saber cando poderán finalmente presentarse a estas convocatorias competitivas nin cales serán os requisitos para a mesma". Ademais, o atraso provocará previsiblemente que os contratos non poidan iniciarse no comezo do curso 2023-24, senón máis ben en decembro no mellor dos casos, se finalmente se cumpre a promesa da Secretaría Xeral de publicar a convocatoria nas vindeiras semanas.

"Esta demora dá lugar a incerteza nas investigadoras, sen coñecer cando van poder saber finalmente se van ter ou non un contrato para poder levar a cabo as súas investigacións", denuncian

"Esta demora dá lugar a incerteza nas investigadoras, sen coñecer cando van poder saber finalmente se van ter ou non un contrato para poder levar a cabo as súas investigacións", denuncian Investigal e a AIC. As dúas entidades sinalan que a demora na convocatoria destas axudas "é inadmisible" e reinvindican que se convoquen "o antes posible" e que "non se retiren aqueles dereitos que se foran conquistando nos últimos anos". Os colectivos de investigación levan anos reclamando a necesidade de establecer un calendario de convocatorias estable para que investigadoras e investigadores poidan planificar o seu futuro.

Atrasos dende novembro para 17 investigadoras e investigadores

Investigal e a Asemblea de Investigadoras de Compostela denuncian, ademais, que dezasete investigadoras predoutorais levaban dende novembro esperando para poder asinar o seu contrato predoutoral. Estas persoas estaban na lista de agarda da convocatoria de axudas predoutorais de 2022 mais na resolución provisional de novembro coñeceron que, por renuncias doutras persoas, pasaban a ser beneficiarias dun destes contratos. Nesta resolución establecíase que estes contratos comezarían o 1 de decembro, un prazo que non se cumpriu.

Concentración de Investigal na Praza do Obradoiro, nunha imaxe de arquivo © Investigal

As entidades denuncian que dezasete investigadoras predoutorais levaban dende novembro esperando para asinar o seu contrato predoutoral

Finalmente, hai uns días estes 17 traballadores e traballadoras souberon que finalmente, 4 meses despois do previsto, ían asinar o seu contrato predoutoral que lles pertence. Este atraso provocou numerosos prexuízos a nivel persoal xa que foron varias as persoas que, contando con fimar este novo contrato inminentemente, deixaron o seu traballo anterior, explican as dúas entidades.

Problemas de persoal e planificación

As dúas entidades explican que a razón destes atrasos é "unha reestruturación do servizo debido a xubilacións e cambios de destino", o que unido "a unha cantidade de persoal no servizo insuficiente e unha total falla de planificación" provocou que non se convocasen aínda as axudas de 2023 nin se resolvesen definitivamente as axudas de 2022.

Os colectivos de investigación levan anos reclamando a necesidade de establecer un calendario de convocatorias estable para que investigadoras e investigadores poidan planificar o seu futuro

Investigal e AIC consideran que a "promesa" da Secretaría Xeral de Universidades de convocar estas axudas "de forma inminente" non parece "realista", sinalando que as convocatorias "aínda non están en proceso de redacción". Ademais, as dúas entidades denuncian que na nova convocatoria "só poderán pedir esta axuda as persoas que estean matriculadas nun programa de doutoramento no momento da solicitude", o que implicaría que "só aquelas persoas que xa levan un ano de doutoramento poidan ser beneficiarias, obrigando a todas as investigadoras predoutorais a estar un ano no doutoramento sen un contrato deste tipo e traballando de forma gratuíta".

Critican que "isto impide o acceso ao doutoramento a aquelas persoas cunha situación económica máis vulnerable, pois hai moita xente que non se pode permitir estar un ano traballando sen ningún tipo de remuneración económica".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.