O proceso para a formación e estabilización do persoal investigador en Galicia presenta anomalías relevantes. Os investigadores comezan a súa formación específica coa elaboración dunha tese de doutoramento e, segundo a Asemblea de Investigadores de Compostela (xullo 2021), “a cantidade de persoal predoutoral que non dispón de ningún tipo de contrato na USC supera o 70%”. O dato significa que esas persoas traballan de balde, sen remuneración, viven das familias. Se iso acontece na Universidade de Santiago, supoñemos que a realidade nas outras dúas universidades (A Coruña e Vigo) non será moi diferente.
Un desaxuste alarmante
O proceso para a formación e estabilización do persoal investigador en Galicia presenta anomalías relevantes
Zulema Varela Río superou esa etapa porén ten por diante outro reto ben complexo. Esta bióloga realizou a súa tese de doutoramento sobre musgos que poden ser utilizados para medir a calidade do aire e agora, ademais, traballa con algas e mexillóns para monitorizar a contaminación mariña. Investiga na USC grazas a unha bolsa posdoutoral da Xunta de Galicia que remata en maio. Despois desa data enfrontará a incerteza que afecta a moitos investigadores galegos na súa situación.
Porque cando chega a hora da estabilización –no momento no que o investigador debe iniciar un camiño autónomo– o número de contratos ofertados é mínimo. Zulema comentoume que desde 2013 se presentaron unhas 3700 teses de doutoramento en Galicia e en InvestiGal, a Rede Galega pola Investigación, estiman que por cada 13 titulados que len unha tese só existe un contrato posdoutoral da Xunta de Galicia. Se un 10% dos doutores acceden a un contrato existe un obvio desaxuste e resulta evidente que a maioría non poderá seguir dedicándose á investigación en condicións laborais axeitadas á súa formación. Probablemente non todos os que presentan unha tese deben desenvolver unha carreira investigadora, porén, falamos dun 90% nesa precaria situación!
Cando chega a hora da estabilización –no momento no que o investigador debe iniciar un camiño autónomo– o número de contratos ofertados é mínimo
Canto os excluídos, esa inmensa maioría, uns deixan a investigación e opositan no ensino secundario; outros sobreviven nas universidades galegas con contratos precarios; uns poucos marchan cara as empresas privadas, en traballos que en xeral pouco teñen que ver coa súa formación e coa investigación; e un cuarto grupo está formado polos moitos que emigran a outros países para continuar dedicándose á investigación. Por iso desde InvestiGal reclaman á Xunta e ás universidades galegas a creación dunha carreira investigadora e un Pacto Galego pola Ciencia e, sobre todo, máis investimento.
Ciencia e recursos
Sabemos que a Ciencia é un factor básico para o desenvolvemento dun país e, de feito, a pandemia da Covid 19 puxo enriba da mesa a importancia da investigación. Porén, o consenso sobre o valor da Ciencia non ten especial transcendencia se non se traduce en financiamento axeitado
Sabemos que a Ciencia é un factor básico para o desenvolvemento dun país e, de feito, a pandemia da Covid 19 puxo enriba da mesa a importancia da investigación. Porén, o consenso sobre o valor da Ciencia non ten especial transcendencia se non se traduce en financiamento axeitado. Malia esa evidencia, en Galicia os datos dinos que imos por outro camiño. Así, por exemplo, dúas salientables investigadoras, Marisol Soengas e María Mayán, reflexionaban hai un ano (3 de xaneiro 2020, La Voz de Galicia) sobre o feito de despois de once edicións do interesante encontro anual Jóvenes Investigadores Gallegos en el Extranjero: “menos del 5% han podido regresar y liderar su propio laboratorio en condiciones dignas”. E tiñan clara a orixe diso: “Estas cifras tan desalentadoras no son sorprendentes, considerando que Galicia dedica solamente el 0,97% de su PIB a ciencia”. Que contrasta co 1,25 % de España, o 1,21% de Grecia ou o 1,4% de Portugal. Malia a propaganda, o feito é que en Galicia seguimos, no relativo a investimento en I+D –en termos absolutos e relativos–, no pelotón de cola de Europa.
Unha fuga que carece de datos
Por ese déficit de investimento temos a incerteza laboral que afecta a Zulema e moitas das súas colegas, por iso marchan científicos formados en Galicia cara o estranxeiro
Por ese déficit de investimento temos a incerteza laboral que afecta a Zulema e moitas das súas colegas, por iso marchan científicos formados en Galicia cara o estranxeiro. Á emigración, formando parte do conxunto de mozos galegos obrigados a saír do país (75.000 persoas de entre os 16 e 29 anos entre 2009 e 2019). Cantos son os investigadores que forman parte dese continxente emigrante? A significativa resposta, repetida durante todos estes anos, é que non dispoñemos de datos. O informe Fuga de talento na Galiza. Mito ou realidade? do Foro Económico de Galicia (decembro 2020) –que deu lugar a interpretacións ben diferentes– incorporaba algúns, pero realmente suxería máis preguntas que ofrecía respostas e afirmaba que analizar a fuga de talentos de forma rigorosa “es una cuestión extraordinariamente difícil debido a la falta de las estadísticas oficiales apropiadas”.
Por outra banda, o profesor Fernando González Laxe (2013) indicou que entre 2003 e 2010, ou sexa, antes da crise, de Galicia marchaban a metade dos titulados, de todas as especialidades, das universidades galegas. Como vemos o tema demanda medidas das autoridades políticas e do sistema científico e universitario galego.
Tamén marchan “os mellores”
Fronte esa ausencia de datos cómpre destacar algún dos poucos estudos que pretenden achegarnos ao fenómeno do exilio científico. O 19 xaneiro do pasado 2021 a “Facultad Invisible” fixo pública unha enquisa sobre experiencia no estranxeiro de integrantes da mesma realizada na parte final do ano 2020. A “Facultad Invisible” está formado por persoas galardoadas co “Premio Nacional de Excelencia Académica” (premios nacionais fin de carreira) que concede o Ministerio de Educación. Persoas das que cabería agardar un futuro laboral estable e unha relevante contribución para a sociedade.
Marchan sen opción de volta, polo que –en xeral– non haberá retorno de coñecemento; xa están integrados noutro sistema científico
Os resultados da enquisa son desacougantes. Amosan que mesmo entre eses “premios nacionales” a emigración é unha necesidade para avanzar na súa carreira. Porque a primeira sorpresa que ofreceu o estudo foi que case a metade dos consultados está no estranxeiro, maiormente no mundo académico. Atribúen a súa marcha a motivos laborais (de feito, o 100% dos que non saíron din que foi por razóns familiares e/ou de parella, non por opción profesional). Asemade, comparten o desexo do retorno a España (só un 14% están decididos a continuar no exterior), porén, e iso é ben significativo, non teñen esperanzas de que iso aconteza; un 91% dos que traballan no mundo académico non cren poder atopar un traballo con similares características.
O fenómeno actual da emigración científica incide en dúas cuestións importantes. A primeira, no cambio de modelo da relación dos investigadores co estranxeiro. Ata hai pouco, a saída dos investigadores en formación era un eloxiable obxectivo para conectar coa vangarda científica e para volver –en poucos anos– para contribuír na comunidade científica local cos coñecementos adquiridos. Hoxe xa non se trata dunha mellora na formación, é emigración. Marchan sen opción de volta, polo que –en xeral– non haberá retorno de coñecemento; xa están integrados noutro sistema científico. A segunda cuestión ten que ver coa meritocracia. Hai anos, familia, sociedade, universidade, todos animaban aos que comezaban cara unha boa formación; o esforzo tiña recompensa laboral. Hoxe iso está posto en cuestión e, pola contra, acada un notable protagonismo algo que sempre estivo presente, a condición social do afectado, as relacións da familia, como elemento relevante no futuro profesional.
O custe para todos nós
O tema que hoxe trato non afecta só aos implicados directamente, repercute no conxunto da sociedade
O tema que hoxe trato non afecta só aos implicados directamente, repercute no conxunto da sociedade. Primeiro dende un punto de visto económico, pois o sistema científico é sufragado polos que pagamos impostos. Sobre o informe Fuga de talento na Galiza. Mito ou realidade? do Foro Económico de Galicia (decembro 2020), a profesora Sara Fernández López (USC) indicou que Galicia perdería anualmente sobre 200 millóns de euros por formar tituladas e titulados que emigran. Tamén hai unha compoñente demográfica: este proceso migratorio suporía unha perda de nacementos anual de 1.500 nenos e nenas (sen contar o retraso na vida familiar incentivado pola precariedade). Así mesmo, deixaríanse de crear anualmente ao redor de 315 novas empresas.
Cada vez que un investigador completamente formado ten que saír de España –ou abandonar o exercicio da profesión por ausencia de opcións laborais– perdemos ese medio millón de euros investidos, sen ter en conta o enorme valor engadido desaproveitado
Nesta liña de cuantificar, polo menos parcialmente, a perda económica que supón para o país a saída dos nosos investigadores, dous profesores da Universidade da Coruña, Moisés Canle e Xosé Lois Armesto, dedicaron algo do seu tempo libre a realizar un cálculo que publicaron o 10 de xuño de 2021. Fronte o éxodo masivo de varias xeracións de investigadores moi ben formadas, Canle e Armesto fixéronse una pregunta ben pertinente e clara: “Canto inviste a sociedade en formar a un investigador?”. A conclusión á que chegaron foi que, dependendo da área, o investimento está polos 500.000 euros. Polo tanto, indicaron, cada vez que un investigador completamente formado ten que saír de España –ou abandonar o exercicio da profesión por ausencia de opcións laborais– perdemos ese medio millón de euros investidos, sen ter en conta o enorme valor engadido desaproveitado. No terreo das cifras pensemos que o valioso programa InTalent, colaboración entre a universidade coruñesa e Inditex para contratar investigadores posdoutorais, aporta un millón de euros anuais, o equivalente a dous investigadores formados que deixen o sistema universitario.
A interesante contribución destes profesores da Universidade da Coruña lévanos a outra pregunta: ¿cantos investigadores formados nas diversas universidades e centros de investigación deixan Galicia/España, ou abandonan? Non hai resposta porque –como veño repetindo– a ausencia de datos oficiais e de estudos académicos é unha constante neste tema desde sempre. Por iso, temos dereito a dubidar de que esa salientable carencia sexa debida só á neglixencia. Semella que non interesa informar dos cartos que tiramos ao lixo cando enviamos ao estranxeiro ou á casa aos nosos investigadores. Quizás porque así non hai que tomar medidas e ofrecer solucións.