Todo o persoal investigador terá dereito á indemnización ao remate dos seus contratos, como reclamaban as entidades do sector

Concentración de protesta contra a reforma da Lei de Ciencia, o pasado mes de abril na Praza do Obradoiro © Investigal

A nova Lei de Ciencia, actualmente en tramitación, incluirá o dereito de todo o persoal investigador con contratos en vigor a recibir unha indemnización ao remate do seu contrato. A CIG vén de comunicar que o Goberno central se comprometeu a incorporar esta modificación, que viña sendo reclamada polas entidades representativas do persoal investigador, entre elas Investigal, a Asemblea de Investigadoras de Compostela ou FPU investiga, que mesmo convocaran concentracións para o vindeiro luns.

A CIG informa de que o Goberno central se comprometeu este xoves na mesa de negociación das Administracións Públicas a modificar este punto na Lei de Ciencia en tramitación

O sindicato explica que o Executivo comunicou o cambio durante a reunión do Grupo de Traballo da Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas, onde a CIG levaba a proposta de modificar a disposición transitoria segunda da Lei, "recollendo o que desde colectivos e asembleas de persoal investigador se propoñía". O sindicato considera "positivo" o cambio de posición do Goberno central e entende que "dá resposta á inxustiza que suporía que miles de persoas non tivesen dereito a unha indemnización ao rematar o seu actual contrato".

Cartel das concentracións convocadas en varias cidades do Estado o vindeiro luns 7 de febreiro © Investigal

A CIG considera "positivo" o cambio de posición do Goberno central e entende que "dá resposta á inxustiza que suporía que miles de persoas non tivesen dereito a unha indemnización ao rematar o seu actual contrato"

Ata agora, a nova Lei de Ciencia recollía o recoñecemento do dereito a unha indemnización de 12 días de salario por ano de servizo para as persoas que rematen un contrato de investigación. Pola contra, esta medida só se aplicaba aos contratos que se asinasen a partir da entrada en vigor da nova lei, deixando sen esta indemnización a máis de 15.000 mozos e mozas en todo o Estado que neste momento teñen un contrato de investigación (10.000 predoutorais e 5.000 postdoutorais). 

"A indemnización por finalización de contrato no ámbito científico é unha reivindicación histórica que se nega, precisamente, aos investigadores e investigadoras que máis sufriron as consecuencias da crise sanitaria", sinalaban as entidades representativas do sector. Porén, agora a nova norma estenderá este dereito a todos os contratos en vigor.

Entidades representativas do persoal investigador de todo o Estado convocan este luns 7 de xaneiro concentracións en varias cidades, entre elas Compostela

Entidades representativas do persoal investigador de todo o Estado convocan este luns 7 de xaneiro concentracións en varias cidades para reclamar a modificación da lei actualmente en tramitación, que critican por "incompleta". En Compostela a concentración terá lugar ás portas da Biblioteca Concepción Arenal ás 12 horas do mediodía. As convocatorias coincidirán coa comparecencia no Congreso dos Deputados de representantes de FPU investiga para tratar o contido da lei e a situación do persoal investigador no Estado.

Ademais da cuestión da indemnización ao remate dos contratos, os colectivos denunciaban que a norma "deixa outras cuestións de urxencia sen abordar", como a elaboración dun Estatuto do Persoal de Investigación (EPI) ou o incremento da retribución mínima dos contratados predoctorales desde o primeiro momento do contrato. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.